O candidato do PP ás eleccións europeas Francisco Millán Mon realizou hoxe unha visita á lonxa de Ribeira e mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro acompañado pola deputada nacional Rosa Quintana, o portavoz de Pesca do PP no Senado, Manuel Ruiz, e a portavoz do PP local, María Sampedro.
Unha xuntanza na que se puxo sobre a mesa a importancia que os fondos europeos teñen para este concello de cara á materialización de proxectos como o do Museo do Mar. Unha iniciativa promovida polo PP de Ribeira que opta a financiamento comunitario pero continúa agardando á chegada deses fondos, por parte do Goberno central, para converterse nunha realidade.
Millán Mon trasladou aos presentes a súa aposta por implantar o sentidiño nas políticas pesqueiras promovidas desde a Comisión Europea fronte á deriva medioambientalista radical que se experimentou nos últimos anos. Avogou así por unha lexislación que combine a sustentabilidade medioambiental cos intereses do sector e o benestar e o emprego das moitas persoas que viven do mar en Galicia.
Congratulouse así mesmo de que a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, elixira esta fin de semana Galicia –a primeira zona pesqueira de Europa– para anunciar o seu compromiso de crear un comisario europeo exclusivo de Pesca, tal e como se propoñía desde o Partido Popular.