O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “compartimos co BNG a necesidade de finalizar os traballos da comisión parlamentaria de estudo para abordar a proposta de Galicia ante a reforma do sistema de financiamento das comunidades autónomas, co fin de alcanzar un posicionamento coherente coas achegas realizadas polos expertos que alí compareceron”.
“Para traballar nun ditame que responda ás necesidades reais de Galicia e coherente cos traballos técnicos realizados polos expertos designados polas comunidades autónomas, conten do Partido Popular de Galicia; pero para iniciar unha sucesión de reunións bilaterais que so retrasarían alcanzar o consenso que estamos reivindicando, non conten con nós”, indicou Pazos.
NIN CONCERTO PARA GALICIA, NIN TARIFA ELÉCTRICA GALEGA
Neste sentido, lembrou que “ninguén dos que participaron nesta Comisión de Estudo respaldou a reivindicación nacionalista dun concerto económico galego, que sería ruinoso para Galicia, ao igual que ninguén apoia a súa fantasmagórica tarifa eléctrica galega”.
Alberto Pazos sinalou que “Galicia precisa dun novo modelo de financiamento que atenda de forma axeitada as peculiaridades na Comunidade galega e o sobrecusto que supoñen envellecemento e dispersión á hora de prestar servizos básicos”. Así, lembrou que “este infrafinanciamento de Galicia vén causado por un sistema inxusto e ineficiente, que ten a súa orixe nunha negociación bilateral entre o Goberno de Zapatero e o seu socio de goberno en Cataluña: ERC”.
“Aquel acordo non contou co apoio do PP nin coa aquiescencia da Xunta, ata o punto que fomos ameazados, xunto con outras comunidades autónomas rebeldes, con seguir recibindo o previsto no anterior sistema, comparativamente, aínda máis lesivo”, recordou.
O portavoz popular criticou que, “15 anos despois, os mesmos actores tentan convencernos das bondades dunha negociación bilateral con Cataluña cos mesmos argumentos maniqueos que nos condenaron á inxusta situación actual”. Pero, subliñou que “hoxe en España non se está a negociar un novo modelo de financiamento, senón un pacto de investidura que leve ao señor Illa á Presidencia da Generalitat, aínda que sexa a costa dos demais territorios do Estado”.