A reforma da lei de Servizos Sociais reforza o papel das entidades iniciativa social

A norma tamén garante dereitos esenciais ás persoas usuarias, como a libre elección, o arraigo á contorna social e á continuidade de atención, e a atención personalizada e integral

O PARLAMENTO APROBA A REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS, QUE INTRODUCE O CONCERTO SOCIAL E REFORZA O PAPEL DAS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL

Santiago, 28 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a reforma da Lei de servizos sociais, que introduce o concerto social como novo modelo de xestión, reforza o papel das entidades de iniciativa social e garante dereitos esenciais ás persoas usuarias. A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, subliñou que o Grupo Popular “non rexeitou ningunha das emendas presentadas polo PSOE, BNG e AGE, xa que todas foron aceptadas ou foi presentada unha proposta de transacción, chegando a un acordo sobre o 83 por cento das emendas”.

Rodríguez Arias lembrou que esta lei xurdiu “dun proceso de diálogo coas entidades sociais para acadar un marco consensuado con todas as garantías”, ao que seguiu “o proceso de diálogo entre todos os grupos parlamentarios sobre un documento aberto, no que nos volcamos para consensuar un documento conxunto que tivera o máximo apoio posible”.

SUPERA AS LIMITACIÓNS ACTUAIS

“Con esta modificación, se superan as limitacións da normativa actual, que establece dúas fórmulas de xestionar os servizos sociais: a xestión directa ou a indirecta a través das diversas modalidades de contratación establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público”, explicou a portavoz popular.

Deste xeito, apuntou que esta reforma da Lei de servizos sociais regula o concerto social como novo modelo de xestión, axustándose ao recollido nas directrices europeas e diferenciado do concerto xeral regulado na normativa de contratación do sector público.


PRIORIDADE A ENTIDADES SOCIAIS

Para o establecemento dos concertos, as administracións públicas darán prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia, medidas de discriminación positiva, criterios sociais de calidade e garantindo sempre a libre concorrencia e os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

Marta Rodriguez salientou, ademais, que “se recoñece por primeira vez unha serie de dereitos ás persoas usuarias, como o dereito á libre elección, o dereito ao arraigo da persoa á súa contorna social e á continuidade da atención; e o dereito á atención personalizada e integral”.

O Parlamento aproba a devolución aos empregados públicos parte paga extra 2013

O PARLAMENTO APROBA A DEVOLUCIÓN AOS EMPREGADOS PÚBLICOS DA PARTE DEVINDICADA DA PAGA EXTRA DE 2013


·    O portavoz popular afirmou que PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto “se equivocan por facerlle oposición a Galicia, aos representantes dos traballadores e aos empregados públicos do noso país”

·    Tellado lembrou que durante a crise o Goberno galego tivo que “facer axustes que non foron do gusto de ninguén, pero dixemos que aqueles axustes eran temporais e que, en canto a situación económica mellorase, serían revertidos”

Santiago, 28 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a Lei a través da que os empregados públicos galegos recuperarán a parte devindicada da paga extra do ano 2013, así como a recuperación da totalidade do complemento específico nas pagas extras a partir do vindeiro mes de xaneiro. O portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Miguel Tellado, acusou á oposición de “vivir instalada no pataleo e no bloqueo permanente” por non apoiar esta iniciativa lexislativa, acordada cos sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif.

Miguel Tellado defendeu a tramitación polo procedemento de lectura única deste proxecto de lei porque “ten como único obxecto o abono da parte do complemento específico da paga extra devindicada nos meses de xaneiro e febreiro de 2013; ten un artigo único, con sete apartados; e vén derivado dun acordo asinado entre a Xunta e tres das catro centrais sindicais representadas na Mesa Xeral de Negociación dos empregados públicos”.

“A cidadanía non valora o bloqueo, a ausencia do diálogo ou o desprezo ao rival político, senón que castiga a soberbia ou a prepotencia”, sinalou Tellado respecto da negativa de PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto a apoiar este proxecto de lei. Neste sentido, asegurou que “practican a política de canto peor, mellor”.

Por este motivo, o portavoz popular sinalou que “se equivocan por facerlle oposición a Galicia, aos representantes dos traballadores e aos empregados públicos do noso país”.

AXUSTES REVERTIDOS

Tellado lembrou que durante a crise o Goberno galego tivo que “facer axustes que non foron do gusto de ninguén, pero dixemos que aqueles axustes eran temporais e que, en canto a situación económica mellorase, serían revertidos”. Así, apuntou que en abril do pasado ano aprobouse no Parlamento galego a Lei de Emprego Público, que comprometía un fondo para devolver a paga extra de 2012 e en setembro deste ano todos os empregados públicos terán recuperado a totalidade daquela paga.

Tamén en setembro do pasado ano o Goberno central devolveu aos seus empregados públicos os días de vacacións e os días de libre disposición que lle foran retirados, habilitando ás comunidades autónomas a facer o propio co seu persoal. “Un mes despois, a Xunta asinou un acordo con tres centrais sindicais para levalo a cabo canto antes”, sinalou.

O portavoz popular engadiu que “este mesmo mes, no mesmo acordo no que a Xunta se comprometeu a tramitar este proxecto de Lei, acordamos coas centrais sindicais que a partires de xaneiro do ano próximo, o persoal empregado público recuperará a totalidade do complemento específico nas pagas extra”. “Adiantámonos un ano ao previsto inicialmente”, salientou.

PP E GOBERNO CUMPREN

Miguel Tellado criticou que a oposición desprece todas as medidas adoptadas polo Goberno galego en beneficio dos empregados públicos. “Dálles igual que haxa 8.500 persoas beneficiándose do sistema de flexibilidade horaria, dálles igual que ampliáramos o permiso de maternidade; e dálles igual que instaurásemos un sistema de adaptación de xornada para aqueles empregados públicos que estean someténdose a tratamentos de radioterapia ou quimioterapia, porque seguirán dicindo que é un goberno que maltrata aos empregados públicos, pero eles, que se están beneficiando destas medidas, saben que non”, manifestou.

“Os empregados públicos, igual que a cidadanía galega en xeral, están a ver que o PP e Goberno cumpren co que dixeron, que están a amosar que o que se fixo tiña un sentido e que están a demostrar que os sacrificios foron temporais e necesarios para evitar a bancarrota e o rescate”, indicou Miguel Tellado.

Parlamento aproba reforma Lei policías locais que desbloquea procesos nos concelllos

O PARLAMENTO APROBA A MODIFICACIÓN DA LEI DE COORDINACIÓN DE POLICÍAS LOCAIS, QUE DESBLOQUEA OS PROCESOS PARA INCORPORAR NOVOS AXENTES NOS CONCELLOS

·    O deputado popular dixo que a partir de agora dous concellos limítrofes poderán asociarse para prestar servizos de policía local, sempre que non superen en conxunto os 40.000 habitantes

Santiago, 28 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a modificación da Lei de coordinación de policías locais, “unha lei necesaria, garantista e consensuada cos axentes afectados e os concellos, que desbloquea os procesos de introdución de novos axentes nos concellos”, manifestou o deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira.

Na súa intervención na sesión plenaria, Moreira concretou que o Goberno galego decidiu abordar a reforma da Lei de coordinación de policías locais do ano 2007 “para adaptala á normativa vixente e aos distintos pronunciamentos xudiciais” sobre a materia, como a eliminación do límite de idade para o acceso aos corpos da policía local.

SEGURIDADE XURÍDICA

Jacobo Moreira apuntou que coa nova lei “dótase de seguridade xurídica aos concellos para a convocatoria de procesos selectivos de novos axentes de policía local, evitando a parálise case absoluta de convocatoria de prazas existente na actualidade”.

“Trátase dunha reforma consensuada tanto coas administracións locais como cos profesionais, que xurdiu do traballo da Comisión de Coordinación de Policías Locais e conta ademais cos parabéns das forzas sindicais”, indicou o deputado popular.

Moreira afirmou que esta nova lei “responde ás principais demandas dos sector: da seguridade xurídica, elimina as discriminacións arbitrarias, flexibiliza os procesos selectivos, da maior mobilidade aos axentes e facilita a súa permanencia en activo”.

Entre as novidades que incorpora este novo texto lexislativo, Jacobo Moreira salientou que os concellos poidan asociarse para a adquisición ou disposición de equipamentos conxuntos, ao tempo que se vai permitir que dous ou máis concellos limítrofes se poidan asociar para prestar servizos de Policía Local, sempre que non superen en conxunto os 40.000 habitantes”.