Tellado: “As Mareas aplican no seu partido as peores prácticas dos réximes que defenden”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que “as Mareas de Podemos, que predican democracia interna e transparencia, aplican no seu partido as peores prácticas dos réximes que defenden”. “É agora cando comezamos a saber por que se fixeron chamar rupturistas e imaxinamos que é porque viven cada día ao borde da ruptura interna”, engadiu.

 

Como sinalou, levamos semanas observando o espectáculo que están dando nas súas primarias internas, “un novo capítulo das continuas conspiracións que levamos vendo neste partido desde a súa formación” e, unha vez máis, confírmase que as Mareas de Podemos nunca se preocuparon polos problemas de Galicia, senón que só dos seus propios.

 

Tellado apuntou que, desde a súa fundación, non fixeron nin unha proposta sólida pensando nos intereses dos galegos xa que os debates que trasladaron á sociedade foron o chofer e a secretaria de Villares, os soldos dos deputados e os asesores aos que teñen dereito, os deputados que pagan cotas ao partido e os que non, se unha deputada que intenta intimidar a un policía durante uns actos vandálicos debe dimitir ou non, ou se no partido debe mandar Villares ou Martiño Noriega cun testaferro durante uns meses.

 

Por todo isto, expresou que a nosa Comunidade merece algo mellor como formación que lidere a oposición ao tempo que preguntaba “se os galegos poden fiarse dun partido no que os seus membros se acusan uns a outros de manipular votacións, de ser totalitarios ou de dar golpes de estado internos”.

 

UN NOVO AGRAVIO DOS SOCIALISTAS CON GALICIA

Por outra banda, o secretario xeral lamentou que, esta semana, a ministra de Defensa volvese utilizar ao secretario xeral dos socialistas galegos como recadeiro dos agravios que cometen con Galicia, para que Gonzalo Caballero xustificase un novo retraso na orde de execución das Fragatas F-110.

 

Tras lembrar que os gobernos do PP fixeron o máis difícil, que foi impulsar o proxecto nas fases de deseño e durante a peor crise económica dos últimos 40 anos, así como aprobar os orzamentos de 2018 e incluír unha partida de 252 millóns para as fragatas; pediu ao Goberno de Sánchez o máis sinxelo: “que non pare un proxecto que é fundamental para unha comarca farta de aturar o castigo inxustificado de gobernos socialistas desde a década dos 80”.

 

“Estamos moi acostumados a que os socialistas gobernen como se as institucións fosen súas, a que utilicen contas oficiais para mandar mensaxes de partido, a que usen o CIS para facer propaganda, a que o delegado do Goberno use o seu posto para facer oposición á Xunta, e a que os ministros usen os seus despachos para facer reunións de partido para tratar temas que se deberían tratar con conselleiros ou co presidente da Xunta”, dixo manifestando que os populares renuncian “a que os socialistas utilicen as institucións como é debido” pero que lles gustaría que polo menos o PSdeG intentase defender algunha vez os intereses de Galicia.

 

A DEFENSA DA CONSTITUCIÓN

Por último e con motivo da conmemoración da Constitución, Tellado quixo recordar o papel de Galicia como artífice da Carta Magna, salientando que “fomos parte fundamental dun momento histórico que nos trouxo a democracia e as décadas de maior prosperidade da nosa historia”. Ademais, recoñeceu que o sentimento maioritario na nosa Comunidade é “non renunciar a ser españois para ser galegos nin a ser galegos para ser españois” porque “entendemos que as nosas identidades suman e conviven dun xeito natural, pero nunca confrontan”.

 

Como mostra, aseverou que, mentres a inmensa maioría de galegos celebrou onte a Carta Magna -como o fai o resto de días-, unha minoría participaba nun acto en contra que celebrou o BNG, polo que expresou que “fronte aos que defendemos a Constitución están os que nos van obrigar a ver en Galicia papeletas cos nomes de Junqueras ou dos membros da antiga Batasuna”.