O PPdeG reivindica o modelo de convivencia lingüística “con sentidiño, harmonía e liberdade” de Galicia fronte ao “sectarismo e a polarización”

O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe nun acto con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o modelo de “normalidade e convivencia lingüística” da nosa Comunidade, defendendo o “sentidiño, a harmonía e a liberdade” fronte a aqueles que queren “impoñer o sectarismo e a imposición”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou durante a súa intervención o orgullo de que o galego siga a ser a lingua máis falada en Galicia e subliñou que se trata dunha lingua que forma parte do ADN do seu partido: “O PPdeG construíuse en galego e, tamén en galego, seguirá medrando”.

De feito, asegurou que a política lingüística promovida desde o Goberno galego ao longo destes anos contribuíu a que “se lograse incrementar o número de falantes da nosa lingua e, ao mesmo tempo, converter a nosa terra nun exemplo de convivencia lingüística”.

“En Galicia non hai imposicións e por iso defendemos o galego con sentidiño e afastados do sectarismo: co sentidiño que achega o noso modelo de bilingüismo cordial que queren a maioría dos galegos e afastados do sectarismo e a polarización daqueles que queren converter a nosa lingua nunha arma política”, afirmou.

A número dous dos populares galegos subliñou que os datos avalan que “somos unha Comunidade Autónoma con dúas linguas que os cidadáns coñecen e escollen falar con harmonía e liberdade” e por iso, engadiu, o PPdeG será sempre o único partido que garanta a defenda este “modelo de éxito que forma parte do noso patrimonio cultural e que queremos que siga vixente”.

“A nosa normalidade e convivencia lingüística son tamén un exemplo ante Europa, e estamos seguros de que os galegos o valorarán nas eleccións do 9 de xuño”, apuntou en clave europea.

LÓPEZ CAMPOS: “CONSTRUAMOS UNHA GALICIA ONDE CAIBAMOS TODOS”

Pola súa banda, o responsable de Cultura, Lingua e Mocidade do Goberno galego, José López Campos, quixo destacar na súa intervención que “se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque falamos o mesmo idioma que os galegos”.

Neste sentido explicou que a clave do éxito desta simbiose radica na “transversalidade” dunha lingua que permite que todas as persoas, con independencia do seu xénero, idade ou procedencia poida entenderse. E este, engadiu, é o camiño que se debe seguir.

“Debemos seguir construíndo unha Galicia onde caibamos todos, sen exclusións, e facelo desde a moderación e o respecto”, subliñou facendo un chamamento a seguir o exemplo de vitalidade e compromiso coa lingua que nos deixou Luísa Villalta.

MÚSICA DE VIOLÍN E POEMAS PARA HOMENAXEAR A LUÍSA VILLALTA

O acto estivo conducido polo coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, e contou coa participación dunha parella de violinistas encargados de interpretar en directo dúas das pezas favoritas da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Logo da intervención do presidente local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, deuse lectura a catro poemas de Luísa Villalta por parte dos candidatos do PP ás eleccións europeas Francisco Millán Mon e Pablo Gómez Cedrón, e os deputados autonómicos do PPdeG Carmen Pomar e José Luis Ferro.

A xornada concluíu coa entrega dun ramo de flores por parte de Paula Prado e José López Campos á nai, a irmá e o sobriño da homenaxeada, que serviu para poñer o broche ao acto e trasladar o orgullo e o agradecemento do PPdeG pola contribución de Luísa Villalta ao engrandecemento da lingua galega.