O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe ao seu partido como única alternativa moderada e comprometida con Galicia fronte ao que denomina como “a esquerda do non a todo”, que se opón a calquera avance para a nosa Comunidade, que fomenta a desigualdade e que ademais se presenta ás eleccións europeas con propostas antieuropeas.
Defendeu así que, ante unha candidata do PSOE que quere arrasar con todo e un BNG que leva de candidatos a unha independentista catalá de ERC e a un condenado por pertenza a ETA, os galegos terán a oportunidade de votar o próximo domingo a un partido que defende os intereses de Galicia, que aposta pola moderación, que goberna tanto para os que lle votan como para os que non e que xestiona con rigor o que é de todos. “Iso é o que representa o Partido Popular”, concluíu o presidente.
Rueda asegurou hoxe en Vigo que o 9 de xuño hai que responder nas urnas aos incumprimentos do Goberno central con Galicia e especialmente coa cidade. Mencionou así os anos de espera para a chegada da Alta Velocidade e os atrasos na súa posta en marcha, a falta de investimento na Saída Sur de Vigo –á que só lle consignan 30.000 euros nuns Presupostos prorrogados ante a renuncia do Executivo a aprobar unhas novas contas– ou a mala distribución dos fondos europeos que precisan industrias como Stellantis.
Puxo como exemplo desta falta de compromiso de Pedro Sánchez con Galicia o feito de que, mentres que o novo primeiro ministro de Portugal mostrou desde o primeiro momento a súa disposición a manter unha reunión para abordar a conexión por Alta Velocidade co país veciño, o presidente do Goberno de España aínda non o recibiu na Moncloa tres meses despois de gañar as eleccións autonómicas.
Fixo un chamamento a trasladar a Europa a mensaxe de que o que os galegos queren é sentidiño, rigor e xestión. E tamén mandar a Pedro Sánchez o recado de que Galicia non vai pasar nin unha máis, nin é menos que ninguén. Tal e como xa expresou nas urnas nas pasadas eleccións, engadiu, a cidadanía non quere amnistías, nin desigualdade, nin discriminacións, nin desgoberno.
LUIS LÓPEZ: “IMOS A POR UN NOVO TRIUNFO EN EUROPA”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción pola gran acollida de público, outra vez máis na cidade olívica: “Celebramos que o sectarismo do PSOE e do BNG na cidade estalle pasando factura, como ocorreu, por exemplo, coa recuperación da Deputación de Pontevedra para toda a provincia”
“Celebramos que fomos o partido que gañou as eleccións xerais de xullo, e que se non gobernamos foi porque nós non estamos dispostos a entregar as chaves do país a Otegi, a Puigdemont e a Junqueras. Celebramos tamén que en febreiro Alfonso Rueda conquistou a súa primeira maioría absoluta e consolidou Galicia como unha referencia política en España. Agora imos a por un novo triunfo en Europa”, indicou.
O líder dos populares na provincia subliñou que o progreso de Pontevedra e de Galicia no seu conxunto “pasa, si ou si, polo que se decide en Europa e iso é o que está en xogo o vindeiro 9 de xuño”. E puxo como exemplo cuestións como as axudas da PAC ou as novas liñas ferroviarias que unen Galicia con Portugal e coa Cornixa Atlántica, así como as liñas de apoio que se xestionan para os concellos.
“Para axudar a seguir polo bo camiño no que vai a provincia contamos con dous grandes guías, os dous pontevedreses, que son os nosos candidatos. Contamos con Francisco Millán Mon, que ten a experiencia imprescindible para defender os nosos intereses en Bruxelas; e con Adrián Vázquez, outro baluarte da política con maiúsculas que sabe ben o que precisa esta provincia”, rematou López.
ADRIÁN VÁZQUEZ: “GALICIA ESTÁ CLARAMENTE DISCRIMINADA NO REPARTO DOS FONDOS EUROPEOS”
O candidato Adrián Vázquez lamentou o “tapón” que está a exercer o Goberno central no que se refire aos fondos europeos, poñendo como exemplo que “dos 33.500 millóns de euros dos PERTES industriais aínda está o 50% sen convocar”.
Mostrouse moi crítico con que o deseño destes proxectos non tivese en conta o peso do sector automotriz galego na economía española: “Teño a sensación de que se deseñaron pensando máis nos 7 votos de Junts e nos 7 votos de ERC que nos intereses dun sector vital para Vigo e para Galicia”.
De feito, asegurou que “Pedro Sánchez mantén o control dos fondos europeos para comprar o apoio dos seus socios de Goberno, non para transformar España” e que a súa xestión está máis próxima ao desgoberno que á cogobernanza.
Criticou tamén que a Galicia só lle corresponda apenas un 8% do PERTE naval cando a nosa Comunidade representa o 40% da industria naval española. O cal demostra que “Galicia está claramente discriminada no reparto dos fondos europeos”.
Por todo isto trasladou que entre as propostas do Partido Popular están a de esixir a convocatoria da Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación ou a de ligar os fondos europeos á competitividade e ao crecemento. “Máis para os que mellor o fan e menos criterios escuros e opacos para atornillar a Sánchez na Moncloa”, concluíu neste sentido.