Santiago, 20 de decembro de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana solicitar ao Ministerio de Fomento a conexión de Lugo coa alta velocidade ferroviaria e que elabore unha planificación estratéxica que permita avanzar neste obxectivo de modo firme e constante, recollendo xa nos orzamentos de 2017 as partidas suficientes para avanzar na redacción dos proxectos construtivos. Así mesmo, demandará á Xunta que inicie a oferta rutineira da proba do VIH ás persoas entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou que neste momento “Lugo é a única capital galega que queda fora dos enlaces ferroviarios de alta velocidade coa Meseta, polo que para o Partido Popular constitúe unha prioridade” acadar esta conexión.
MODERNIZACIÓN FERROVIARIA
En concreto, a proposición non de lei do Grupo Popular insiste na necesidade de acometer, no menor prazo de tempo posible, un proceso de modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, ao tempo que demanda unha priorización nos investimentos que garantan a modernización e faciliten a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria.
O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria da vindeira semana instar á Xunta a que inicie, tal e como se recolle no Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018, a oferta rutineira da proba do VIH ás persoas de entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde. O obxectivo desta iniciativa é reducir o diagnóstico tardío desta infección e, deste xeito, minorar a transmisión do virus entre a poboación.
Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a incidencia do Brexit no sector pesqueiro, en particular na flota de Gran Sol; e sobre a implantación do programa Acude e axuda, dirixido a reducir os tempos para o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar.