Alfonso Rueda fai un chamamento á mobilización nas europeas apelando a unha vitoria como a das autonómicas: “Toca defender Galicia máis que nunca e demostraremos que sabemos facelo”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, incidiu hoxe no moito que significa Europa para Galicia e, apelando á vitoria acadada nas autonómicas, animou aos seus a facer posible un novo éxito electoral o próximo 9 de xuño: “Toca defender Galicia máis que nunca e demostraremos que sabemos facelo”.

A unha semana das eleccións ao Parlamento Europeo, insistiu en que é o momento de “pisar o acelerador” e mobilizarse como nunca. “Non pode haber escusas, nin pereza, nin conformismo. Temos que demostrar o mesmo esforzo, as mesmas ganas e o mesmo impulso de sempre”, subliñou.

Ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o líder dos populares galegos incidiu na importancia de Galicia para Europa e remarcou que o PPdeG non vai fallar: “Farémosvos sentir orgullosos dándolle ao Partido Popular Europeo e a Alberto Núñez Feijóo unha vitoria como a do pasado 18 de febreiro”.

Referíndose precisamente á asistencia de Von der Leyen á tradicional Romaría Popular do Pino, Rueda amosouse convencido de que, coa súa presenza aquí, demostra non só que “Galicia se ten cada vez máis en conta” e que o partido “está máis forte que nunca”, senón tamén que “a nosa terra é o final de todos os camiños”.

“Para parar aos que queren illar Galicia e aos que aínda a estas alturas seguen falando de cousas como a autoderminación dos pobos, temos que activarnos como nunca. Europa, España e Galicia meréceno”, concluíu dirixíndose ás case 5.000 persoas que este mediodía encheron a Área Recreativa da Magdalena do concello coruñés do Pino.

Un concello que volveu ser hoxe punto de encontro para a gran familia do Partido Popular e no que se deron cita –ademais de Rueda, Von der Leyen e Feijóo– os candidatos Dolors Montserrat, Esteban González Pons, Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón; así como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.