Alberto Pazos avoga porque nesta XII Lexislatura “Galicia siga sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastada do barullo que vive a política estatal pola debilidade do Goberno de Sánchez”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avogou hoxe, ao remate da reunión de constitución da Xunta de Portavoces nesta XII Lexislatura no Parlamento galego, porque Galicia “siga sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastados do barullo e a inestabilidade que está a vivir a política a nivel estatal, consecuencia dun Goberno de Pedro Sánchez débil e totalmente manexado ao seu antollo polo independentismo catalán e vasco”.

Alberto Pazos informou que a Xunta de Portavoces fixou en 17 o número de deputados que integrarán as distintas comisións parlamentarias, “respectando a máxima proporcionalidade co reparto de escanos saído das pasadas eleccións autonómicas”. En concreto, as comisións estarán formada por 9 deputados do PPdeG, 5 do BNG, 2 do PSdeG e 1 de Democracia Ourensana.

Así mesmo, acordouse que a constitución das distintas comisións parlamentarias terá lugar o vindeiro luns, 1 de abril, cumprindo estritamente os prazos marcados no Regulamento do Parlamento de Galicia

Respecto da Deputación Permanente, estará integrada por 23 membros, dos que 12 serán do PPdeG, 7 do BNG, 3 do PSdeG e 1 de Democracia Ourensana, ademais do Presidente do Parlamento, que é membro nato.

Outro dos puntos abordados na Xunta de Portavoces de hoxe foi o calendario das sesións de investidura do Presidente da Xunta e de apertura da lexislatura. En concreto, o debate de investidura dará comezo o vindeiro martes 9 de abril, coa intervención do candidato á Presidencia da Xunta para presentar o seu programa de Goberno; as intervencións dos portavoces dos distintos grupos parlamentarios e o debate posterior terá lugar o xoves, 11 de abril; e, ao remate desta xornada, celebrarase a votación da que sairá elixido o Presidente da Xunta. Como remate de todo este procedemento, a toma de posesión do novo Presidente da Xunta terá lugar o vindeiro sábado, 13 de abril; e a sesión solemne de apertura desta XII Lexislatura celebrarase o martes, 16 de abril.

ILUSIÓN E RESPONSABILIDADE

Alberto Pazos manifestou que desde o Grupo Popular “afrontamos con ilusión e moita responsabilidade esta nova lexislatura, na que temos por diante catro anos nos que desenvolver o ambicioso programa electoral co que Alfonso Rueda e o PPdeG conseguiron revalidar cunha maioría absoluta a confianza dos galegos”. “Unha confianza que imos traballar para non defraudar as expectativas xeradas, coñecedores do moito que se xoga Galicia nestes anos a nivel económico e social, pero, sobre todo, para seguir sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastados do barullo e a inestabilidade que está a vivir a política a nivel estatal, consecuencia dun Goberno de Pedro Sánchez débil e totalmente manexado ao seu antollo polo independentismo catalán e vasco”, indicou.

Neste sentido, asegurou que “nós estamos abertos a estudar e negociar todas aquelas propostas que se nos fagan chegar e que sexan positivas para toda a sociedade galega”, pero lamentou que “xa estamos comprobando que o talante moderado que o BNG amosou durante a campaña rematou xustamente o día das eleccións, cando viu que os galegos volvían confiar maioritariamente no PPdeG e en Alfonso Rueda”.

“Non esperaron nin á constitución do Parlamento para intentar sumarse ao barullo existente a nivel nacional pedindo comisións de investigación sobre a compra de material sanitario durante a pandemia en Galicia, a pesar de que xa existen dous informes de fiscalización do Consello de Contas sobre este asunto, ou sobre supostas anomalías en contratos da Xunta con empresas”, manifestou.

O portavoz popular criticou que o BNG “foi máis aló estes días dando un xiro de 180 graos sobre o proxecto industrial que a empresa Altri quere levar adiante en Palas de Rei: despois de apoiar en dúas ocasións a posta en marcha deste proxecto en 2022 e 2023, agora se posicionan en contra sen consultar nin informarse directamente coa empresa ou con técnicos especializados na materia sobre as cuestións que poden resultar máis polémicas deste proxecto”.

ESTRITOS CONTROIS AMBIENTAIS

“Desde o Grupo Popular imos seguir apoiando calquera proxecto empresarial que xere riqueza e postos de traballo en Galicia, sempre respectando e cumprindo cos máis estritos controis medioambientais, tanto europeos como galegos”, indicou Alberto Pazos, quen lembrou que “falamos dun proxecto que suporá un investimento superior aos 900 millóns de euros, dará traballo a 2.500 persoas e está sendo sometido a unha tramitación ambiental absolutamente garantista, tal e como marca a figura dos Proxectos de Industrias Estratéxicos”.

Ademais, o portavoz popular demandou ao Goberno de Pedro Sánchez que “cumpra coa palabra dada e lle asigne os fondos necesarios e axilice toda a tramitación ante a Unión Europea como xa teñen feito con outros proxectos industriais como o de Arcelor Mittal”.