Alfonso Rueda traslada no Baixo Miño a súa confianza no traballo que realizará Lara Meneses a favor da xuventude

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este mediodía en Tomiño nunha comida con representantes do Partido Popular do Baixo Miño (O Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia), acompañado do presidente provincial, Luis López.

Exerceu como anfitrioa a líder local de Tomiño, Lara Meneses, que vén de deixar a portavocía no Concello para formar parte do Goberno da Xunta como responsable de Xuventude.

Neste sentido, trasladou a súa confianza de que Lara realizará un gran traballo a favor da mocidade galega, un labor que non é novo para ela posto que xa é a coordinadora de Xuventude do PPdeG.

Así, sinalou que entre os seus retos está o de seguir escoitando a voz dos máis novos, comprender os seus problemas e darlles solución, xa que Galicia cre na xuventude e considéraa unha prioridade.

Por último, cando está a punto de cumprirse un ano desde as últimas eleccións municipais, Rueda subliñou a importancia de que o PP do Baixo Miño conseguira catro alcaldías e, ao mesmo tempo, lograra recuperar o segundo deputado provincial, con máis de 25.000 votos. Ademais, tanto nos comicios locais como nos autonómicos incrementouse o número de apoios en todos os concellos.

Alfonso Rueda participa nas Festas da Ascensión en Santiago de Compostela e enxalza o labor do PP local fronte ao nacionalismo

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, participou hoxe nas tradicionais Festas da Ascensión en Santiago de Compostela acompañado pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, e o presidente do PP local, Borja Verea.

Durante o percorrido realizado pola Alameda compostelá, o líder dos populares galegos recibiu numerosas mostras de afecto por parte das persoas que se achegaron ata este emblemático punto da capital para desfrutar destes festexos. A todas elas o presidente quixo corresponder reiterándolle o seu compromiso con Galicia e con Santiago de Compostela.

Non en balde, Rueda elixiu esta cidade para iniciar o que no seu día definiu como “o camiño máis importante” da súa vida: o camiño cara a súa primeira maioría absoluta do 18 de febreiro. Unha maioría á que contribuíu o feito de que case o 50% dos votos depositados polos composteláns nas urnas fosen para o PPdeG.

O presidente asegurou que devolverá esa confianza apostando polo futuro e o avance de Santiago de Compostela e, para iso, contará co apoio de Borja Verea e de todo o partido local. Precisamente, a todos eles quixo agradecerlles o seu labor diario poñendo o foco nos problemas reais dos veciños e facendo fronte ao nacionalismo.

O PPdeG lamenta o incumprimento do compromiso de Sánchez de eliminar as peaxes da AP-9

O Partido Popular de Galicia lamenta o incumprimento por parte de Pedro Sánchez da súa promesa de eliminar as peaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9), logo de constatar a súa falta de compromiso con esta infraestrutura fundamental para a Comunidade e ante a evidencia de que a falta duns Presupostos Xerais do Estado para este ano imposibilita a materialización desta medida.

Denuncia ademais que o Goberno central está primando os intereses da empresa concesionaria da vía por riba dos intereses dos galegos e galegas. Unha afirmación que vén logo de que o Ministerio de Transportes –como resposta ás preguntas rexistradas polos deputados do PPdeG no Congreso sobre esta cuestión– se escusase no contrato concesional vixente para xustificar o dereito da empresa ao cobro dunha peaxe aos usuarios.

Un dereito que, en ningún caso, consideran os populares galegos, impide ao Goberno do Estado ampliar o sistema de bonificacións vixente de xeito que se libere aos usuarios de ter que asumir o custo dunhas tarifas que cada ano suben máis.

Ante este novo incumprimento de Pedro Sánchez con Galicia, desde o PPdeG insisten en reclamar a transferencia da titularidade da AP-9, acompañada dos recursos necesarios para a súa xestión e logo da execución das obras pendentes.

Así mesmo, instan ao Goberno a dar explicacións en relación ás prórrogas do contrato vixente logo das evidencias dun excesivo enriquecemento por parte da empresa concesionaria en contra dos intereses dos usuarios. Recordando neste sentido que a Comisión Europea volveu abrir recentemente un expediente de infracción ao Executivo estatal por vulneración da lexislación comunitaria sobre contratación pública e da normativa sobre a concesión de autoestradas.

Demandan así que se faga unha revisión dos acordos coa concesionaria e se adopten as medidas necesarias, xa que o incremento das peaxes da AP-9 cada ano non fai máis que agrandar o agravio de Galicia en relación ao resto de autoestradas estatais e lastrar tanto a economía das familias como a competitividade da nosa Comunidade.

COMPROMISO DO PSOE

Cómpre lembrar que ao longo da campaña das eleccións galegas, o PSOE comprometeu en varias ocasións a gratuidade da devandita autoestrada, co BNG en todo momento como cómplice necesario.

De feito, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, interpelou o pasado mes ao portavoz socialista no Parlamento sobre esta cuestión: «Se o mantén en pé, imos a Madrid a dicir que a AP-9 ten que ser gratuíta xa. Gañaremos todos e gañará Galicia. O interese de Galicia non cambiou, supoño que o compromiso seguirá en pé”.