A Xunta activa o programa Principia para a contratación de 300 investigadores

Santiago, 26 de maio de 2016.- Alfonso Rueda anunciou a activación do programa Principia, que vai apoiar que as empresas e centros de coñecemento galegos (como universidades, fundacións e centros tecnolóxicos) contraten ata 300 investigadores menores de 35 anos.
 
“Esta medida vai orientada a aqueles mozos e mozas cun ano ou menos de experiencia laboral na súa categoría profesional”, explicou Rueda. Cada entidade poderá solicitar axudas para financiar ata 10 contratos, cunha duración mínima dun ano e un importe bruto anual de, polo menos, 24.000 euros. A Xunta dedica ao programa Principia tres millóns de euros, cos que apoiará cada contrato con 10.000 euros.
 
Deste xeito, o Goberno autonómico cumpre unha das medidas para canalizar os fondos extra dos que dispoñemos por cumprir o déficit, tal e como se comprometeu o presidente hai dúas semanas: ampliar de 200 a 300 o número de investigadores a contratar.
 
As actividades que desenvolverán estes 300 mozos e mozas deberán desenvolverse en Galicia e en tarefas relacionadas cos retos e prioridades da Estratexia de especialización intelixente de Galicia-RIS3. A convocatoria do programa Principia publicarase nos vindeiros días e o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Unha vez resoltas as axudas, as entidades procederán á contratación do persoal, coa data límite para asinar os contratos do 1 de decembro de 2016.
 
Captación e retención do talento
“A Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento”, concluíu. Esta é unha das claves para aumentar a capacidade innovadora do noso tecido produtivo, polo cal parte dos fondos extra dos que dispón o Goberno galego por cumprir o déficit se destinará a ampliar de 200 a 300 o número de investigadores que axudará a permanecer en Galicia.
 
Isto complementa outras iniciativas a prol da I+D+i, como os contratos programa para os centros tecnolóxicos e fundacións sanitarias, as 19 unidades mixtas de investigación e o programa Oportunius, que está a traer de volta a Galicia investigadores de alto nivel.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/R3BvK4WwQl0″ frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Rueda anuncia que a Xunta dá luz verde ao Plan de Incendios Forestais para 2016

Santiago, 26 de maio de 2016.- Alfonso Rueda avanzou hoxe que o Consello deu o visto e prace ao Plan de Incendios Forestais para 2016 (Pladiga), co fin de actuar en todas as frontes necesarias para, en primeiro lugar, evitar ao máximo posible os lumes e, en segundo lugar, reducir os danos que se produzan.
 
Rueda detallou os tres aspectos máis relevantes do texto. Así, sinalou que se mantén o dispositivo de vixilancia e extinción do pasado ano. Para esta campaña, o dispositivo estará composto por 5.700 persoas, ao que hai que sumar persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos.
 
No relativo aos medios materiais, o vicepresidente da Xunta precisou que se contará cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado; e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.
 
Así mesmo, Rueda avanzou que se incorporan algunhas adaptacións necesarias respecto a normativas aprobadas neste eido. A máis importante ten que ver coa ampliación a 3 anos da duración dos convenios entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes; e, ademais, establécese a creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais.
 
Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.
 
Un novo sistema dixital de comunicacións
Do mesmo xeito, está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en tempo real.
 
No tocante á sensibilización, Rueda sinalou que a Xunta afonda de forma moi intensa nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal. Así, inclúese o compromiso de manter e reforzar os programas de concienciación actualmente en marcha, especialmente entre as xeracións máis novas.
 
Neste senso, destacou que a Administración ten un papel fundamental na loita contra os lumes pero matizou que é imprescindible a colaboración cidadá. Sobre todo, tendo en conta que o 98% dos montes están en mans de propietarios particulares.
 
En definitiva, configúrase o dispositivo contra incendios plenamente consciente do risco, razón pola que a Xunta actúa en todas as frontes necesarias: prevención, detección, disuasión e investigación e extinción, co fin de conseguir diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a superficie afectada.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/8AlOR66TNas» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

O Plan Galego de Estatística 2017-2021 consolidará o sistema estatístico de Galicia

Santiago, 26 de maio de 2016.- O novo Plan Galego de Estatística 2017-2021 busca consolidar o sistema estatístico de Galicia, ao tempo que permitirá avanzar na transparencia, na accesibilidade dos datos que subministra e na calidade da información que proporciona.
 
Así o avanzou hoxe Alfonso Rueda, quen ficou na importancia de dispor dunha información estatística de calidade, imprescindible para tomar decisións dun xeito obxectivo e con todos os datos.
 
Como especificou, para cada un destes obxectivos, o Instituto Galego de Estatística coordinará os seus esforzos para aumentar a claridade e visibilidade da estatística oficial.
 
Así mesmo, engadiu que se reforzará a colaboración cos sistemas estatísticos da Administración xeral do Estado e da Unión Europea en aras da coordinación. Ademais, así garántese o uso eficiente dos recursos públicos e a comparabilidade da información elaborada por distintos organismos estatísticos.
 
Por outra banda, Rueda avanzou que o novo plan estatístico contempla a obriga de considerar a perspectiva de xénero en toda a información estatística que se facilite. Do mesmo xeito, o compromiso co principio de calidade na información estatística se manifesta neste novo plan na fixación de obxectivos concretos sobre a relevancia, sobre a precisión que teñen que ter os datos que se faciliten, a fiabilidade, a accesibilidade. Como detallou, todos estes obxectivos serán obxecto dun seguimento específico e as persoas usuarias poderán coñecer os resultados acadados.
 
Así mesmo, asúmese o código de conduta adoptado polo comité do Sistema Estatístico Europeo estatístico europeo, co que se busca garantir a independencia do persoal estatístico, tanto na recollida de datos como despois nas análises e conclusións; a imparcialidade; e, en definitiva, a obxectividade e a transparencia que debe ter todo traballo estatístico para que realmente sexa útil e veraz.
 
En relación ás metas do Plan, xunto coas 101 xenéricas, establécense 117 estatísticas concretas que se conseguiron consolidar nos plans precedentes e que se deberán executar. A maioría destas estatísticas, como destacou Rueda, son novas con respecto ao plan anterior e abordan temas como a poboación dependente, as empresas TIC, a estatística de emerxencias 112 ou a ocupación na pesca.
 
Segundo Rueda, trátase do quinto plan plurianual que aproba a Xunta co que, en definitiva, se están cumprindo os obxectivos marcados na Lei de Estatística “para perfilar un sistema estatístico público que nos permita dispoñer de información de calidade” porque neste momento “onde a xestión responsable, a xestión con sentidiño dos recursos públicos demanda, desde logo, utilizar criterios obxectivos” faise necesario utilizar “boa información para acertar nas decisións”.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/v4K6q4Xcdkk» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

A Xunta inviste 27M€ para financiar pemes e emprendedores e crear 700 postos no rural

Santiago, 26 de maio de 2016.- Por terceira semana consecutiva, o Consello da Xunta volveu deliberar sobre o uso que darlle aos fondos extra dos que dispón Galicia grazas ao cumprimento do déficit. Despois de aprobar un primeiro paquete de prioridades destinado á infancia e á mocidade e un segundo orientado a mellorar as condicións de vida das familias galegas en diferentes ámbitos, hoxe anunciouse un novo paquete de medidas orientado a reforzar o noso tecido produtivo e a xerar emprego. Trátase, segundo anunciou Alfonso Rueda, de 27 millóns de euros orientados a facilitar financiamento a pemes e emprendedores e a crear 700 empregos na contorna rural.
As liñas de financiamento artellaranse a través de préstamos e avais do Igape. Suman 20 millóns, que permitirán mobilizar 100 millóns neste 2016. O primeiro destes instrumentos financeiros apoiará ata o 70% do investimento a realizar. O segundo amplía os fondos destinados a facilitar o acceso ao capital a través da achega de garantías, tanto a través das sociedades de garantía recíproca como de avais do Igape. “O obxectivo, en definitiva, está claro: que ningún proxecto que sexa viable das nosas pequenas e medianas empresas deixe de facerse realidade porque falta o financiamento”, dixo Rueda.
Por outra banda, as axudas para a contratación no rural suman sete millóns de euros, que financiarán ata o 100% do custo salarial de 700 novos contratos. Estas axudas chegan “ás zonas onde máis se necesitan, as áreas do medio rural donde hai menos oportunidades” e “ás persoas con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, que son: as mulleres e os mozos e mozas”, recalcou. Están destinadas aos concellos de menos de 10.000 habitantes e teñen prioridade os de menor poboación.
“Este sentidiño na xestión dos cartos públicos e na planificación responsable, este superávit de responsabilidade, dá os seus froitos —resumiu—. Tentamos construír unha Galicia estable, unha Galicia próspera agora e no futuro, para os nosos fillos e os nosos netos, sen descoidar as necesidades das galegas e galegos de hoxe”.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/JLUOHCcQyvg» frameborder=»0″ allowfullscreen ]