Puy amosa a disposición do GPP a negociar coa oposición acordos que poidan mellorar os orzamentos de 2017

Santiago, 19 de decembro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que, unha vez rematen esta semana as comparecencias e se peche o prazo de presentación de emendas aos orzamentos da Comunidade galega para 2017, “iniciaremos un procedemento de negociación cos grupos da oposición que permita chegar a acordos e mellorar o documento orzamentario”.


Pedro Puy iniciou a súa comparecencia ante os medios de comunicación trasladando, no nome do Grupo Popular, “a máis enérxica condena dos casos de violencia machista que aconteceron esta fin de semana”. Neste sentido, animou “a toda aquela persoa que coñeza casos de malos tratos, e en especial ás mulleres que os sofren, a traballar nas denuncias e na persecución deste tipo de accións absolutamente intolerables e inxustificables”.

 

Así mesmo, felicitou á nova Presidenta local do PP en Vigo, Elena Muñoz, que saíu elixida nun “congreso que serve para deixar ben claro que no noso partido os procesos de elección son absolutamente democráticos”. Puy lembrou que o  Grupo Popular conta con dúas deputadas de Vigo, Teresa Egerique e Marián García, ademais doutro deputado da área metropolitana viguesa, Alberto Pazos, o que demostra que se trata dunha zona “que nos preocupa e motiva a traballar en coordinación coa dirección local de Vigo para impulsar todas aquelas iniciativas que supoñan mellora da cidade e da calidade de vida de todos os que residen en Vigo”.

 

DEBATE DE TOTALIDADE A MEDIADOS DE XANEIRO

 

O portavoz popular fixo un repaso da tramitación no Parlamento dos orzamentos da Comunidade galega para 2017 e lembrou que xa compareceron todos os membros do Consello da Xunta. A eles sumaranse hoxe os presidentes dos órganos institucionais do Consello Consultivo, Consello Económico e Social, Consello da Cultura Galega e Corporación de Radio e Televisión de Galicia; mañá farano os presidentes das Deputacións provinciais; e o mércores os representantes da Axencia Galega de Turismo, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia Galega de Emerxencias e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

 

O remate das comparecencias esta semana “permite confiar na celebración do Pleno de debate de totalidade ao inicio da primeira quincena de xaneiro”, avanzou Pedro Puy, quen tamén engadiu que “unha vez rematado o prazo de presentación de emendas, iniciaremos un procedemento de negociación cos grupos da oposición que permita chegar a acordos e mellorar o documento orzamentario para 2017”.

 

Cuestionado sobre a proposta de financiamento para Galicia presentada hoxe polo BNG, Puy lembrou que “xa foi votada na Cámara a finais da pasada lexislatura” e subliñou que “o sistema de cupo sería prexudicial para Galicia a curto prazo, como o din a maioría dos expertos que analizan o sistema de financiamento autonómico”.

 

O CUPO NON COMPENSA A GALICIA

 

“O propio sistema de cupo é contrario non so aos principios básicos da organización da facenda pública multinivel, senón incluso contraditorio co que defendemos todos: unha Europa máis solidaria e máis eficaz na loita contra as crises asimétricas”, manifestou.

 

Deste xeito, Puy explicou que, en termos financeiros, “non compensaría a Galicia, nin é unha proposta que sexa racional en relación coas circunstancias económicas e financeiras que estamos a vivir, cunha comunidade autónoma integrada e aberta á economía española e europea”.

 

Pedro Puy dixo que na actualidade “o debate na Unión Europea é se establecemos a nivel europeo políticas fiscais que permitan resolver as inequidades e os ciclos asimétricos que o mercado xera unha vez que hai un mercado único europeo”, polo que “cando estamos a falar dunha preocupación pola desigualdade, hai que pensar na escala do mercado onde se producen esas inequidades”.

O GPP solicita a Fomento e Audasa pantallas antirruído nas obras de ampliación da AP-9 na entrada de Vigo

 

Santiago, 17 de decembro de 2016.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento e á empresa Autopistas del Atlántico, S.A. (Audasa) que, no marco das obras de ampliación da capacidade da AP-9 que se levan a cabo na entrada a Vigo, se proceda a cumprir co seu compromiso de instalar pantallas antirruído, naqueles puntos onde sexa necesario de acordo coa normativa vixente, e se adopten medidas paliativas que minimicen o impacto da autoestrada e melloren a compatibilidade desta infraestrutura coa contorna construída e co día a día dos veciños.


O deputado popular Alberto Pazos considera necesario que “se adopten as medidas necesarias que palíen as molestias que a AP-9 lles ocasiona aos cidadáns”. Neste sentido, apunta que “este é o momento máis acaído, xusto cando se están a levar a cabo as obras de ampliación da capacidade da AP-9”.

 

COMPROMISO CON REDONDELA

 

Alberto Pazos lembra que Audasa “comprometeuse directamente co Concello de Redondela a realizar as actuacións paliativas necesarias para minimizar o impacto da infraestrutura ampliada, especialmente a contaminación acústica, que afecta especialmente aos veciños de Teis e de Chapela deste municipio”.

 

“As obras de ampliación entre os enlaces de Cangas e Teis da AP-9 que se están a realizar conlevarán un incremento do nivel de ruídos que padecen os veciños como consecuencia de que a circulación dos vehículos se situará máis próxima ás vivendas e do probable incremento do tráfico pola autoestrada”, indicou.

 

Pazos salientou que a ampliación da AP-9 “mellorará tanto o acceso como a saída de Vigo, reducindo os problemas de tráfico existentes na actualidade e reforzando a seguridade dos condutores, pero leva aparellado o incremento das molestias causadas polos ruídos aos veciños da zona, algo que a concesionaria comprometeuse a solventar e que consideramos necesario que o Parlamento galego se pronuncie sobre este tema”.