Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso veñen de rexistrar dúas preguntas ao Goberno central para coñecer que prazos contempla no cumprimento do seu compromiso de eliminar as peaxes da AP-9 e, así mesmo, a afectación que ten a falta de Presupostos Xerais do Estado na aplicación desta medida.
Recordan os populares que nas pasadas eleccións autonómicas o candidato socialista prometeu a gratuidade das peaxes nesta autopista “en nome do presidente do Goberno”. Do mesmo xeito que na anterior lexislatura o propio Pedro Sánchez comprometera a transferencia da súa titularidade á Xunta de Galicia.
“Son numerosos os incumprimentos de Sánchez con Galicia e o da AP-9 é o máis coñecido de todos: comprometeu o seu traspaso e incumpriu, comprometeu que este ano as peaxes serían gratuítas e ata o de agora incumpriuno tamén”, explica neste sentido Jaime de Olano.
O portavoz adxunto do Grupo Popular no Congreso e deputado pola provincia de Lugo insiste na necesidade de saber, ante a evidencia de que non haberá Presupostos Xerais do Estado para este ano 2024, como afectará esta falta de orzamentos ao compromiso da eliminación das peaxes desta autopista.
“Temémonos que novamente o PSOE e o BNG intentarán tomarlle o pelo aos galegos”, conclúe recordando que esta cuestión estaba incluída no pacto de investidura asinado entre socialistas e nacionalistas.