O PPdeG reivindícase ante as eleccións europeas como o partido das familias: “Galicia é o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia”

O PPdeG reivindicouse hoxe como o partido das familias galegas poñendo en valor as medidas pioneiras que está impulsando o Goberno de Alfonso Rueda e que fan de Galicia non só “o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia», senón tamén “a Comunidade que máis apoio ofrece ás familias”.

Nunha intervención durante o acto celebrado en San Cibrao das Viñas para conmemorar o Día das Familias, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, apostou por “seguir investindo no futuro da nosa mocidade e das nosas familias” tomando como punto de partida medidas xa implantadas en Galicia como a gratuidade educativa desde os 0 anos ata a universidade, a ampliación do acceso á fecundación in vitro ata os 45 anos e a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública.

Un compromiso coas familias por parte de Alfonso Rueda que a número dous dos populares galegos contrapuxo ao un Pedro Sánchez que “non se acorda de Galicia” e a un BNG “aliado do radicalismo de Bildu e ERC”. Por iso apelou a que os galegos “non se deixen enganar” nas próximas eleccións europeas e opten polo sentidiño que garante o PPdeG: “O único partido comprometido coa defensa dos intereses de Galicia, tamén en Europa”.

Unha idea que complementou explicando que Galicia é así mesmo “o lugar perfecto para nacer e medrar en igualdade, para recibir unha educación de calidade gratuíta, para gozar dunha excelente sanidade pública e contar cun calendario de vacinación referente en Europa”.

FABIOLA GARCÍA: “AS FAMILIAS SON AS PROTAGONISTAS DE GALICIA”

A responsable de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Fabiola García, reivindicou ás familias galegas como as verdadeiras protagonistas do seu día a día, da tarefa que desenvolve a súa Consellería e, especialmente, «as protagonistas da Galicia na que cre e impulsa o PPdeG e constrúe o presidente Alfonso Rueda».

Por iso concluíu que o Partido Popular é o partido que máis se parece ás familias galegas porque «impulsa medidas pioneiras e valentes para todas elas, sexan do tipo que sexan».

LUIS MENOR AVOGA POR POLÍTICAS QUE FAVOREZAN ÁS FAMILIAS

O líder provincial do partido, Luis Menor, situou ás familias como centro prioritario das políticas populares: “No Partido Popular sabemos que as familias son o eixo fundamental da nosa sociedade, polo que son obxecto primordial das políticas que desenvolvemos desde todos os ámbitos da xestión pública”.

“As administracións públicas temos que traballar día a día para adaptarnos ás necesidades das nosas familias”, lembrou Menor, referíndose ás políticas que a Deputación de Ourense ten en marcha para axudar á natalidade, servizos de axuda no fogar ou programas sociais específicos de atención a mulleres vulnerables e os que dan cobertura a persoas con enfermidades crónicas.

Menor proclamou que “as políticas do Partido Popular facémolas poñendo en marcha servizos, axudas e infraestruturas que contribúen a axudar ás familias no seu día a día e  facémolo así porque estamos ao carón da xente, escoitamos ás persoas e sabemos buscar as mellores respostas ás súas demandas, devolvéndolles os seus votos coas mellores políticas que favorezan a todas as familias”.

MARTA NOVOA PON EN VALOR A CONTRIBUCIÓN DO CONCELLO

A alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, quixo poñer en valor a contribución deste Concello á hora de mellorar os servizos dos que desfrutan as familias desde o punto de vista da conciliación e o apoio ás familias máis novas con nenos en etapas escolares.

Destacou neste sentido a colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación provincial e o Concello  á hora de ofertar actividades extraescolares, campamentos e, desde o ano pasado, o servizo de conciliación para as familias traballadoras.

“Se somos un concello que ten cada vez máis xente nova e a nosa poboación medrou un 40% nos últimos 20 anos, é grazas ao incremento dos servizos municipais que axudan ao día a día das nosas familias”, subliñou.

Alberto Pazos: “A falta de xestión dos fondos europeos do Goberno de Pedro Sánchez, dos que adxudicou só o 30%, contrasta co 90% adxudicado polo Goberno de Alfonso Rueda”

Alberto Pazos denunciou hoxe no Parlamento a falta de xestión dos fondos europeos por parte do Goberno de Pedro Sánchez, “dos que ten adxudicados só o 30% e a metade deles están sen convocar” en claro contraste coa eficacia e xestión eficiente do Goberno de Alfonso Rueda “que xa adxudicou o 90% das axudas asignadas a Galicia”.

O portavoz parlamentario recalcou o “habitual desprezo co que o Goberno central trata a Galicia e aos galegos, no que se inclúe a distribución dos fondos europeos” sinalando como exemplo dos últimos días a segunda convocatoria do Perte VEC no que o Ministerio de Industria e Turismo adxudicou tan só a metade do que tiña solicitado a planta de Stellantis en Vigo, só 20 dos 40M€ que pedira para o seu proxecto de vehículo eléctrico e conectado.

Nese sentido, Pazos sinalou que dos 33.000M€ de PERTES industriais que está a xestionar directamente o Goberno central, soamente ten adxudicados o 30% e, o que é máis grave, a metade destes fondos europeos están aínda sen convocar.

“En contraste, a Xunta xa adxudicou o 90% dos 1.097M€ de fondos do mecanismo de recuperación, que xa beneficiaron a 48.000 persoas e case 5.000 entidades e sociedades de ámbitos dispares, o que ven a asegurar que Galicia cumpre coa súa obriga de tramitar de forma áxil as axudas para que cheguen canto antes aos galegos”.
Nese sentido, o portavoz popular anunciou que o Grupo Popular solicitará, a través dunha iniciativa parlamentaria, a transferencia directa dos fondos europeos de Recuperación, en particular os do ámbito industrial, en cumprimento dos reiterados acordos adoptados no Parlamento galego.

Así mesmo, a iniciativa solicitará que Galicia poida xestionar, a través dun sistema de cooperación e cogobernanza, os fondos dispoñibles dos PERTEs, de xeito que se poida apoiar con maior axilidade e eficacia ás empresas galegas nos procesos de recuperación e transformación económica.

Para Alberto Pazos os fondos europeos representan unha excelente oportunidade para transformar o sistema produtivo de Galicia “e mostra disto foi o interese e empeño, desde o primeiro momento, do Goberno galego por xestionar con axilidade, algo que incluso foi recoñecido polo Goberno central, a través do propio Ministerio de Economía, ao situarnos como a comunidade autónoma de España con maior porcentaxe de execución dos fondos europeos de Recuperación”.

“Este feito demostra que Galicia está na mellor posición para reiterar a súa demanda de que sexan as comunidades autónomas as encargadas de xestionar directamente os fondos que aínda están pendentes de transferir ou sen asignar” indicou o portavoz parlamentario.

HABITUAL DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL A GALICIA

Alberto Pazos lamentou na rolda de prensa o “habitual desprezo co que o Goberno de Pedro Sánchez trata a Galicia e aos galegos, polo simple feito de que non confían no PSOE e confirman, elección tras elección, o apoio ao PP como a opción que prefiren que continúe ao fronte da Xunta de Galicia”.

Nese sentido, sinalou que o Grupo Popular defenderá no Pleno da próxima semana cuestións de máxima prioridade e urxentes para Galicia como a mellora das conexións ferroviarias ou o traspaso de medios materiais e persoais necesarios para xestionar a nosa costa.