A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, trasladou hoxe unha mensaxe de “tranquilidade” aos galegos asegurando que “a Galicia que funciona, con Alfonso Rueda á fronte, vai seguir funcionando” fronte a un Pedro Sánchez “obstinado en lastrar o futuro de España” e unha esquerda “empeñada en frear o avance de Galicia”.
Referiuse así ao do PPdeG á “creación de emprego e de riqueza da man de todas aquelas iniciativas e empresas que se queiran instalar en Galicia” e recordando que hai dous anos o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa en defensa da instalación de Altri na provincia de Lugo “por tratarse dunha gran aposta económica, laboral e estratéxica”.
“Agora atopámonos con que a esquerda volve ao non e a boicotear o futuro de Galicia”, explicou a continuación poñendo en evidencia as contradicións dun PSOE que no seu día apoiaba o proxecto e neste momento “non sabe se seguir facéndoo ou non”. De feito, recordou que Besteiro, na súa etapa como delegado do Goberno, “chegou a ofrecerse como mediador entre Altri e o Ministerio de Industria”.
Ao igual que o BNG, que logo de apoiar tamén esta iniciativa, agora se posiciona “en contra de crear emprego e de que Galicia prospere”. Unha situación que, en opinión de Paula Prado, é habitual no nacionalismo galego: “É como cando Ana Pontón pasou de criticar a Amancio Ortega por ‘explotador’ a enxalzalo como ‘referente mundial’, ou cando falou de Finsa como ‘exemplo de innovación e sustentabilidade’ cando uns anos antes se refería a ela como parte da ‘oligarquía’ madereira de Galicia”.
“Tanto o PSOE como o BNG terán que explicar por que en dous anos pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear a súa instalación”, concluíu a secretaria xeral do PPdeG remarcando que o seu partido seguirá dicindo si “a esta e a todas aquelas iniciativas que fagan que Galicia prospere e contribúan a que a nosa terra aproveite e xere oportunidades, desenvolva todo o seu potencial e avance cara o futuro sen medo e sen límites”.
TODO PARA CATALUÑA, NADA PARA GALICIA
Paula Prado criticou tamén aos partidos da oposición que calen ante o “cupo catalán”, que supón “traducir a chantaxe dos independentistas en desigualdade xurídica, territorial e económica entre as diferentes comunidades, e que garden silencio tamén sobre as consecuencias negativas para Galicia da renuncia de Pedro Sánchez de Presupostos Xerais do Estado para este ano.
“Esta renuncia se traducirá na extensión dos peores Presupostos para Galicia dos últimos anos, en 60 millóns de euros de déficit ao mes para o Goberno galego, e na falta de investimentos estatais no eido da sanidade, a dependencia ou nas infraestruturas”, afirmou.
Acusou neste sentido a PSOE e BNG de “preferir darlle todo a Cataluña e que Galicia se quede sen nada” e de “estar dispostos a ceder en todo por seguir mantendo no poder a Pedro Sánchez aínda que sexa a costa dos galegos”.
INICIO DE LEXISLATURA
Dado que hoxe mesmo se deu a coñecer a organización do Grupo Popular no Parlamento, Paula Prado agradeceu a confianza do presidente Rueda por apostar por ela como viceportavoz parlamentaria: “Intentarei representar do mellor xeito o gran traballo que van desenvolver os deputados e deputadas do PPdeG”.
“Alberto Pazos (portavoz), Cristina Sanz e María Martínez Allegue (viceportavoces) afrontamos esta nova lexislatura con ganas e ilusión, pero sobre todo co desexo de representar ao PPdeG e a todos os galegos e galegas”, rematou incidindo no compromiso adquirido polos 40 deputados e deputadas de “estar ao servizo de Galicia e á altura da confianza que os galegos depositaron en nós co seu voto”.