Alfonso Rueda celebra a abrumadora vitoria nas eleccións europeas: “Os galegos volveron responder confiando no PPdeG”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, celebrou hoxe a “abrumadora” vitoria do seu partido nas eleccións ao Parlamento Europeo asegurando que “os galegos volveron responder” co seu voto e que os resultados obtidos son a garantía de que “a voz de Galicia será escoitada en Europa”.

Nunha comparecencia na sede autonómica do partido en Santiago de Compostela ao remate do escrutinio e acompañado polos desde este momento eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, o líder dos populares galegos fixo balance duns resultados cos que Galicia se sitúa como unha das terceiras comunidades autónomas nas que o Partido Popular acadou mellor resultados.

Ademais deste dato, sinalou, Lugo e Ourense foron as provincias españolas con maior número de apoio ao partido. Un apoio que en toda Galicia ascende a case o 44% e que se materializa na vitoria en 303 concellos galegos: “Despois de gañar as eleccións municipais, as xerais e as autonómicas, volvemos gañar abrumadoramente as eleccións nas europeas co respaldo maioritario dos galegos e galegas”.

“Gañamos con case 500.000 votos, que supoñen case 200.000 máis que o PSOE e unha cifra total superior á suma dos votos obtidos por socialistas e nacionalistas”, explicou o presidente ao tempo que subliñaba que estes resultados son “os mellores” desde 2009 e que se sitúan preto de 14 puntas por riba das últimas eleccións europeas.

Aproveitou tamén a súa intervención para felicitar a Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez por facer unha campaña ao estilo do PPdeG: “Estiveron en todos os concellos onde foi posible, falaron con todos os colectivos que puideron e sempre recollendo inquedanzas e comprometéndose a levalas ao Parlamento Europeo”.