O Grupo Popular insistirá no Pleno desta semana no agravio que supón para Galicia o traspaso ao País Vasco da xestión do litoral

O Grupo Popular insistirá no Pleno do Parlamento de Galicia que se celebra a vindeira semana no agravio que supón para Galicia o acordo asinado polo PSOE e o PNV para o traspaso ao País Vasco da xestión do litoral, mentres a Lei de ordenación do litoral de Galicia, aprobada sen votos en contra nesta Cámara, está recorrida polo Goberno de Pedro Sánchez e en suspenso.

A iniciativa parlamentaria, que se substanciará á través dunha pregunta ao Goberno galego na sesión plenaria, lembra que un dos puntos do acordo asinado polo PSOE e o PNV para facilitar a investidura como Presidente de Pedro Sánchez é a transferencia ao País Vasco da xestión do litoral, “exactamente a mesma reclamación que desde hai anos está a facer Galicia e que rexeita o Goberno central”.

INXUSTA E INXUSTIFICABLE DIFERENCIA DE TRATO

En concreto, esa transferencia ao País Vasco comprométese sen necesidade de modificar o seu Estatuto de Autonomía, mentres que a Galicia esíxelle unha reforma estatutaria como escusa para non levar adiante o traspaso, a pesar de que a redacción dos estatutos de autonomía de ambas comunidades autónomas é idéntico no que respecta a esta competencia.

Desde o Grupo Popular considérase esta situación un evidente agravio do Goberno de Pedro Sánchez contra Galicia e unha inxusta e inxustificable diferencia de trato, que varía en función do interese político do Presidente do Goberno de España á hora de favorecer determinados territorios para garantir a súa supervivencia na Moncloa.