Feijóo pasea polo Barco de Valdeorras

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, paseando polo Barco de Valdeorras acompañado por membros da candidatura popular ourensana ás Cortes Xerais.

Feijóo: “Contra os vetos, eu pido os votos”

Di que “cada voto moderado que se queda en casa pode volver a colapsar o país” 
 
Feijóo: “Contra os vetos, eu pido os votos” 
 
Dixo presentarse á reelección como presidente da Xunta para que en Galicia non pase o que pasou en España e para que os galegos sigan a ter un executivo responsable
 
A Rúa, 10 de xuño de 2016-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto para Mariano Rajoy para non perder máis tempo. “Levábamos uns anos de recuperación e agora levamos seis meses de parálise”, destacou. 
 
En A Rúa, no primeiro mitin de campaña, Feijóo puxo de relevo que, aínda que estas eleccións eran evitables, “agora é imprescindible votar” ante o risco de “inestabilidade e ruptura”.
 
Feijóo salientou que o 26-X o voto decídese entre dúas opcións: “construír ou destruír, ir en contra ou a favor, ter un goberno ou que non haxa goberno”. Por iso apelou ao voto dos indecisos xa que “se de cada tres que non decidiron, dous votan ao PP, haberá unha maioría clara para gobernar España”. No caso contrario “xa sabemos o resultado dos empates”, lembrou.
 
Para ilustrar a importancia de ter un goberno en marcha, Feijóo comparou os últimos seis meses da política nacional co mesmo período na política galega: “durante os seis meses que España se parou, en Galicia seguimos gobernando”, destacando resultados como a aprobación dos orzamentos, a baixada do IRPF, a eliminación do imposto de sucesións e doazóns, a eliminación dos impostos autonómicos sobre as transmisións de fincas rústicas ou a creación de novas oportunidades de emprego en sectores como o da automoción, o naval ou o sector aeronáutico.
 
En consecuencia, Feijóo afirmou que “a diferenza entre un país que ten goberno e un país que se para é substancial” e, ante iso, animou ao voto pois “non é verdade que da igual o que fagamos”. “Se hoxe estamos aquí con menos parados e máis afiliacións á Seguridade Social é porque os votos son imprescindibles”, zanxou.
 
De feito, o dirixente popular dixo presentarse á reelección como presidente da Xunta para que en Galicia non pase o que pasou en España e para que os galegos sigan a ter un Goberno responsable. “Eu non quero que Galicia se pareza a España, quero que España se pareza a Galicia”. 
 
O presidente do PPdeG cargou a responsabilidade desta situación pois, afirmou, “cando o goberno depende deles hai desgoberno, hai parálise e hai que repetir as eleccións”. “Dicían que tiñan unha alternativa mellor pero cando tiveron a oportunidade non se puxeron de acordo entre eles”. Lembrou que o resultado dunhas eleccións sen maioría absoluta para o partido gañador non é novo en España pero “o que é novo é o nivel de irresponsabilidade das Mareas de Podemos, Ciudadanos, os socialistas e os nacionalistas”.
 
Ante iso, Feijóo dixo que “agora máis que nunca necesitamos que o pobo español estea á altura para mandar un correctivo duro” xa que “non podemos darlles a oportunidade de que volvan a confundir a política cun plató de televisión”.
 
“Nas eleccións hai que votar, non hai que vetar”, reflexionou Feijóo. “Contra os vetos, eu pido os votos”.
 
En consecuencia, Feijóo reivindicou o voto para “un goberno que conseguiu que pasáramos de seis millóns de parados a catro” e que “atopou a economía en caída libre e logrou que agora estamos crecendo”. Tamén salientou a figura de Mariano Rajoy, un presidente “que non nos mentiu nin cando dixo que estábamos ao borde do rescate nin cando dixo que non tiña apoios para gobernar”. “Non nos fixo perder un minuto”, destacou Feijóo.
 
Con esta actitude construtiva, o presidente do PP de Galicia pediu o voto para Mariano Rajoy para construír “un goberno que non vai contra ninguén nin ten o obxectivo fundamental de afundir a outro proxecto político”. “O goberno consiste en gobernar, non en estar de tertulia”, recalcou Feijóo para concluír que “ninguén vai atopar traballo insultando ao que pensa distinto”.
 
Por iso considerou que fronte ás actitudes de bloqueo, Rajoy é o único que “presenta o que fixo e un programa de goberno”  e é un candidato preparado fronte a Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e Albert Rivera que, lembrou o presidente do PP galego, “gobernaron nunca nin sequera no seu concello”.
 
O voto para Rajoy, insistiu Feijóo, é o único voto para que siga crecendo a economía, sigan a crearse oportunidades de traballo, as familias paguen menos impostos e se mellore a conciliación familiar. Os votos a outras forzas son votos que “restan pero non suman”, explicou Feijóo, poñendo de relevo que “os votos para Ciudadanos non conseguen escanos para eles e si para Podemos”.
 
En consecuencia, chamou a aglutinar o voto moderado no PP, concluíndo que “cada voto moderado que se quede na casa pode volver a colapsar o país” e “España non pode seguir bloqueada catro anos máis. “Merecemos un goberno”, subliñou o presidente do PPdeG
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/_1av6B7slY8″ frameborder=»0″ allowfullscreen ]