O Grupo Popular pedirá no Parlamento de Galicia que o Goberno de España, unha vez que o Tribunal Constitucional recoñeceu que a Comunidade galega ten as competencias en materia de litoral, traspase os medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa. Neste sentido, o portavoz popular, Alberto Pazos, criticou que o BNG volvera presentar onte, por terceira vez, unha proposición de lei pedindo ao Goberno de España esta transferencia sobre o litoral, levando á práctica o que esconderon durante a campaña electoral: que o Tribunal Constitucional deixe de exercer funcións en Galicia e, para iso, non atopan mellor reacción que facer oídos xordos á sentenza que esta institución xudicial acaba de ditar favorecendo os intereses de Galicia”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios felicitando, no nome de todo o Grupo Popular, “aos deputados que esta semana nos deixaron para asumir responsabilidades no Goberno galego ou como novo senador: Martina Aneiros, Delegada da Xunta en Ferrol; Javier Arias Fouz, delegado da Xunta en Lugo; José Manuel Balseiro, novo senador; Victoria Núñez, directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística; Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo; Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración; Marisol Díaz Mouteira, directora xeral de Patrimonio Natural; e Silvestre José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias”. Ao mesmo tempo, deu a benvida aos novos deputados que, ao longo destes días, cumprimentarán a documentación correspondente para tomar posesión no vindeiro Pleno.
O portavoz popular amosou a súa satisfacción pola sentenza do Tribunal Constitucional que, por unanimidade, avalía a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, “desestimando 70 das 72 impugnacións realizadas polo Goberno de Pedro Sánchez; referendando o traballo levado a cabo por parte do Goberno galego de cara a dar seguridade xurídica ás actividades estratéxicas no dominio público marítimo-terrestre, e ratificando que Galicia ten plenas competencias para xestionar o seu litoral, sen necesidade de solicitar ao Goberno do Estado a súa transferencia, como pretendían tanto desde as filas do BNG como do PSdeG, a pesar do informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia que avaliaba a postura do Goberno galego”.
Deste xeito, felicitou “ao Goberno de Alfonso Rueda e aos técnicos e especialistas que elaboraron a Lei galega do litoral e defenderon a Galicia ante o ataque que perpetrou o Goberno central contra o noso autogoberno, porque a súa eficacia e bo traballo tivo como recompensa o recoñecemento do máximo tribunal de xustiza español”. “Conseguiron sacar adiante unha norma sobre a que o Goberno de Pedro Sánchez negouse a dialogar e negociar, ao tempo que recoñecía a outras comunidades estas mesmas competencias, a pesar de que os seus Estatutos de Autonomía teñan exactamente a mesma redacción nesta materia que o galego”, dixo.
Á ESPERA DAS DESCULPAS DE BNG E PSdeG
Pazos lamentou que “seguimos á espera de que tanto o BNG como o PSdeG presenten as súas desculpas, tanto á Xunta como a todos os galegos, por desprezar o noso Estatuto de Autonomía e pretender demorar a aplicación da nosa Lei do Litoral insistindo na necesidade dun engorroso proceso de transferencia para que Galicia tivera as competencias sobre o seu litoral”.
En concreto, sobre o BNG lembrou que a súa defensa do autogoberno de Galicia traduciuse, de xeito sorprendente, no rexistro e debate no Parlamento galego de dúas proposicións de lei a través das que pedían a tramitación no Congreso da solicitude ao Goberno do Estado da transferencia das competencias sobre o litoral”. Ambas iniciativas foron rexeitadas porque “atrasarían sine die a cesión das competencias sobre o litoral a Galicia, cando, como lles repetimos incansablemente, estas competencias xa están recollidas no noso Estatuto de Autonomía”.
“Pero é que onte mesmo, para seguir incidindo no ridículo, volveron presentar por terceira vez a mesma proposición de lei”, sinalou o portavoz popular, quen explicou que deste xeito os nacionalistas galegos “levan á práctica o que esconderon durante a pasada campaña electoral: a súa intención de que o Tribunal Constitucional deixe de exercer funcións en Galicia, e para iso, non atopan mellor reacción que facer oídos xordos á sentenza que acaba de ditar o máximo órgano constitucional favorecendo os intereses de Galicia”.
Respecto dos socialistas galegos, Alberto Pazos lembrou que “pasaron nun primeiro momento de dividirse sobre a necesidade ou non de reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia tivera as competencias sobre o seu litoral, a posicionarse, coa chegada de Besteiro á Delegación do Goberno, totalmente a favor de reformar o Estatuto para asumir estas competencias”. “Felizmente, a sentencia do Tribunal Constitucional botou abaixo as pretensións tanto de nacionalistas como de socialistas e recoñeceu que o Estatuto de Autonomía xa recolle as competencias de Galicia sobre o seu litoral”, incidiu.
“Agora queda pendente que o Goberno de Pedro Sánchez dea o trato que se merece a Galicia e traspase os medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa, nas mesmas condicións e coa mesma tramitación que as comunidades que recibiron antes estes servizos a través dun Real Decreto”, sinalou Pazos. Con este obxectivo, o Grupo Popular xa rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego, “onde se poderá volver a comprobar de que lado están o BNG e o PSdeG: se seguen coa súa negativa a recoñecer as lexítimas competencias que ten Galicia no seu Estatuto ou se suman ao PPdeG pedindo ao Goberno central a transferencia dos medios necesarios para exercer as súas competencias, poñéndose do lado dos galegos e defendendo os seus intereses”.