O PPdeG traslada a Roberta Metsola as prioridades de Galicia para “seguir sendo a reposta de todos os galegos e galegas no Parlamento Europeo”

O Partido Popular de Galicia trasladou hoxe á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, os seus eixos programáticos de cara a estes cinco anos de lexislatura co obxectivo de “comezar a ser a resposta de todos os galegos e galegas na Eurocámara”.

Fíxoo a través da delegación que estes días visita o Parlamento Europeo –encabezada pola secretaria xeral Paula Prado e as alcaldesas do partido nos concellos galegos, así como outras representantes municipais, acompañadas polos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez– e que esta mañá foi recibida pola presidenta desta institución, coa que abordaron cuestións prioritarias para a nosa Comunidade como son a pesca, o rural, os fondos europeos ou as políticas demográficas.

Desde o PPdeG incidiron en que, dado que Galicia é a primeira rexión pesqueira de Europa, o noso sector pesqueiro debe ser respectado e escoitado nas súas reivindicacións. Do mesmo xeito que a Política Agraria Común ten que adaptarse ás necesidades do sector primario galego e dun rural onde o equilibrio entre o lobo e os gandeiros sexa unha realidade.

No que se refire aos fondos europeos, os populares galegos demandan a súa chegada á industria, as pequenas empresas, as infraestruturas ou a rehabilitación de vivenda “sen os atrancos habituais do Goberno central”. E, en canto ás políticas demográficas, pediron que a loita polo despoboamento ou as oportunidades para a mocidade sexan tamén protagonistas nas políticas europeas.

“Estivemos toda a campaña lembrando a importancia do que ocorre neste Parlamento para Galicia e lembrando que o 9 de xuño xogabámonos moito. Os galegos e galegas responderon nas urnas e, desde hoxe mesmo, comezamos a ser a súa resposta en Europa”, afirmou ao respecto a secretaria xeral do PPdeG.

Paula Prado considera que, cos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, está garantido “ter o dobre de Galicia en Europa” e agradeceulles que ao longo dos próximos cinco anos vaian ser “a voz dos galegos en Europa” logo de obter a confianza maioritaria dos electores nas eleccións ao Parlamento Europeo.

“Ter aquí a Millán Mon e Adrián Vázquez significa contar con dúas voces autorizadas defendendo os nosos intereses a tempo completo e que Galicia vaia contar con dous galegos para trasladar todas as ideas e inquedanzas que teñan que ver con Europa”, concluíu a número dous dos populares galegos.

Durante o encontro, a modo de agradecemento, a secretaria xeral do PPdeG fíxolle entrega a Roberta Metsola da figura dunha redeira de Sargadelos e dun exemplar do libro Boas noites, Galicia, de Teófilo Edicións.

MILLÁN MON: “SOMOS UN PARTIDO CON PROFUNDO CARÁCTER EUROPEÍSTA E UNS DOS FUNDADORES DA UNIÓN EUROPEA”

O eurodeputado Francisco Millán Mon quixo agradecer ao PPdeG o seu interese por coñecer de primeira man as institucións Europeas: “Somos un partido cun profundo carácter europeísta. Somos fundadores da Unión Europea”.

“Celebro moito recibir no Parlamento Europeo a este numeroso grupo de representantes de Galicia e teño que lembrar que unha de cada dous concelleiras galegas son do PPdeG e que somos o partido con máis alcaldesas de Galicia”, engadiu en referencia ás rexedoras e representantes municipais que conforman a comitiva dos populares galegos.

Millán Mon tamén quixo valorar os excelentes resultados cultivados polo partido liderado por Alfonso Rueda nas recentes eleccións europeas do 9 de xuño: “Somos o partido que máis se parece en Galicia e é por iso que os nosos resultados foron moi bos. As galegas e os galegos queren que o PPdeG siga outros cinco anos máis en Bruxelas facendo máis Galicia en Europa”.

Por último, subliñou que “os próximos cinco anos serán moi importantes para Galicia en canto á pesca, a industria, os fondos europeos, as infraestruturas, a agricultura e a gandería, o transporte, a enerxía ou o comercio exterior”, tal e como lle trasladaron hoxe á presidenta do Parlamento Europeo. “O Partido Popular Europeo estará sempre defendendo os intereses das galegas e dos galegos. Comprométome a iso”, concluíu neste sentido.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “HAI QUE ACURTAR A DISTANCIA ENTRE OS MUNICIPIOS E AS INSTITUCIÓNS EUROPEAS”

Pola súa banda, o tamén eurodeputado Adrián Vázquez subliñou que as alcaldesas e representantes municipais trasladadas a Bruxelas nesta viaxe son “un exemplo do tipo de política que debe estenderse por Europa: baseada na proximidade, a xestión e o compromiso cos seus veciños”, e que precisamente isto é o que mostrou a delegación no encontro con Metsola.

Esta viaxe é, na súa opinión unha forma de “acurtar a distancia que desgraciadamente ás veces se percibe entre os municipios e as institucións europeas” e avoga así por unha lexislatura na que os protagonistas sexan os cidadáns e na que “a voz dos representantes públicos que mellor coñecen Europa, os seus alcaldes e alcaldesas, sexa escoitada en Bruxelas”.