A Xunta convoca cursos adaptados ao tecido empresarial para 10.000 desempregados

Santiago, 19 de maio de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a convocatoria de preto de 700 accións formativas, adaptadas ás necesidades do tecido empresarial, que teñen como obxectivo formar a máis de 10.000 persoas sen emprego. Estes cursos teñen tres modalidades segundo o lugar onde se desenvolvan: en centros e entidades de formación, nos centros públicos de formación profesional e no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, situado no barrio compostelán de Conxo.
 
Nos dous primeiros tipos de centros vanse realizar cursos de 450 horas de media para formar 9.000 persoas, que obterán un certificado de profesionalidade homologado. Priorízanse materias como soldadura, caldereiría, estruturas metálicas e deseño da industria naval, debido ao aumento da carga de traballo nos estaleiros galegos. “Está constatado que hai distintas áreas, sobre todo na Ferrol, onde temos dificultades para contratar soldadores en aceiro que estean á disposición da industria eólica mariña”, explicou o presidente. Tamén se farán cursos orientados á internacionalización, o emprendemento ou o desenvolvemento tecnolóxico.
 
A formación TIC, que chegará a 1.000 persoas ao longo de 3.270 horas, ten como obxectivo que os alumnos obteñan certificacións oficiais de fabricante, que acreditan que son quen de empregar unha determinada tecnoloxía.
 
Isto complementa aos programas de formación profesional co foco posto na Industria 4.0 que foron anunciados polo presidente hai dúas semanas e que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade de máis de 1.000 persoas en paro.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/TKfNWWOAdlw» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo avanza o visto e prace ao acordo de colaboración para a intermodal de Ourense

Santiago, 19 de maio de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Consello deu o visto e prace a un convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial Adif-Alta Velocidade para executar e desenvolver a nova estación de autobuses da cidade das Burgas. Trátase de configurar un nó de intercambio modal coa estación ferroviaria e outros medios de transporte de viaxeiros.
 
O dirixente popular galego sinalou que os obxectivos fundamentais son principalmente tres: promover o uso do transporte público; mellorar a permeabilidade da cidade no entorno; e dotar á estación ferroviaria das instalacións necesarias para a chegada da alta velocidade no ano 2018.
 
Logo de indicar que, a través deste acordo, cada institución terá diversos compromisos, Feijóo especificou que a Xunta encargarase de redactar os proxectos, executar e financiar as obras da estación de autobuses integrada na estación intermodal, así como de redactar o proxecto, executar as obras e tamén financiar unha porcentaxe do novo aparcadoiro de turismos.
 
Do mesmo xeito, terá que obter os solos necesarios para a nova estación de autobuses e indemnizar aos arrendatarios dos contratos que teña en vigor ADIF-Alta Velocidade no ámbito da estación de autobuses.
 
Ademais, a Xunta deberá tramitar, conxuntamente co Concello de Ourense, as modificacións precisas no planeamento urbanístico.
 
Os compromisos do Ministerio de Fomento, de Adif e do Concello de Ourense 
Pola súa banda, o Ministerio de Fomento terá que facer e tramitar o Estudo Informativo da Estación Intermodal de Ourense.
 
En canto a Adif-Alta Velocidade, terá que redactar os proxectos, executar e financiar as obras de adaptación da estación ferroviaria aos servizos de alta velocidade e as actuacións de mellora da permeabilidade peonil da cidade na zona.
 
Do mesmo xeito, deberá transmitir á Xunta os terreos e edificacións da súa titularidade necesarios para a execución da nova estación de autobuses e poñer a disposición do Goberno galego os terreos necesarios para a execución do aparcamento subterráneo. Tamén deberá financiar nun 33% a execución das obras deste aparcadoiro.
 
No que atinxe ao Concello de Ourense, Feijóo explicou que deberá promover e tramitar as modificacións necesarias no planeamento urbanístico, así como ceder á Fomento, Adif e á Xunta, de balde e libre de cargas e gravames, os terreos e aproveitamentos da súa titularidade necesarios para a execución da estación de autobuses.
 
Ademais, o Concello deberá realizar as actuacións relativas aos semáforos que sexan necesarias e facer a reorganización do transporte urbano que garanta a conectividade da estación intermodal coa cidade.
 
Segundo precisou Feijóo, trátase de “obras complexas que se insertan na cidade”, que “precisan urbanizacións e accesos para facilitar a entrada e saída dos autobuses” pero que, unha vez rematadas, permitirán a “permeabilidade dos barrios”.
 
Como avanzou, a Xunta ten a vontade de presentar a estación intermodal de Ourense no mes de xullo. “Esta é a nosa proposta e esperamos e desexamos que o resto das administracións públicas cumpran o seu calendario”, sinalou, co fin de que a estación intermodal estea lista no ano 2018.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/-8jpE0w7wmc» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo anuncia que a Xunta dedicará 60M€ á mellora da Sanidade e da calidade de vida

Santiago, 19 de maio de 2016.- Logo de que a semana pasada se concretase dentro do superávit de responsabilidade, o primeiro paquete de prioridades dirixido aos nenos e aos mozos, Feijóo avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo paquete de medidas co obxectivo de mellorar as condicións de vida das familias galegas en distintos eidos. “Destinamos deste xeito entre 58 e 60 millóns de euros do total dos recursos dispoñibles a catro grandes bloques de actuación: no ámbito da saúde, en materia de servizos sociais, en materia de vivenda e en materia de lecer”, precisou, asegurando que boa parte destes recursos destinaranse a continuar mellorando as prestacións da Sanidade Pública e as súas instalacións.
Con este obxectivo, explicou que se destinarán máis de 24 millóns de euros a tres medidas fundamentais. A primeira delas, a de incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera en consultas externas, en probas diagnósticas e cirúrxicas.
En segundo lugar, axilizarase a entrada en funcionamento de 24 novos centros de saúde. E, neste ano entrarán en funcionamento 12 novos ambulatorios públicos: Buño (Malpica), Villarrodís (Arteixo), Corveira (Culleredo), Temple (Cambre), As Neves (A Capela), Galeras (Santiago), Outeiro (Pontedeva), O Couto (Ourense), Valenzá (Barbadás), Tui, Marín e Panxón (Nigrán).
Procederase tamén á licitación das obras dos centros de Ares e Gondomar, así como á licitación doutros 10: Melide, Salceda de Caselas, Pereiro de Aguiar, A Estrada, Milladoiro, Narón, O Saviñao, PAC de Laracha, Paderne de Allariz e ampliación do ambulatorio Anafáns, en Poio.
“E imos equipar na súa totalidade todo o bloque cirúrxico do Hospital da Coruña -15 quirófanos novos neste 2016-; equiparemos completamente todas as habitacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que abriremos antes de finalizar este ano, e unha nova cociña; finalizaremos e equiparemos na súa totalidade a ampliación do Hospital Público do Salnés; e iniciaremos coa máxima capacidade construtiva posible a execución das obras do Hospital da Mariña”, dixo, ao que engadiu que tamén se farán melloras no resto do parque hospitalario de Galicia, referíndose ao Hospital do Meixoeiro, ao Hospital da Coruña, á zona de esterilización do Hospital do Salnés, á ampliación das urxencias do Hospital Materno da Coruña; ao hospital de día médico polivalente no CHUAC; á dotación do equipamento de dous novos quirófanos no Álvaro Cunqueiro; ao Plan director do Hospital de Ferrol; á ampliación do Hospital de Conxo, así como ás novas instalacións para as salas de resonancia nuclear magnética nos hospitais de Ourense, de Pontevedra e de Ferrol e á licitación do Plan funcional e do Proxecto sectorial de Montecelo.
Así mesmo, destacou que tamén se farán melloras para a ampliación das súas capacidades no Hospital do Salnés, no Hospital Clínico de Santiago, no Hospital de Verín, no Hospital do Barco, así como a actualización do equipamento de hemodinámica en Lugo.
No eido dos servizos sociais e a atención ás persoas con máis dificultades, Feijóo avanzou a construción de dous novos centros, un en Ourense e outro Monforte, é dicir, 413 novas prazas públicas e 623 traballadores. “E, para a terceira idade asumimos o compromiso de actuar en 74 centros: en 30 centros sociais e en 44 residencias e centros de día”, aseverou.
En materia de vivenda, destinaranse 4 millóns de euros ao Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que conta así cun orzamento total de preto de 12 millóns de euros. Isto permitirá atender os proxectos de substitución ou mellora de fiestras, cubertas, fachadas e ascensores, chegando a 1.200 familias. E, investiranse 3 millóns a unha nova edición do programa do Igape para melloras en cociñas e baños.
Sobre este segundo punto, Feijóo subliñou que o Reforma16 incluirá axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario, xerando 32 millóns de euros en obras de remodelación, para atender a 5.000 solicitudes.
Así mesmo, destinaranse 8 millóns de euros para a compra do solo necesario para urbanizar a última fase de San Paio de Navia, en Vigo. E, sobre este aspecto, Feijóo explicou que, con esta iniciativa construiranse 1.600 vivendas protexidas “e, ademais, damos resposta a unha demanda histórica dos propietarios destas parcelas”.
Por último, e na liña do que se vén facendo a través do Plan Hurbe e do Plan de Infraestruturas comunitarias que xestiona Vicepresidencia e a Consellería de Medio Ambiente, destinaranse arredor de 10 millóns de euros a mellorar a habitabilidade de distintas vilas galegas, “cunha partida específica de 1,2 millóns de euros para o equipamento do Auditorio de Lugo”. E 2 millóns de euros para a reparación e mantemento de distintas instalacións deportivas, entre elas, o Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/eOtK1FQUz3o» frameborder=»0″ allowfullscreen ]