Feijóo trasládalle Noriega a aposta da Xunta por un traballo coordinado

Alberto Núñez Feijóo trasladoulle hoxe ao alcalde de Santiago que a aposta do Goberno galego pola estación intermodal pasa por un traballo coordinado entre as administracións que permita facer realidade o antes posible esta infraestrutura na capital de Galicia. Este foi un dos asuntos principais abordados na reunión que esta mañá mantiveron o presidente autonómico e o rexedor compostelán.
 
No encontro, Feijóo puxo de manifesto o labor que está a desenvolver a Xunta para dotar Santiago de Compostela dunha auténtica estación intermodal na que sexa posible conectar o transporte colectivo por estrada co ferroviario, unindo ademais os barrios da cidade situados a ambos os lados das vías férreas entre si e coas terminais de autobuses e ferroviarias.
 
O presidente da Xunta lembrou que a Administración autonómica está a avanzar con determinación nas actuacións da súa competencia, encamiñadas á integración da estación de autobuses na parcela da terminal ferroviaria. E, nese sentido, informou ao alcalde de Santiago da recente adxudicación do proxecto construtivo da nova terminal de autobuses.
 
Feijóo comprometeu que o proxecto da nova estación de autobuses estará rematado e poderá presentarse neste mesmo ano. Por ese motivo, o titular do Executivo autonómico reclamou a implicación do Concello de Santiago no proxecto e solicitou ao rexedor compostelán que no vindeiro mes de maio o Concello comece a desenvolver os traballos da súa responsabilidade, tales como a adecuación do planeamento urbanístico a través da tramitación dun plan especial ou a expropiación dos terreos para posibilitar a execución das obras.
 
Coordinación aeroportuaria
Na reunión desta mañá, o presidente galego manifestoulle tamén ao alcalde de Santiago que o Goberno galego reiterou a aposta pola coordinación aeroportuaria na Comunidade Autónoma, defendendo Galicia como un único destino aeroportuario.
 
A este respecto, Feijóo solicitoulle a Noriega que o Concello de Santiago contribúa a ese obxectivo e que as decisións se tomen no Comité de coordinación aeroportuaria, para a promoción de rutas aéreas, tanto desde o aeroporto da Lavacolla como desde o resto dos aeroportos galegos.
 
Finalmente, Alberto Núñez Feijóo manifestou o compromiso do Goberno galego de impulsar a Variante de Aradas, unha infraestrutura que facilitará o acceso desde a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, aliviando o barrio de Vite de gran parte do tráfico pesado que rexistra na actualidade. Nese sentido, o presidente avanzou que neste mesmo semestre se iniciarán as expropiacións necesarias para acometer esta nova estrada.
 
O presidente galego manifestou a súa vontade de manter unha relación de cordialidade co Concello de Santiago para traballar desde a máxima lealdade institucional polo benestar dos veciños de Compostela e a prol dos intereses da cidade como capital de Galicia.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/RhyKnRQQDps» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo salienta que Galicia é hoxe unha das comunidades máis solventes

Alberto Núñez Feijóo destacou que Galicia é hoxe unha das comunidades máis solventes: con mellores datos económicos, máis educación pública e con máis servizos públicos, coa atención de 1.100 dependentes máis a partir do mes de abril. “Mantemos un Goberno solvente e estamos intentando sacar Galicia da dobre recesión económica que padecemos durante estes anos”, aseverou, en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara.

Deste xeito, e nun primeiro termo, Feijóo salientou que Galicia ten mellores datos económicos que a maioría das comunidades, reflectidos nun incremento do PIB, no récord de exportacións e no récord do índice de produción industrial; “e onde había paro e baixas de afiliación á Seguridade Social, agora hai emprego -23.000 parados menos- e se incrementaron as altas”, engadiu.

No tocante aos servizos públicos, o titular do Goberno galego aseverou que este ano 2016, o 70% dos galegos terán na súa área sanitaria un hospital novo ou un hospital reformado. E, no eido da dependencia avanzou que a partir do mes de abril atenderanse a 1.100 dependentes máis, lembrando así mesmo que se en 2009 a ratio de atención era do 30%, actualmente é do 64%.

“E temos tamén máis educación pública, con menos abandono escolar, con máis prazas de comedores escolares e máis prazas de formación profesional e, hoxe, os universitarios galegos son os que menos taxas pagan de España”, abundou.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao problema demográfico, “o primeiro problema estrutural de Galicia”, dixo, incidindo no problema do envellecemento da poboación.

Sobre este punto, destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas cunha das políticas máis beneficiosas para a dedución por fillos e cun 68% máis de prazas públicas de garderías que ao inicio da crise económica.

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que Galicia é a terceira comunidade autónoma que menos renda perdeu en converxencia coa UE. Neste sentido, abundou en que Galicia tivo un comportamento mellor en termos globais que a media do PIB español. “A nosa Comunidade perdeu nove puntos de converxencia coa EU no contexto da recesión económica fronte aos 11 puntos que perdeu España, dous puntos máis”, explicou.

O presidente da Xunta aseverou que no ano 2015 Galicia está volvendo a converxer con Europa e asegurou que a nosa é unha das rexións europeas nas que máis creceu a economía.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/XOaVLw7ZmwQ» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo adianta que a Xunta levará ao Parlamento unha nova Lei de transporte público

Alberto Núñez Feijóo adiantou hoxe que a Xunta levará ao Parlamento unha nova lei para garantir o normal funcionamento do transporte público de viaxeiros por estrada en Galicia, logo de que o Tribunal Supremo anulase a prórroga das concesións autorizadas pola Administración autonómica a través da Lei de medidas urxentes de novembro de 2009, concretada na posterior resolución da Dirección Xeral de Mobilidade de febreiro de 2010.
 
O mandatario galego lembrou que ese texto actuou para garantir o funcionamento do servizo público ante a entrada en vigor do novo regulamento comunitario sobre a materia. E apuntou que desde 2007 o bipartito coñecía o dito regulamento e só foi quen de aprobar varios borradores de lei, polo que Galicia se expoñía a perder todas as concesións de transporte interurbano aprobadas ata o momento.
 
Pola contra, sinalou que a Xunta, coa norma de 2009, deu unha resposta ao sector nun prazo de sete meses, pactando con el unha solución similar á de outras 12 comunidades autónomas que establecía unha prórroga de dez anos para as distintas concesións. Un procedemento, dixo, que foi considerado conforme a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Como consecuencia de que cando tomamos posesión quedaban uns meses para que fosen decaendo todas e cada unha das concesións de transporte”, lembrou, “tivemos que sacar esa lei co acordo do sector e coa abstención do partido socialista”.
 
Agora, asegurou, logo da decisión do Tribunal Supremo, a Xunta presentará unha nova lei ao Parlamento para garantir a prestación adecuada dos servizos de transporte público aos cidadáns.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/F2fbi7uk1ik» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Parlamento aproba sistema mellora cotizacións para os traballadores do mar


O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR DIRIXIDA A POÑER EN MARCHA UN SISTEMA DE MELLORA DAS COTIZACIÓNS PARA OS TRABALLADORES DO MAR

·    Entre outras vantaxes, o novo modelo de cotización fará posible un aumento considerable da dotación económica das pensións que estes traballadores recibirán unha vez que accedan á xubilación


·    Dun réxime similar a este xa se benefician os traballadores autónomos e agrarios que poden escoller unha base de cotización variable en función das súa situación económica, expectativas de beneficio ou circunstancias particulares

Santiago, 30 de marzo de 2016.- A iniciativa impulsada polo Grupo Popular dirixida á poñer en marcha un sistema de mellora voluntaria do réxime de cotización á Seguridade Social dos traballadores do Mar foi aprobada esta mañá no Parlamento de Galicia co voto favorable dos deputados populares e o apoio do Grupo Socialista e do Grupo Mixto.

O voceiro de pesca dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, agradeceu o respaldo recibido e puxo en valor un acordo que busca impulsar os cambios normativos que sexan precisos para ampliar e perfeccionar o sistema de protección social e laboral dos traballadores do mar e facelo, tras un proceso de diálogo co sector no que participarán as confrarías, entidades profesionais e sindicatos máis representativos, neste último caso citados expresamente no texto do acordo tras incorporar como engádega unha emenda do Grupo Mixto.

Balseiro aclarou que, entre outras vantaxes, o novo modelo de cotización fará posible un aumento considerable da dotación económica das pensións que estes traballadores recibirán unha vez que accedan á xubilación. Ademais, permitirá que cada profesional adapte as achegas que realiza á Seguridade Social en función dos seus ingresos, expectativas de beneficio ou situación económica puntual, como hoxe xa poden facer outros colectivos.


TRATAMENTO IGUALITARIO

Balseiro afondou neste argumento indicando que se trata de ofrecer aos profesionais do mar un sistema que xa existe para os autónomos e os traballadores agrarios, aos que a lei permite escoller unha base de cotización variable. Esta mesma vantaxe está prevista para os traballadores agrarios con conta propia. O portavoz popular indicou que, “para garantir un trato igualitario, debemos ofrecer aos traballadores do mar que poidan acollerse a similares vantaxes das que xa existen para estes outros profesionais”.

“Consideramos que as mulleres e homes do mar merecen este mesmo trato, a posibilidade de beneficiarse das vantaxes que implicaría un réxime de mellora voluntaria de cotizacións. Buscamos o xeito de ampliar a protección social dos nosos mariñeiros, da pesca e do marisqueo”, concluíu.

O Parlamento aproba traballar na integración no Plan de Acollida de Refuxiados

O PARLAMENTO APROBA INSTAR Á XUNTA A SEGUIR TRABALLANDO NO PLAN DE ACOLLIDA DE REFUXIADOS E FAVORECER A SÚA INTEGRACIÓN

·    A iniciativa incorpora a solicitude para que no ámbito comunitario se defenda políticas construtivas e coordinadas fronte ás ameazas dos controis fronteirizos que se cernen sobre o espazo Schengen

·    Tamén rexeita calquera acordo que contemple expulsións colectivas de refuxiados, así como a necesidade da adopción dun acordo respectuoso coa legalidade internacional e os Dereitos Humanos

Santiago, 30 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o  Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a seguir traballando na coordinación dentro do Plan de Acollida de todos os recursos dispoñibles tanto das administracións coma das ONGs e das familias galegas, co obxectivo de favorecer a efectiva integración das persoas solicitantes de protección internacional.

Así mesmo, a iniciativa incorpora a solicitude para que no ámbito comunitario se defenda políticas construtivas e coordinadas fronte ás ameazas dos controis fronteirizos que se cernen sobre o espazo Schengen. Neste sentido, considérase que a introdución permanente de controis fronteirizos non pode ser a resposta as arelas dos cidadáns da Unión Europea de maior seguridade e protección do seu nivel de vida.

NON Á EXPULSIÓN COLECTIVAS

A proposición non de lei tamén rexeita calquera acordo que contemple expulsións colectivas de refuxiados, así como a necesidade da adopción dun acordo respectuoso coa legalidade internacional e os Dereitos Humanos, e especificamente que calquera expulsión só será posible adoptala tras a conclusión dun expediente de asilo individualizado con todas as garantías.

O portavoz de Relacións Exteriores do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou que o plan de acollida de refuxiados posto en marcha pola Xunta “non contempla só a solución habitacional nin sequera só o acollemento destas persoas, senón tamén a súa integración na sociedade dándolles a acollida pero tamén a escolarización e atención sanitaria; atendendo especialmente aos menores que non están acompañados; e, en definitiva, garantizando a adecuada integración e permitindo o acceso ós refuxiados a tódolos servizos de todas as administracións dirixidos á poboación xeral”.

Trenor lembrou que o actual Goberno galego “anticipouse con este plan propio de acollida ás peticións do Goberno central, poñéndose de inmediato á súa disposición para ofrecer en Galicia unha acollida digna e solidaria destas persoas”. Así, a Xunta asumiu a coordinación de todos os recursos materiais e humanos, tanto da administración autonómica como dos concellos ou ONGs.

“Os galegos estamos preparados para traballar cando cheguen os refuxiados”, asegurou o portavoz popular, quen engadiu que “non se trata de facilitar recursos ociosos, senón que respectar os seus dereitos”.