O proxecto de Lei da asesoría xurídica da Xunta culmina o plan de impulso democrático
PUY SALIENTA QUE O PLENO DEBATE MAÑÁ A APROBACIÓN DEFINITIVA DA LEI DE ASESORÍA XURÍDICA DA XUNTA, QUE CULMINA O PLAN DE IMPULSO DEMOCRÁTICO ANUNCIADO POR FEIJÓO
· Este plan incorporou a Lei de transparencia e bo goberno, a reforma do Consello de Contas, a Lei de financiamento de partidos políticos e a lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá
· O Pleno incorpora o debate de toma en consideración da modificación da Lei de policía local de Galicia
Santiago, 28 de marzo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o Pleno desta semana procederá ao debate para a aprobación do proxecto de Lei da asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e do seu sector público, que culmina o plan de impulso democrático anunciado por Feijóo no mes de xaneiro do pasado ano no que tamén se incorporan outros catro proxectos lexislativos.
Puy sinalou que a sesión plenaria que se celebra mañá e o mércores terá “un marcado carácter sanitario”, coa comparecencia do conselleiro de Sanidade a petición propia para explicar a estratexia SERGAS 2020, á que se sumarán tres mocións e tres proposicións non de lei relativas a cuestións sanitarias.
No ámbito dos proxectos lexislativos, o portavoz popular indicou que na sesión plenaria procederase ao debate de toma en consideración do proxecto de Lei que modifica a Lei de coordinación de policías locais. Neste sentido, explicou que este texto “mellora a eficiencia e eficacia organizativa destes corpos de seguridade, coa introdución de cuestións como a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder á policía local galega; a mellora nos procesos de cobertura de prazas de mandos, que facilita tanto a promoción interna, como a mobilidade con ascenso desde outros corpos; e a eliminación da dispensa dun grao na titulación, recollido na Lei anterior para determinados procesos de integración e de promoción”.
FUNCIÓNS DA ASESORÍA XURÍDICA
Porén, Puy fixo especial referencia ao debate para aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e do seu sector público. En concreto, este texto pretende regulamentar e establecer con carácter certo e legal as funcións da asesoría xurídica, dotándoa dun maior control da legalidade, da transparencia, da mellora da calidade lexislativa, da loita contra a corrupción e, en definitiva, dunha maior defensa dos dereitos dos cidadáns.
Esta norma “establece claramente cal é o comportamento da asesoría xurídica nos casos de que algún membro da administración estea suxeito a un procedemento xudicial”, indicou Puy. Así, apuntou a existencia dun problema cando “a asesoría xurídica asume a defensa dunha persoa investigada porque entende que a súa actuación foi conforme a dereito, pero na práctica da investigación xudicial se pode chegar á conclusión de que a Administración autonómica foi prexudicada pola actuación desa mesma persoa”.
Pedro Puy manifestou que coa aprobación deste proxecto de Lei “queda culminado” o plan de impulso democrático anunciado polo Presidente en xaneiro do pasado ano. Neste sentido, lembrou que este plan incluía a Lei de transparencia e bo goberno, que xa está vixente e se empeza a traducir nas distintas páxinas web da administración autonómica; a lei que reforma o Consello de Contas, que tamén está en marcha e xa se anunciou que o plan de traballo para 2016 incorpora as primeiras actuacións en materia de prevención da corrupción; a nova lei de financiamento de partidos, da que xa se convocaron axudas que impiden ás distintas forzas políticas percibir doazóns de empresas ou de persoas que formen parte dos seus consellos de administración; e a lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá na Cámara, a través da que os cidadáns xa poden presentar a través do portal web do Parlamento iniciativas de impulso como de control do Goberno galego.
O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei: unha primeira, sobre a apertura do túnel do Parrote en A Coruña, despois de cen días desde que a obra se recepcionara; e outra solicitando que se impulsen os cambios normativos necesarios para que os traballadores do mar poidan mellorar de xeito voluntario as súas bases de cotización.
CANDIDATURA FEIJÓO
Cuestionado sobre a posible candidatura de Feijóo á Presidencia do PPdeG e á Xunta de Galicia, Pedro Puy sinalou que “Feijóo abriu un proceso de renovación no partido, que empezou polo goberno, continuou cos congresos provinciais, a renovación de ideas a través do debate de ponencia política e finaliza coa celebración do Congreso autonómico, no que se elixe o Presidente do partido que despois será o candidato a Presidente da Xunta”. “Está máis que claro que non hai un proxecto esgotado nin outro motivo que o respecto a un proceso que o propio Presidente abriu para a renovación de ideas, de persoas e de equipos directivos”, engadiu.
Neste sentido, reiterou que “confío e desexo que unha das persoas que presenten a súa candidatura sexa o actual Presidente galego, que está a facer unha magnífica labor á fronte da Xunta”.