Feijóo sairá á rúa no verán para consultar aos galegos sobre»A Galicia que ti queres»

 

Feijóo sairá á rúa no verán para consultar a cada galego sobre “A Galicia que ti queres”

·    O candidato do PPdeG visitará concellos e parroquias de toda Galicia acompañado dun banco no que conversar coa cidadanía e dunha urna para recibir propostas

·    A xira será complementada con instrumentos tecnolóxicos de escoita: ademais do whatsapp xa existente, Feijóo contará cunha conta de twitter e cunha web propias

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, presentou hoxe na sede autonómica de partido a ruta “A Galicia que ti queres”, coa que o PPdeG busca estar “de volta na rúa” e “en primeira persoa”.

Para isto, o presidente e candidato do PPdeG ás eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo, percorrerá Galicia este verán para, segundo Tellado, “poder falar en persoa cos galegos e coas galegas”.

Farao acompañado dun banco que actuará como faladoiro, “un espazo de conversa de ti a ti entre Feijóo e os galegos”, e dunha urna na que as persoas poderán depositar propostas que definan “o que esperan de nós como partido e como goberno”.

Tellado considera que será un xeito de “facer partícipes aos galegos e as galegas do programa electoral que queremos desenvolver se Galicia mantén a súa confianza en Feijóo”.

Será un mecanismo complementario ás reunións con colectivos que comezarán a efectuar os membros do equipo redactor do programa coordinado por Pedro Puy.

Os encontros de Feijóo coa cidadanía comezaron onte mesmo en Carral e continuarán hoxe no Saviñao e mañá en Combarro e Sanxenxo e se efectuarán sen convocatoria á prensa. “Regresamos á rúa sen intermediarios”, explicou Tellado, destacando que “A idea non é saír nos medios senón recuperar o contacto informal e natural coa cidadanía”.

#FEIJOOENCAMIÑO

O número dous do PPdeG inseriu estes encontros na política de recuperación do contacto directo coa xente que se marcou dende a aprobación no pasado outubro da Ponencia Política coordinada por José Manuel Rey.

Tellado destacou esta “renovación de actitudes” emprendida tras os insatisfactorios resultados das municipais como unha das claves da recuperación de apoios experimentada nos últimos meses: “Melloramos en decembro a porcentaxe de votos de maio e melloramos en xuño a porcentaxe de votos de decembro”, salientou Tellado.

Así, a partir de agora dous novos elementos de escoita cidadá se unirán á conta de whatsapp creada trala aprobación da ponencia política.

Un será a conta de twitter @feijoogalicia que será unha forma de interlocución directa do candidato coa cidadanía. “Un nome sinxelo”, apuntou Tellado, que une a Feijóo e a Galicia como dous elementos indisolubles.

O outro elemento será a web do candidato www.feijoo.gal en marcha dende hoxe mesmo e que, tal e como explicou Tellado, “será unha fiestra máis coa que mostrar a Galicia o que pensamos pero tamén coa que recoller achegas, ideas e suxestións”.

O eslogan ou hashtag que terán en común todas estas iniciativas será #FeijooEnCamiño. Simboliza, segundo o secretario xeral do PPdeG “que estamos no proceso de conseguir algo: que Galicia volva a confiar en nós como partido máis representativo e nun líder indiscutido e indiscutible como é Alberto Núñez Feijóo”. “Feijóo elixiu Galicia porque Galicia o elixiu a el ata en dúas ocasións”, pechou Tellado.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/sg5r2Y6w08M» frameborder=»0″ allowfullscreen ]