O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central suprima a obrigatoriedade de rexistrar os currais avícolas para autoconsumo

O Grupo Popular demandará no primeiro Pleno da XII Lexislatura, que se celebrará a vindeira semana, que o Goberno central suprima a obrigatoriedade de rexistrar o currais avícolas para autoconsumo, unha decisión “que supón máis carga burocrática e trabas para os seus propietarios, xa que non sacan beneficio económico algún destas explotacións ao non comercializar estes produtos”. Así mesmo, solicitará á Xunta que continúe coa extensión da rede de unidades de atención temperá polos concellos galegos, a fin de evitar gastos e desprazamentos ás familias e reducir as listas de agarda para a atención dos nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelo.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que a obriga establecida polo Goberno central de ter que rexistrar os máis de 50.000 currais avícolas de autoconsumo existentes en Galicia “está a suscitar unha fonda preocupación entre os habitantes do noso rural”. “Estamos diante dunha nova decisión de Pedro Sánchez que vai en contra do sentido común, porque o único que supón é unha maior carga burocrática e trabas para os propietarios destes currais familiares, que non sacan ningún beneficio económico dos mesmos xa que non comercializan estes produtos”, apuntou.

NORMATIVA CONTRARIA ÁS ESPECIFICIDADES DE GALICIA

Pazos lamentou que “o Goberno central non atendeu as alegacións presentadas pola Xunta de Galicia, que considera esta normativa totalmente contraria ás especificidades do territorio rural galego, polo que consideramos que estas explotacións de autoconsumo deberían quedar fóra do ámbito de aplicación do Real Decreto”. Así, engadiu que “o Goberno de Pedro Sánchez non tivo en conta ás comunidades autónomas e continúe no seu empeño de lexislar de costas ao territorio, sen atender ás peculiaridades de cada zona”.

En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei enmarcada no ámbito social a través da que se pide que a Xunta siga estendendo a Rede de unidades de atención temperá para que chegue a máis concellos, co fin de seguir incrementando a presencia territorial destas unidades, de evitar gastos e desprazamentos ás familias, e de reducir a lista de agarda.

O portavoz popular recordou que “Galicia viviu nos últimos anos un desenvolvemento importante da rede de atención temperá, ao pasar de 2 unidades financiadas en 2009 a 46 unidades, que chegan a 200 concellos na actualidade”. Ao mesmo tempo, salientou que o Goberno galego outorga “especial importancia á atención ás persoas con discapacidade”, que se traduce no incremento, ano tras ano, do orzamento destinado a este colectivo, que en 2024 sitúase en 172 millóns de euros.

Porén, criticou que a Xunta “siga sen recibir o 50 por cento de financiamento que lle corresponde ao Goberno central para a atención á dependencia, o que supón arredor de 2.500 millóns de euros que Galicia deixa de ingresar cada ano”.

PREGUNTAS SOBRE VIVENDA E XESTIÓN DO LITORAL

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase por dúas cuestións “que van ser primordiais nesta lexislatura que estamos a comezar”, dixo Alberto Pazos.

A primeira ten que ver coa vivenda e desde o Grupo Popular preguntarase polas medidas que vai tomar a Xunta para que Galicia sexa incluída no Programa Viena da Sareb, que contempla a construción de 3.500 vivendas de alugueiro en 10 comunidades, logo de coñecer que a Comunidade galega non figura entre as escollidas.

A segunda pregunta fai referencia á xestión do litoral e “volvemos a insistir no agravio que supón para Galicia que o Goberno central transfira ao País Vasco estas competencias mentres a Lei autonómica galega está recorrida e en suspenso”, indicou Alberto Pazos. Así, lembrou que “estamos diante dun evidente agravio contra Galicia e unha diferenza de trato inxusta e inxustificable, dando privilexios a unha comunidade en función dos intereses políticos de Pedro Sánchez”.