Alfonso Rueda asegura que votar ao PP o domingo paga a pena porque supón garantir que os intereses de Galicia sexan oídos en Europa

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pechou hoxe a campaña electoral facendo un chamamento ao voto para que Galicia sexa oída en Europa e para que a nosa pesca, o noso agro e as nosas infraestruturas sexan defendidas por eurodeputados que representen o traballo, a moderación e o rigor que os galegos merecen e necesitan.

No multitudinario mitin celebrado esta tarde na cidade da Coruña, o líder dos populares galegos apelou á maioría absoluta acadada nas autonómicas asegurando que as vitorias do partido radican na súa xente, nos votantes e na militancia. Un gran equipo que nunca falla e ao que animou a ser partícipe dunha nova vitoria nas eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo.

Consciente dos esforzos realizados nas sucesivas convocatorias electorais, Rueda pediu un novo reiterando que pagará a pena porque o Partido Popular é sempre a mellor resposta fronte aos incumprimentos, os partidismos e as desigualdades que promoven outros partidos.

Este domingo, concluíu, a resposta dos galegos é o seu voto. De aí a importancia de que todos vaian votar. Xa que, do contrario, despois haberá moitas preguntas probablemente tamén moitos arrepentimento. “Temos que responder nas urnas, con contundencia e con democracia”, remarcou o presidente.

MILLÁN MON: “A CORUÑA TEN MOITO QUE DICIR EN EUROPA”

Pola súa banda, o candidato Francisco Millán Mon quixo agradecer ao Partido Popular de Coruña o traballo realizado durante esta campaña: “Grazas, Miguel. Grazas, Diego. Sei que Coruña, tanto cidade como provincia, deron o 100% durante estes quince días de campaña”.

Reiterou que estas eleccións son moi importantes para a Unión Europea, pero tamén para Galicia e para España subliñando aspectos cruciais para o seu benestar como a pesca, a industria, os fondos europeos, as infraestruturas, a agricultura e gandería, o transporte, a enerxía ou o comercio exterior.

Sinalou que a provincia de Coruña é a quinta exportadora en España. Unha provincia que ten moito que dicir en España e en Europa: “Esta fermosa cidade, na que ninguén é forasteiro, e toda a provincia poden estar tranquilas, xa que seguirei defendendo os seus intereses en Bruxelas o próximos cinco anos, como levo facendo todos estes anos”.

Por último, Millán Mon pediu unha alta participación o próximo 9 de xuño, “que ninguén quede en casa” e sinalou que espera que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos nas urnas como nas autonómicas deste ano con Alfonso Rueda, as xerais de xullo do ano pasado con Alberto Núñez Feijóo e tamén nas municipais de maio de 2023 con Miguel Lorenzo.

“É unha oportunidade para todos os coruñeses e galegos e tamén para todos os españois de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa”, concluíu.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “SE QUERES QUE EUROPA AVANCE, VOTA PP”

O candidato Adrián Vázquez incidiu tamén no moito que Galicia se xoga en Europa e en España e pediu o voto dirixíndose a cada galego: “Se queres que Europa avance, vota PP. Se estás canso das mentiras, das frivolidades e da corrupción de Sánchez, vota PP. Se queres que Galicia siga rodando e exportar o noso modelo de éxito a Europa, vota PP”.

Fixo balance dunha campaña na que recorreu Galicia “de punta a punta” e “alá onde fixo falta poñer a orella e atender os problemas dos galegos que imos levar a Europa”. Un contacto directo con alcaldes, concelleiros, gandeiros, agricultores e empresarios da que se mostrou orgulloso: “A política que funciona é a de responder cando te precisan e pelexar por aportar solucións aos problemas”.

O PPdeG defende en Lalín unha política competitiva e con sentidiño para o sector primario galego en Europa

O candidato do Partido Popular ao Parlamento Europeo Adrián Vázquez realizou hoxe na súa terra, Lalín, no último día de campaña, unha visita á Gandería Xoco SC de Lalín acompañado polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto.

Unha visita na que ambos tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como é o dia a día desta granxa familiar de vacún de leite que comezou a súa produción na década dos 80 e que actualmente conta cun rabaño de 80 vacas frisonas e produce unha media de 81.000 litros ao mes.

Adrián Vázquez trasladou a Eva e José Manuel, os seus propietarios, a aposta do Partido Popular por unha política agrícola competitiva e con sentidiño en Europa. Unha política que fixe prazos realistas para a posta en marcha das reformas, que utilice a evidencia científica na toma de decisións e que vele porque todos dentro de Europa cumpran os mesmos requirimentos (cláusulas espello para produtos de terceiros).

Así mesmo, os populares comprométense a rebaixar a carga administrativa para agricultores e gandeiros e a flexibilizar esixencias como os barbeitos, a rotación de cultivos ou o caderno dixital. Medidas todas elas que se garantirá coa presidencia da Comisaría europea de Agricultura, que ostentará o Partido Popular.

O PPdeG fai balance da campaña destacando o fito de conseguir o compromiso dun comisario europeo específico de Pesca que será do Partido Popular

O Partido Popular de Galicia fixo hoxe un balance destes quince días de campaña e, a dous días da xornada electoral, destacou o logro de ter acadado un fito tan importante como o compromiso da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de crear un comisario específico de Pesca e que este sexa do Partido Popular.

Así o destacaron esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato Francisco Millán Mon nun encontro con representantes do sector pesqueiro na lonxa da Coruña. Una xuntanza como as moitas que se produciron ao longo da campaña e coas que os populares galegos quixeron expoñer as súas propostas ao sector e recoller as súas necesidades.

“O PP é o Partido da Pesca, tamén en Europa, fronte a outros que agora intentan disfrazarse de defensores da pesca cando durante toda durante toda a lexislatura estiveron aliados co Grupo dos Verdes, apoiando o veto á pesca de arrastre”, sinalou a número dous dos populares galegos ao tempo que comprometía a continuación a defensa do sector primario por parte de Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez cando a partir do luns continúen como eurodeputados.

Prado insistiu, neste último día de campaña, na importancia de acudir masivamente ás urnas explicando que quedar na casa o domingo supón “avalar a amnistía, a corrupción de Pedro Sánchez, os pactos cos independentistas, a Lei do só si é si, a discriminación a Galicia”. En definitiva, quedar na casa é “permitir que Sánchez poida dicir que todo o que está facendo está ben”.

“Fronte aos que están convertendo estas eleccións nun plebiscito sobre Sánchez, nós aspiramos a que o Partido Popular teña forza en Europa para poder defender os intereses de Galicia, da nosa pesca, do noso rural e das nosas cidades”, concluíu.

GALICIA NON SE ENTENDE SEN O MAR E A PESCA

Pola súa banda, o candidato Millán Mon quixo incidir na importancia do sector pesqueiro e da cadea mar-industria de Galicia para a nosa Comunidade na medida en que supoñen o 5% do PIB galego e que somos a primeira zona pesqueira de Europa.

“O que pase na pesca en Europa ten unha gran repercusión e un impacto directo na nosa frota”, explicou neste sentido e poñendo en valor a boa nova que supón para o sector a creación dun comisario europeo específico de Pesca que “teña en conta non só a cuestión da sustentabilidade ambiental, senón tamén a sustentabilidade económica e social”.

A IMPORTANCIA DO SECTOR PESQUEIRO NA CORUÑA

O presidente local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, quixo poñer o foco tamén na riqueza que crea o sector pesqueiro na cidade, do cal dependen máis de 7.000 empregos. Por iso considera fundamental que “haxa representación galega no lugar onde se toman as decisións que afectan ao noso sector”.

“Fronte á falta de compromiso coa xente do mar doutros partidos, no Partido Popular levamos no ADN a defensa do sector”, remarcou a este respecto.