O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central publique de inmediato a normativa básica para os novos currículos da formación profesional

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central publique de inmediato a normativa derivada da Lei orgánica de ordenación e integración da formación profesional, de xeito que a Xunta poida iniciar a tramitación da normativa autonómica. Así mesmo, pedirá ao Goberno de España que cumpra o compromiso de dotar de redes de comunicación de nova xeración a toda Galicia, tendo en conta as características orográficas e sociodemográficas desta comunidade autónoma e a disposición de fondos europeos para o incremento da cobertura de redes ultrarrápidas e 5G.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que na sesión plenaria comparecerá o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, que dará a coñecer os principais proxectos e liñas de actuación do seu departamento a curto e medio prazo.

NORMATIVA FP

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular urxirá ao Goberno de España a publicación da normativa que permita pechar as incertezas e inseguridade que está a provocar na FP galega a Lei Orgánica 3/2022 de ordenación e integración da Formación Profesional, xa que a ausencia desta normativa está a provocar que Galicia non poida iniciar a tramitación da súa propia normativa autonómica.

“Estamos diante dunha nova improvisación do Goberno de Pedro Sánchez, neste caso no eido educativo, que está a provocar importantes problemas e tensións dentro do sistema de ensino da formación profesionais, un ámbito que en Galicia está a vivir unha importante evolución, tanto de alumnos como de materias impartidas”, manifestou Alberto Pazos.

Porén, o portavoz popular lamentou que, a poucos meses de que comece o novo curso escolar, “o Ministerio aínda non publicou a normativa básica necesaria para a posta en marcha dos novos currículos e os catálogos de ofertas de FP”, tendo presente que ten previsto modificar 179 reais decretos nos que se establecen os currículos básicos das ensinanzas de FP, que afectan a máis de 200 ciclos e cursos de especialización.

A segunda proposición non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana ten que ver co compromiso asumido polo Goberno central de dotar de redes de comunicación de nova xeración a toda Galicia, tendo en conta as características orográficas e sociodemográficas e o investimento de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

CUMPRIR OS COMPROMISOS

“Pedimos que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra os compromisos que asumiu de forma unilateral para levar a cobertura de redes fixas ultrarrápidas de máis de 100 Mbps a todo o territorio español e unha cobertura 5G sen interrupcións nas zunas urbanas e grandes vías de transporte antes de que remate o ano 2025”, concretou Alberto Pazos, quen apuntou que “para iso conta con máis de 4.300 millóns de euros de fondos europeos dentro do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión, unha capacidade orzamentaria inédita que non tiveron outros gobernos para dar resposta aos retos da conectividade en España e Galicia, especialmente nas zonas rurais”.

Neste sentido, o portavoz popular considerou “necesario mellorar a xestión das actuacións para evitar que as zonas que actualmente teñen previsión de cobertura con algunha das convocatorias estatais queden finalmente sen cubrir por incumprimento dos obxectivos dos operadores a causa das características orográficas e sociodemográficas específicas que presentan algunhas comunidades autónomas, como pode ser o caso de Galicia coa súa dispersión poboacional”.

Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase, en primeiro lugar, polas consecuencias que para os veciños da área de Vigo está a ter o peche do aeroporto de Peinador, “a pesar da boa disposición amosada pola Xunta ao ofrecer transporte directo entre o aeroporto vigués e o Rosalía de Castro en Santiago”. “Unhas consecuencias negativas que se están estendendo aos usuarios do aeroporto de Santiago, logo das folgas convocadas polos traballadores de Iberia ao comprobar que o incremento de traballo non se viu compensado coa presenza de máis persoal para atender a demanda”, indicou..

En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará a valoración do Goberno galego sobre o incremento de criminalidade experimentado en Galicia no arranque do ano, segundo os recentes datos feitos público polo Ministerio do Interior. En concreto, no primeiro trimestre deste ano producíronse en toda Galicia 23.058 delitos, un 3,2% máis que os 22.349 que se cometeron neste mesmo período do 2023. “Asistimos a un alza da criminalidade na nosa comunidade, fundamentalmente motivada, entre outras, pola subida dos ciberdelitos, que o fixeron nun 18,6 por cento; ou, o que é especialmente preocupante, das agresións sexuais con penetración, que aumentaron un 27,9 por cento”, dixo.

E, por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre os resultados da inclusión de novas vacinas no calendario para toda a vida, “unha decisión pioneira que aumenta a protección contra algunhas enfermidades infecciosas que se poden previr mediante a inmunización e que converte a Galicia nunha das rexións co calendario máis completo do mundo”, salientou.