Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no pleno da vindeira semana que se adopten as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller de Ponte Caldelas, así como que se adecúen os coeficientes redutores da idade de xubilación as características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.
A remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que o vindeiro luns, 6 de febreiro, procederase ao debate para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2017 nun pleno extraordinario. En primeiro lugar, terá lugar o debate do conxunto das seccións e, de seguido, será a quenda do articulado dos orzamentos.
ACORDO PARA CONCELLOS CON PXOM ANULADO
A sesión plenaria tamén incorpora o debate do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos presupostos. Neste sentido, Puy destacou a dificultade para chegar a acordos coa oposición cando “dúas terceiras partes das emendas que presentaron eran de supresión”.
Porén, salientou o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Socialista para incorporar no proxecto de lei a posibilidade de que os concellos con plan xeral anulado, como Vigo ou Ourense, poidan aprobar medidas urbanísticas de ordenación provisionais, a través das que se manteña a actividade vinculada a determinados ámbitos do planeamento anulado que acadaran un elevado grao de desenvolvemento con carácter previo á anulación do plan e que sexan considerados como de especial interese.
CIM PONTE CALDELAS E XUBILACIÓNS NA PESCA
Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que o Concello de Ponte Caldelas adopte as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller, logo de que os responsables municipais decidiran pechar este servizo logo de dez anos de traballo e de ter un presuposto asignado por parte da Xunta de Galicia.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará á Xunta que, á espera de que entre en vigor o vindeiro verán o regulamento aprobado polo Parlamento europeo e o Consello de Europa que define as características dos barcos de pesca, abra un proceso de diálogo de cara á adecuación dos coeficientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.
Para rematar, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as medidas e axudas que está a impulsar para a vertebración do sector lácteo galego; a evolución dos datos da enfermidade gripal neste inverno; e o balance do programa Reconduce