Santiago, 4 de xuño de 2019.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira demandou hoxe que a Xunta convoque o grupo de traballo de emerxencias unha vez se constitúan as novas corporacións locais e a dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para acordar a sede dos novos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) atendendo ao mapa de isocronas existente.
Tellado salienta que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma na que máis baixou o paro no último ano
Santiago, 4 de xuño de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, salientou hoxe que “o desemprego continuou caendo no mes de maio na Comunidade galega, e xa levamos seis anos consecutivos descendendo, situando a Galicia como a segunda comunidade autónoma de España na que máis baixou o paro no último ano”. Diante destes datos, celebrou “as palabras da ministra da ministra de Economía, Nadia Calviño, nas que recoñecía que non era conveniente derrogar a reforma laboral do Partido Popular, admitindo que esta reforma impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy foi fundamental para sacar a España da crise e instalala no crecemento económico”.
Miguel Tellado salientou que o paro en Galicia descendera no último ano en 15.891 persoas, o que supón unha baixa do 8,99 por cento, moi por enriba do 5,31 por cento da media nacional. Neste sentido, salientou que o paro na Comunidade galega se situara en niveis moi inferiores aos rexistrados hai dez anos.
No que respecta ás afiliacións á Seguridade Social, Tellado destacou que “Galicia supera o millón de afiliados, logo de rexistrar un incremento superior ao dous por cento no último ano, en concreto 20.315 afiliados máis”.
REFORMA LABORAL ÚTIL
O viceportavoz popular salientou que esta redución do desemprego, tanto a nivel nacional como galego, “está a demostrar que a reforma laboral impulsada polo Goberno do PP ten sido útil e está sendo útil para sacar a España da situación de crise económica e de crecemento do desemprego que padecíamos hai uns anos”.
Así, lembrou que a ministra Nadia Calviño recoñecera a semana pasada que “non é conveniente derrogar esta reforma laboral, admitindo que mentiron de forma consciente cando criticaban esta medida e dicían que o primeiro que farían ao chegar ao Goberno sería derrogala”.
O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral dos traballadores do mar
Santiago, 4 de xuño de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que de xeito inmediato rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 para incluír a creación dun novo Xulgado do Social para Lugo. Así mesmo, desde o Grupo Popular pedirase ao Goberno central que mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou que a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para informar da planificación da Xunta de cara a continuar avanzando no reto dunha adecuada xestión do ciclo integral da auga.
MÁIS DE 300 ACTUACIÓNS
Tellado avanzou que esta comparecencia abordarase a importancia de que os concellos se doten de plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, co apoio das deputacións provinciais; ao tempo que se dará conta das máis de 300 actuacións realizadas pola Xunta en 186 concellos galegos para garantir un subministro de auga en cantidade e calidade.
No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá ao Ministerio de Xustiza que rectifique de inmediato a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019, de xeito que se cree un novo xulgado do social na cidade de Lugo.
Miguel Tellado lembrou que a Xunta de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres novos xulgados do social en Vigo, Santiago e Lugo. “Porén, o Ministerio de Xustiza respondeu a esta petición aceptando unicamente a creación do xulgado do social en Vigo e, logo da presión exercida polo Goberno galego e as institucións xudiciais galegas, en Santiago, pero ten rexeitado a creación deste órgano xudicial en Lugo”, explicou.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular que se debaterá no Pleno da vindeira semana ten como obxectivo que o Goberno central continúe as xestións e impulse os cambios normativos que sexan precisos para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, así como estude a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.
No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polos resultados do cumprimento do decreto de garantía de tempos máximos de espera no acceso ás prestacións sanitarias públicas; pola impacto que está a ter o bono concilia nas familias galegas; e polas obras de conservación executadas nos últimos dous anos na muralla romana de Lugo.
DESIGNACIÓN DE SENADORES AUTONÓMICOS
Cuestionado sobre a designación dos senadores en representación da Comunidade galega, Miguel Tellado indicou que “a nosa vontade é proceder a esta designación neste mes de xuño”, coincidindo co que se fará nos doce parlamentos autonómicos para os que se celebraron eleccións o pasado 26 de maio.
Así mesmo, o viceportavoz popular indicou que na Xunta de Portavoces acordouse adiar tanto o proceso de designación dos senadores como a asignación de senadores entre os grupos parlamentarios galegos, “unha decisión sensata e responsable á vista do que está acontecendo no principal grupo da oposición neste Parlamento”.