Alfonso Rueda pide o voto por unha Europa ao estilo de Galicia e unha España na que os galegos gocen do respecto que merecen

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide o voto nestas eleccións europeas apelando a unha Europa que se pareza máis ao xeito de funcionar que ten Galicia e non ao desleixo que demostra o Goberno central cara a nosa Comunidade, polo que chama aos galegos a facerse oír en Europa e a facerse respectar en España a través do seu voto.

Na súa intervención no mitin celebrado esta tarde no Pereiro de Aguiar, o líder dos populares galegos reivindicou Galicia como o exemplo a seguir a nivel europeo no que se refire a atención ás familias, ao mar e aos proxectos que crean emprego e xeran riqueza.

Insistiu en que estas eleccións son a ocasión para dicir en toda España o que os galegos pensan da situación política actual, para que a nosa Comunidade recupere a atención que merece e para que os problemas da cidadanía volvan poñerse enriba da mesa. Pero, sobre todo, a mellor oportunidade para que Europa bote a Galicia a man que non lle bota o Goberno central.

Apelando á maioría acadada nas autonómicas, Rueda recordou que os galegos xa deixaron claro que non queren división, nin extremismos, nin egocentrismos; senón que apostan pola responsabilidade, o sentidiño e o cumprimento da palabra dada. De aí o seu chamamento a volver trasladar esta mensaxe o 9 de xuño coa mesma forza que o 18 de febreiro para que chegue ata o último recuncho.

O presidente asegurou que calquera voto que non vaia para o Partido Popular beneficia a Pedro Sánchez e só servirá para afondar nos incumprimentos do Goberno central con Galicia. De forma análoga, explicou que calquera voto que vaia ao BNG vai directamente a Bildu e a Esquerra, cos que os independentistas galegos comparten candidatura por moito que traten de escondelo.

RUEDA ACUDIRÁ Á CONCENTRACIÓN DESTE DOMINGO EN MADRID

Alfonso Rueda, que este domingo participará na concentración organizada polo Partido Popular en Madrid, invitou aos asistentes ao mitin a facer unha comparación entre o que ocorre en Galicia e o que ocorre en España e votar en consecuencia.

Contrapuxo así a quen busca o entendemento con quen só pretende sobrevivir a base de dividir, a quen cumpre a palabra dada con quen xa non sabe que inventar para escusarse e a quen dá a cara por Galicia con quen se esconde para non dar explicacións.

O voto o próximo 9 de xuño ten que ser, en consecuencia, a resposta por unha Galicia que se reafirme con forza no seu estilo, por unha España que se pareza máis a Galicia e por unha Europa na que os galegos teñamos o protagonismo que nos corresponde.

De aí que o líder dos populares galegos concluíuse a súa intervención pedindo aos galegos que, a través dun voto masivo e unitario ao Partido Popular, respondan para que o fondos europeos saian dos caixóns dos ministerios, para que se atenda á nosa pesca e o noso rural, para que as familias poidan chegar a fin de mes e para que se invista nunha mocidade que quere unha vivenda, estudar, traballar poder formar unha familia no futuro.

MILLÁN MON: “OURENSE SEGUIRÁ TENDO EN MIN UN FIRME DEFENSOR DOS SEUS INTERESES EN BRUXELAS”

Pola súa banda, o candidato Francisco Millán Mon quixo agradecer ao Partido Popular de Ourense a celebración deste primeiro mitin de campaña e sinalou que a provincia pode estar tranquila, xa que seguirá tendo nel un firme defensor dos seus intereses en Bruxelas o próximos cinco anos.

Reiterou que estas eleccións son moi importantes para a Unión Europea, pero tamén para Galicia e para España subliñando aspectos cruciais para o seu benestar como  a agricultura e gandería, industria, infraestruturas, transporte, enerxía, pesca, financiamento ou comercio exterior.

Por último, Millán Mon pediu unha alta participación e trasladou a súa esperanza de que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos nas urnas como nas autonómicas deste ano e as xerais de xullo do ano pasado.

“É unha oportunidade para todos os galegos -e tamén para todos os españois- de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa. Pido o voto para que haxa unha repartición xusta dos fondos europeos entre as comunidades autónomas e pido o voto tamén para poder seguir loitando por unhas políticas xustas para o noso rural”, concluíu o político pontevedrés.

LUIS MENOR: “DEMOSTREMOS QUE SABEMOS GOBERNAR E FUNCIONAR”

O líder provincial do PP de Ourense, Luis Menor, apelou ao “voto da estabilidade e da certeza que en febreiro nos deu un goberno sólido, forte e de maioría en Galicia”, pedindo de novo aquel apoio como “a resposta que necesita España para enviar unha mensaxe de confianza a Europa”.

Incidindo na loita polo benestar colectivo dentro de Europa, apelou á necesidade dun Partido Popular forte na Eurocámara para “demostrar, como tamén facemos en concellos, deputacións e comunidades autónomas, que sabemos gobernar y funcionar e aí está o exemplo da Galicia que funciona de Alfonso Rueda”.

Hai catro meses, dixo, “demostramos que nesta provincia hai un partido con fame de triunfos” e por iso pediu aos seus que “agora demostremos que aquela marea de confianza non foi casualidade senón froito do traballo e da implicación das mulleres e homes do Partido Popular”.

O PPdeG pide o voto erixíndose como “a mellor resposta a todo o que afecta a Galicia en Europa”

O Partido Popular de Galicia dá inicio á campaña das eleccións ao Parlamento Europeo erixíndose como “a mellor resposta a todo o que afecta a Galicia en Europa” a apelando ao moito que a Comunidade se xoga nestes comicios.

Na tradicional pegada de carteis celebrada esta noite en Pontevedra, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, fixo un chamamento a acudir “masivamente” ás urnas o próximo 9 de xuño e pediu o voto para “impulsar un reparto xusto dos fondos europeos, defender a plenitude do Estado de Dereito fronte aqueles que queren corrompelo, loitar por unhas políticas xustas para o rural e dar voz á nosa pesca e á nosa agricultura facendo fronte ao ecoloxismo de pancarta”.

“Nestas dúas semanas estaremos preto da xente, na rúa, respondendo ás dúbidas dos galegos e galegas, aos seus problemas e aos seus retos de futuro”, explicou facendo unha contraposición entre o proxecto dos populares e un BNG que “elixiu compartir lista co independentismo” e un PSOE que “segue recollendo derrotas no Congreso froito das súas nefastas amizades”.

Acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o líder local do partido, Rafa Domínguez, a número dous dos populares galegos augurou un gran resultado: “Gañamos as municipais, gañamos as xerais, gañamos as autonómicas e imos gañar as europeas”.

O PP VOLVERÁ SER A OPCIÓN PREFERIDA POLOS GALEGOS

Na pegada de carteis tamén participaron os candidatos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez. O primeiro deles, natural de Pontevedra, subliñou que Galicia xógase en Bruxelas aspectos cruciais para o seu benestar como garantir un futuro próspero para a cadea mar-industria, seguir apostando polo seu sector primario e axustar a PAC ás necesidades da agricultura e a gandería, atraer investimentos para sectores como o das comunicacións e a mobilidade ou a mellora das infraestruturas.

O político pontevedrés pediu unha alta participación o próximo 9 de xuño e espera que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos e españois nas urnas, como foi nas autonómicas deste ano e as xerais de xullo do ano pasado.

 “É unha oportunidade para todos os galegos e todos os españois de responder ás políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa”, concluíu Millán Mon.

UNHA OPORTUNIDADE PARA DEFINIR O FUTURO DE EUROPA E GALICIA

Pola súa banda, Adrián Vázquez manifestou o seu entusiasmo e o seu firme compromiso co proxecto europeo, resaltando a oportunidade que representa esta campaña para o futuro tanto de Galicia como de Europa.

«É un privilexio sumarme a esta contenda electoral, que vexo como decisiva para asegurar o benestar e desenvolvemento da nosa rexión e do continente», declarou con convicción e subliñando a necesidade de contar cunha representación sólida do Partido Popular no Parlamento Europeo para defender de maneira efectiva os intereses dos galegos e galegas.

Vázquez concluíu o seu discurso expresando a súa gratitude ao PPdeG polo seu apoio nesta campaña electoral e reafirmando as súas ganas de percorrer e reconectar cos cidadáns nas distintas localidades das catro provincias galegas nas próximas semanas.

LUIS LÓPEZ: “O PROGRESO DA NOSA PROVINCIA PASA POR EUROPA”

O presidente provincial do PP de Pontevedra Pontevedra, Luis López, deu comezo a súa intervención agradecendo ao PPdeG por elixir Pontevedra para comezar unha nova e tamén importante campaña electoral: “O progreso da nosa provincia e de toda Galicia pasa, si ou si, polo que se decide en Europa e iso é o que está en xogo o vindeiro 9 de xuño”.

Destacou a importancia da representación do Partido Popular en Europa, porque alí se deciden desde as axudas da PAC ata as novas liñas ferroviarias que unen Galicia con Portugal e coa Cornixa Atlántica, pasando tamén polos apoios que se xestionan para os concellos.

“Para axudar a seguir polo bo camiño no que vai a provincia contamos con dous grandes guías, os dous pontevedreses, que son os nosos candidatos. Contamos con Paco Millán, que ten a experiencia imprescindible para defender os nosos intereses en Bruxelas e con Adrián Vázquez, outro baluarte da política con maiúsculas que, con raíces no Deza, sabe ben o que precisa esta provincia”, rematou López.

“OS GALEGOS APOSTAMOS POLA SENDA DA RESPONSABILIDADE”

Rafa Domínguez reivindicou a importancia dos comicios electorais do 9 de xuño para “trasladar a Europa unha mensaxe clara de que os galegos e o resto de españois queremos camiñar pola senda da responsabilidade, fuxindo da bronca e a confrontación do Goberno central”.

Recordando a vitoria nas eleccións municipais e a contribución do partido local á primeira maioría absoluta do presidente Alfonso Rueda desde a súa cidade, asegurou que vencer nas europeas “coa mesma solvencia” sería “o broche de ouro perfecto a un ano político fantástico para a familia popular”.