Paula Prado: “Mentres no PPdeG podemos falarlle cara a cara aos galegos, o BNG e o PSOE van a mentira por día, cando non son máis”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que, mentres o seu partido pode “falarlle cara a cara aos galegos”, o BNG e o PSOE “van a mentira por día, cando non son máis”; referíndose así a cuestións como os vínculos do nacionalismo galego con Bildu ou aos incumprimentos do Goberno central na chegada a Galicia dos trens Avril.

Sobre esta última cuestión, a número dous dos populares galegos lembrou todos as datas “incumpridas” para a posta en funcionamento da Alta Velocidade en toda a Comunidade desde o ano 2021. E amosouse moi crítica ante o feito de que “nin o propio ministro de Transportes se atreve a comprometer unha data para a chegada destes trens”.

“O que vemos é que Óscar Puente está moito máis preocupado de engarzarse en liortas en redes sociais e en recompilar insultos que de xestionar o seu Ministerio. E o que os galegos precisamos son menos tuits e máis certezas nesta cuestión prioritaria para Galicia”, subliñou.

Prado incidiu en que a día de hoxe segue sen coñecerse unha data certa de chegada dos trens Avril, así como tampouco cantos deses trens chegarán a Galicia, nin cal é a previsión de mellora das frecuencias ferroviarias coas que a día de hoxe contamos e que son “claramente insuficientes”.

Unha problemática ante a que prometeu que o PPdeG seguirá insistindo “ata que Galicia reciba o trato que se merece” e resumiu do seguinte xeito: “Necesitamos máis trens, demandamos mellores frecuencias e reclamamos que dunha vez por todas a Alta Velocidade chegue a todas as cidades galegas”.

O ACORDO ENTRE PSOE E BNG É “PAPEL MOLLADO”

A número dous dos populares galegos recordou tamén o pacto de investidura co que o BNG fixo presidente a Pedro Sánchez, referíndose ao “paripé” que ambas formacións organizaron onte para avaliar o cumprimento dun acordo que nas súas palabras é xa “papel mollado”.

“Pretenden enganar aos galegos, cando en realidade o único que fan é enganarse a si mesmos”, asegurou indicando que os socialistas “non teñen o menor intención de cumprir ese acordo porque o BNG é o único nacionalismo irrelevante para Pedro Sánchez”. E os de Ana Pontón, pola súa banda, “volveron deixarse enganar e son os galegos os que pagan as consecuencias”.

Puxo sobre a mesa acto seguido incumprimentos como o das rebaixas da AP-9– as peaxes rexistraron a maior subida da historia–, a creación de xulgados específicos de violencia de xénero en Galicia que o Goberno central xa rexeitou, o paseo peonil entre Pontevedra e Marín que Costas desbotou esta mesma semana ou unha suposta transferencia de competencias que na realidade se traduciu en “todo a Cataluña e ao País Vasco pero nada a Galicia”.

“O BNG É A SUCURSAL DE BILDU EN GALICIA”

Precisamente en referencia ao País Vasco, a secretaria xeral do PPdeG aproveitou a ocasión para trasladarlle sorte a Javier de Andrés: “Galicia apostou o 18 de febreiro pola estabilidade, a igualdade, o entendemento, a dignidade e o sentidiño. Valores que encarna o proxecto do Partido Popular e que o noso candidato porá a disposición de todos os vascos co obxectivo de facer posible un cambio en Euskadi”.

Tal e como explicou, o que o candidato popular terá enfronte nesta campaña electoral é o “independentismo radical” de Bildu que en Galicia encarna o BNG. De feito, considera que ambos son “socios naturais” e ademais “non teñen ningún problema en agochar a súa estreita relación”.

“Comparten manifestacións a favor da independencia de Galicia e do País Vasco e teñen a autodeterminación no seu ideario político, comparten manifestacións a favor da liberación de presos de ETA e, por compartir, comparten ata papeleta electoral nas próximas eleccións europeas”, relatou.

O único que os diferencia, en cambio, é que “mentres que Bildu nin se molesta en tapar as súas intencións e o seu pasado, o BNG vive do engano permanente aos galegos”. De feito, ironizou con que o partido de Ana Pontón “pretende obter a confianza dos galegos renegando da súa ideoloxía, ocultando as súas alianzas e disfrazándose do que non eran”.

Afortunadamente, concluíu, os galegos “non son parvos” e por iso cada vez que teñen que votar deixan ao BNG na oposición e apoian maioritariamente ao PPdeG: “Ana Pontón leva tres eleccións consecutivas perdendo eleccións e Alfonso Rueda gañou á primeira”.

INVESTIDURA DE ALFONSO RUEDA

Logo da designación esta semana de Alfonso Rueda como candidato á Presidencia da Xunta no debate que se celebrará a próxima semana no Parlamento de Galicia, Paula Prado está convencida de que este debate transcorrerá “do xeito no que facemos as cousas en Galicia” e que é “desde o sentidiño, a responsabilidade, a tranquilidade, a estabilidade e lonxe do barullo que caracteriza a política nacional”.

“Mentres en España temos un presidente que non gañou as eleccións e está sometido á chantaxe dos seus socios, Galicia contará moi pronto cun presidente que obtivo o 18 de febreiro a súa primeira maioría absoluta e que só pacta cos galegos e galegas”, indicou.

Unha sesión parlamentaria na que o presidente Rueda “presentará as súas propostas para a Galicia do futuro tendo como base o programa electoral que os galegos apoiaron nas urnas e as medidas incluídas nel”.