Puy avanza que último pleno ordinario terá alto contenido institucional e lexislativo

PEDRO PUY AVANZA QUE SEIS INICIATIVAS LEXISLATIVAS ESTÁN EN DISPOSICIÓN DE APROBARSE NO PLENO DA VINDEIRA SEMANA

·    A modificación das leis da área metropolitana de Vigo e de violencia de xénero; o Plan galego de estatística 2017-2021; a creación dos colexios provinciais de economistas e do Colexio Oficial de terapeutas ocupacionais; e a actualización do transporte público son as normas listas para o seu debate definitivo

Santiago, 4 de xullo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que “seis iniciativas lexislativas están en disposición para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno”. Ademais deste alto contido lexislativo, a sesión plenaria tamén incorporará a presentación do informe ordinario da Valedora do Pobo e a elección dos senadores en representación da Comunidade galega e de seis membros do Consello Social da Universidade de A Coruña.

Pedro Puy apuntou que o Grupo Popular proporá mañá na Xunta de Portavoces a inclusión na orde do día da sesión plenaria da vindeira semana da designación dos tres senadores en representación da Comunidade galega, dos que dous corresponden ao PP e o outro ao PSOE. “O obxectivo é que estes representantes poidan estar presentes o día de constitución do novo Senado logo das pasadas eleccións xerais”, indicou.

Entre as iniciativas lexislativas que están en disposición de debaterse e aprobarse no vindeiro Pleno, Puy enumerou os proxectos de lei de modificación da Lei da área metropolitana de Vigo; do Plan galego de estatística 2017-2021; de creación dos colexios provinciais de economistas, por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economías existentes en Galicia; e de creación do Colexio Oficial de terapeutas ocupacionais de Galicia.

A estas iniciativas lexislativas súmanse as aprobadas esta mañá en Comisión: a proposición de lei para a actualización do sistema de transporte público de Galicia; e a proposición de lei de modificación da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

ESTABILIDADE E NORMALIDADE

Cuestionado sobre a convocatoria das eleccións autonómicas, Pedro Puy sinalou que o Presidente da Xunta “vén de reiterar esta mañá que serán en outono, cando corresponde e de acordo coa situación política actual, caracterizada pola estabilidade do Goberno e unha acción política que está a conseguir resultados bos, como se viu hoxe na creación de emprego, aínda que hai que perseverar neste camiño”.

“Un dos valores que a cidadanía comeza a apreciar é a estabilidade e normalidade no funcionamento das institucións, polo que, non habendo un motivo que implicaría un adianto, creo que o Presidente está dando un sinal de seriedade e de responsabilidade de acordo co que marca a normativa”, asegurou.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/fYn3j3CvdIM» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Aprobado ditame PL actualización do sistema transporte público de Galicia

A Comisión 2ª aprobou esta mañá o ditame deste texto normativo promovido polo Grupo Popular

A PROPOSICIÓN DE LEI PARA A ACTUALIZACIÓN DO SISTEMA DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA, PENDENTE DA SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA EN SESIÓN PLENARIA

Santiago, 4 de xullo de 2016.- O ditame da proposición de Lei para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, promovida polo Grupo Popular, recibiu hoxe a súa aprobación na Comisión 2ª do Parlamento, co que queda pendente do seu debate definitivo en sesión plenaria. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Jesús Goldar, asegurou que esta norma “establece mecanismos para afrontar unha intensa modernización do servizos público e a súa plena adaptación ás demandas da sociedade para as próximas décadas”.

Jesús Goldar lembrou que a sentenza 1067/2016 do Tribunal Supremo anulaba a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade de febreiro de 2010 que aprobaba o Plan de modernización das concesións do transporte público regular. “Esta sentenza provocaba que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia”, apuntou.


ACTUACIÓN URXENTE

Deste xeito, o portavoz popular sinalou que esta situación “requiría unha actuación urxente que garanta a prestación do servizo público de transporte en Galicia coas máximas garantías e a máxima seguridade xurídica”.

Goldar salientou que a proposición de lei incorpora a figura do Plan de transporte público de Galicia como instrumento de planificación necesario para establecer un sistema de transporte público multimodal e integrado. Este plan “tratará de determinar, ordenar e establecer a oferta de servizos de transporte público competencia da Xunta, ao tempo que implementará a coordinación da totalidade de servizos de transporte público que se desenvolvan en territorio galego”, indicou.

Así mesmo, a proposición de lei derroga a prórroga por dez anos dos servizos de transporte público por estrada, ao tempo que consagra o principio de continuidade deste servizo público “que, en todo caso, será voluntaria para os contratistas, que deberán comunicar a súa renuncia no prazo de quince días desde a entrada en vigor desta lei”, apuntou Jesús Goldar.


CONTINUIDADE

O portavoz popular explicou que o novo texto lexislativo “establece a obriga contractual durante 12 meses a contar desde a data da renuncia e tamén se prevé que, ante eventuais renuncias dos contratistas, a Administración procederá á adxudicación directa destes servizos”.

“Esta proposición de lei considera esta continuidade como unha oportunidade para manter as liñas de modernización impulsadas na Lei 5/2009, a través da súa integración nos plans de transporte metropolitano e no modelo de tarifas zonais; a implantación do sistema de axuda á explotación, en liña cos traballos que leva acometido a Xunta de Galicia nos últimos anos; e mantendo o compromiso de integrar progresivamente vehículos accesibles a persoas con mobilidade reducida nos contratos”, sinalou.

Modificación Lei violencia de xénero incorpora ás axudas as vítimas de trata


APROBADO O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE VIOLENCIA DE XÉNERO QUE ESTENDE O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS A TODO O ANO E INCORPORA ÁS MULLERES VÍTIMAS DE TRATA

Santiago, 4 de xullo de 2016.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de lei de modificación da Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que o prazo para a solicitude de axudas se estenda a todo o ano e se permita o acceso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual a estas percepcións. O texto lexislativo queda en disposición da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.

A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Rosa Oubiña, lembrou que estas prestacións económicas para as mulleres vítimas de violencia machista “están establecidas desde a aprobación da Lei galega 11/2007, polo que se veñen convocando anualmente e o seu orzamento foise incrementando ano tras ano”.

MODIFICACIÓN DA NORMATIVA VIXENTE

En concreto, Oubiña lembrou que o Grupo Popular xa manifestou no debate de toma en consideración da proposición de lei presentada polo BNG e despois nas emendas rexistradas que o obxectivo “non era levar adiante este novo texto lexislativo, senón proceder á modificación da lei vixente en dúas cuestións: a incorporación das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual para que poidan acceder ás prestacións económicas e que o prazo para a solicitude destas axudas se amplíe a todo o ano”.

A portavoz popular sinalou que estas axudas, “que levan dez anos creadas, teñen como finalidade posibilitar a independencia económica das vítimas respecto do seu agresor, rachando coa situación traumática que padecen as mulleres que sofren violencia de xénero”.

O ditame aprobado pola Comisión 5ª incorpora ademais que a Xunta establecerá estas prestacións a través dunhas bases reguladoras, ao tempo que remitirá ao Parlamento galego un informe anual sobre estas prestacións periódicas.