Alberto Pazos afirma que a aprobación do teito de gasto para 2025 é unha nova mostra da estabilidade institucional e financeira de Galicia, así como da súa coherencia política

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a aprobación do teito de gasto da Comunidade galega para 2025 é “unha nova mostra da estabilidade institucional da que goza Galicia; da estabilidade financeira, que permite un desenvolvemento económico e social sen precedentes na nosa historia; e de coherencia política, porque é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”.

Alberto Pazos lembrou que o teito de gasto para 2025 ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Somos a única comunidade autónoma capaz de cumprir coa obriga institucional de aprobar o límite de gasto non financeiro consecutivamente durante os últimos 15 anos, porque Galicia fixo da normalidade algo excepcional a pesar de facelo sempre sen o apoio de nacionalistas e socialistas”, incidiu.

“Fronte a esta realidade que vivimos en Galicia, temos un Goberno de España que renunciou a presentar orzamentos en 2024, que non cumpre coa súa obriga de proporcionar un marco económico ás comunidades autónomas e que acaba de ver como os seus supostos socios tomban a súa proposta de teito de gasto, poñendo en risco a aprobación dos orzamentos para 2025”, sinalou.

O portavoz popular subliñou que “a planificación sensata e a estabilidade financeira permitiu que Galicia deixara atrás a pantasma do atraso secular, para converterse nun referente de progreso colectivo”. En concreto, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior crecemento económico desde 2009 e a que máis medrou desde a pandemia; a que mellor reparte ese crecemento económico, mantendo a taxa de pobreza por debaixo da media nacional; e a que menos incrementou a súa débeda.

SOCIEDADE GALEGA MÁIS RICA

“Hoxe a sociedade galega é máis rica no seu conxunto, acadando a maior converxencia coa renda nacional da nosa historia e co obxectivo de alcanzar a media nacional en 2030”, puntualizou.

Para rematar, Alberto Pazos lembrou que a aprobación do teito de gasto “é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”. “Isto é algo dificilmente comprensible para a oposición, pero o Goberno de Rueda aspira a cumprir coa palabra dada, sen inexplicables cambios de opinión”, asegurou.

Porén, engadiu que “unha cousa é que non esperemos coherencia política da oposición e outra moi distinta é que pasemos por alto a demostración de hipocrisía política que están a facer os últimos días”. En concreto, Pazos dixo que “o peor de todo é escoitalos reclamar máis gasto público mentres calan ante o maior atropelo da democracia contra a solidariedade entre os territorios e a igualdade dos cidadáns españois que supón o pacto asinado entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña”.

“A resposta da esquerda galega ao maior ataque contra a suficiencia financeira de Galicia é o silencio do señor Besteiro ou a ruína do concerto económico para Galicia da señora Pontón”, rematou.

O PPdeG, indignado ante a actitude do BNG respecto ás eleccións de Venezuela: “Galicia non quere a un partido que está con Maduro”

O Partido Popular de Galicia fai súa a indignación da comunidade venezolana na nosa Comunidade e, solidarizándose con ela, denuncia a actitude do BNG respecto ás eleccións de Venezuela do pasado domingo e os “resultados sospeitosos” de Nicolás Maduro.

“É incrible a capacidade que ten o Bloque para situarse sempre no lado incorrecto da Historia e, neste caso, ao carón dunha ditadura”, afirma a secretaria xeral Paula Prado ao tempo que pon en evidencia “a radicalidade que esconde o nacionalismo tras esa cara amable que intentaron mostrar, sen éxito, nas eleccións autonómicas”.

Sostén que cada vez son máis os que “se están baixando do barco bloqueiro”, xa que “Galicia non quere a un partido que está con Maduro e os seus resultados sospeitosos, con Putin, co comunismo e cos herdeiros de ETA”.

Alberto Pazos cualifica o teito de gasto da Xunta para 2025 de “sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia” o teito de gasto que mañá será sometido a debate no Pleno do Parlamento galego para a súa aprobación.

Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación enviando “unha mensaxe de cariño, de apoio e de solidariedade a todo o pobo venezolano, especialmente á comunidade venezolana en Galicia, que nestas horas difíciles está loitando por recuperar a democracia que lle queren substraer no seu país”. “E desde aquí quero dicirlles que non están sos, que estamos con eles e que os imos acompañar nese proceso de loitar pola súa liberdade e pola súa democracia, e que contan co respaldo absoluto do Partido Popular de Galicia”, indicou.

ESGOTA A CAPACIDADE DE GASTO

Respecto da convocatoria do Pleno extraordinario no Parlamento de Galicia para a aprobación do teito de gasto da Xunta para 2025, que terá lugar mañá, a partir das 13 horas, Alberto Pazos lembrou que ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Un teito de gasto sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia para o vindeiro ano, e que esgota ao máximo a capacidade de gasto segundo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central e que se calculou coas novas regras fiscais fixadas pola Unión Europea”, dixo.

“Con estes datos na man, estamos expectantes por coñecer a posición dos grupos da oposición e os seus argumentos para rexeitar este teito de gasto, que permitirá á Comunidade galega contar o vindeiro ano co maior investimento para optimizar a prestación dos servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda e favorecer o crecemento económico e a creación de emprego”, afirmou.

O portavoz popular subliñou que “Galicia volverá a cumprir escrupulosamente o recollido na Lei galega de disciplina orzamentaria, aprobando o seu teito de gasto en tempo e forma, do mesmo xeito que o Goberno galego traballará nas vindeiras semanas para elaborar os orzamentos da Xunta de 2025 e que sexan aprobados para a súa execución a partir do vindeiro 1 de xaneiro”.

Na súa intervención, Alberto Pazos referiuse ao feito de que a aprobación do teito de gasto en Galicia coincidirá “cunha nova falcatruada perpetrada polos socialistas españois, capitaneados por Pedro Sánchez, para perpetuarse no poder e, agora ademais, conseguir o apoio dos independentistas republicanos cataláns para facer a Salvador Illa presidente de Cataluña”.

CARTOS PÚBLICOS PARA CUMPRIR OS DESEXOS DE SÁNCHEZ

“Estamos a falar do acordo acadado onte entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña, un paso máis na ruptura de España que busca o independentismo catalán, que se están a aproveitar da debilidade do Goberno de Pedro Sánchez para conseguir todo o que desexan”, sinalou, para concretar que “primeiro foi a amnistía, agora teñen na súa man a independencia fiscal, rompendo o sistema de financiamento autonómico e dando pe a que existan españois de primeira e de segunda; e o paso definitivo será conseguir o referendo independentista, algo que a gran maioría de españois tememos moi probable no caso de que Pedro Sánchez continúe no Goberno de España e siga necesitando dos votos dos independentistas para manterse na Moncloa”.

Diante desta situación, Alberto Pazos incidiu que “desde Galicia imos seguir loitando, en colaboración coa gran maiorías das comunidades autónomas españolas, para que o Goberno de Pedro Sánchez deixe de utilizar os cartos de todos para cumprir os seus desexos, reclamando unha negociación multilareal do noso sistema de financiamento autonómico que atenda as necesidades específicas de todas as comunidades autónomas, baixo os principios de igualdade, equidade e solidariedade”.

“De pouco servirá que en Galicia sigamos cumprindo as leis e aprobando os orzamentos, un ano tras outro en tempo en forma, se despois o Goberno de Pedro Sánchez rompe unilateralmente o statu quo existente prexudicando as comunidades cumpridoras e beneficiando a aquelas cuxos votos lle son necesarios para seguir na Moncloa”, rematou.

 

Alberto Pazos lamenta a “intolerable e chulesca” carta do ministro de Transportes ao Presidente da Xunta, “unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España con Galicia”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe que a “intolerable e chulesca” carta remitida polo ministro de Transportes ao Presidente da Xunta sobre a construción do AVE entre Galicia e Portugal, “unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España coa Comunidade galega e os galegos”.

“O que fai falta é que o Goberno de España cumpra os seus compromisos destinando fondos europeos para poder compatibilizar os avances a ambos lados da fronteira”, manifestou Pazos, quen demandou que “este afán epistolar do ministro debería ser compatible coa atención persoal”, xa que, despois de máis de 100 días desde a súa toma de posesión, o Presidente Alfonso Rueda aínda segue á espera de ser recibido por Pedro Sánchez para trasladarlle as demandas e compromisos pendentes do Goberno central con Galicia.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios trasladando, en nome de todo o Grupo Popular, o pesar polo pasamento dos mariñeiros do Argos Georgia. A continuación, fixo un balance da actividade parlamentaria neste primeiro período de sesións da XII lexislatura, destacando que o Parlamento galego “viviu neste tempo unha actividade frenética con 85 reunións dos distintos órganos parlamentarios”. En total, superáronse as 206 horas de actividade parlamentaria entre plenos e comisións, o que supón unha media de 2 horas e 24 minutos cada día desta nova lexislatura.

Ao longo destes meses, o Goberno galego remitiu ao Parlamento galego dous novos textos lexislativos: o de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e o de cultura inclusiva e accesible de Galicia

LIBERDADE E DISPOÑIBILIDADE

“Unha das cuestións nas que o Parlamento galego segue a ser referente a nivel de toda España é as grandes posibilidades coas que contan os grupos da oposición para facer tanto control ao Goberno galego como impulsar a súa acción política”, destacou o portavoz popular, quen concretou que das 139 iniciativas que se levaron a Pleno, tres de cada catro foron a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, 88 destas iniciativas foron de control ao Goberno galego e 51 de impulso da actividade gobernamental.

Alberto Pazos asegurou que “estes datos poñen de manifesto que o Grupo Popular mantén a súa plena disposición para que os grupos da oposición exerzan con total liberdade e dispoñibilidade o seu traballo no Parlamento galego, moi lonxe do mantra que acostuman a difundir de que aplicamos o rolo parlamentario e que os temos silenciados”.

Por outra banda, o portavoz popular referiuse á carta que o ministro de Transportes remitiu ao Presidente Rueda sobre a construción do AVE entre Galicia e Portugal, sobre a que dixo que “non ten sentido algún e é unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España con Galicia e con todos os galegos que un ministro se dirixa deste xeito tan intolerable e chulesco ao Presidente galego”.

AXILIZAR A CONEXIÓN DE GALICIA E PORTUGAL POR AVE

“No que debería centrarse o ministro é en velar porque os tan cacarexados e esperados trens de alta velocidade a Galicia cheguen con puntualidade, xa que o problema que sufrimos cos agardados trens AVRIL estamos volvendo a padecelos agora coa entrada en funcionamento de AVLO”, dixo Pazos, quen recordou que “a falta de puntualidade é un problema habitual que sofren as persoas usuarias dos servizos ferroviarios en Galicia, con incidencias e retrasos na rede de media distancia practicamente a diario, aos que se suman agora os problemas nas conexións de alta velocidade”.

Alberto Pazos pediu ao ministro que “deixe a un lado a súa devoción por manifestar por escrito as súas ocorrencias e se centre en axilizar os trámites para que a conexión de Galicia con Portugal por alta velocidade sexa unha realidade canto antes, xa queco actual estado de tramitación as obras non estarán rematadas, como pouco, ata finais de 2034, incumprindo a promesa de que a conexión sería unha realidade en 2032”.

“Este afán epistolar do ministro de Transportes español debería ser compatible coa atención persoal que o Presidente do Goberno de España ten que ter cara a todos os presidentes autonómicos”, apuntou o portavoz popular. Neste sentido, lamentou que, “máis de 100 días despois da súa toma de posesión, o Presidente Alfonso Rueda segue á espera de ser recibido por Pedro Sánchez, unha reunión na que analizar todas as demandas e compromisos con Galicia pendentes desde o Goberno de España, entre as que figura, como non pode ser doutro xeito, esta conexión de AVE con Portugal, pero tamén outras cuestións relacionadas coa eliminación de peaxes e a transferencia da AP-9, a construción de novas autovías, o novo sistema de financiamento autonómico ou a prestación de servizos básicos, tanto sanitarios como a dependencia”.

Os populares galegos celebran o Día de Galicia tras un ciclo electoral exitoso: “Somos do PPdeG… pero, sobre todo, somos de Galicia”

O Partido Popular de Galicia conmemora hoxe o Día de Galicia tras un ciclo electoral exitoso, con catro amplas vitorias nos últimos meses —municipais, xerais, autonómicas e europeas— e coa consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, e faino a través dun vídeo no que se reivindica como o partido que máis se parece aos galegos e galegas: “Somos do PPdeG… pero, sobre todo, somos de Galicia”.

Tomando como punto de partida unha expresión tan nosa como é a pregunta “E ti de quen es?”, os populares responden a esta cuestión antepoñendo a Galicia por riba de todo e explican así a idea que intentan transmitir a través desta pequena peza audiovisual: “Non só pensamos nos que votan ao PPdeG e que nos apoiaron maioritariamente en catro convocatorias consecutivas, senón en toda Galicia. Debémonos por igual a todos os galegos e galegas”.

Ao longo do vídeo participan tanto o presidente Alfonso Rueda como a secretaria xeral do partido, así como os catro presidentes provinciais. “Eu son de Galicia”, subliñan todos eles en lugares emblemáticos da nosa Comunidade como o miradoiro do Cabo do Mundo no Saviñao (Paula Prado), a praia de Riazor na Coruña (Diego Calvo), a Muralla de Lugo (Elena Candia), o casco histórico de Ourense (Luis Menor), a ría de Vigo desde o Monte da Guía (Luis López) ou o Monte Pedroso de Santiago de Compostela, con vistas á Catedral, no que o líder dos populares galegos pecha o vídeo antes de iniciar un novo percorrido coa súa moto.

A RIQUEZA PATRIMONIAL DE GALICIA

A elección da Ribeira Sacra como escenario tanto para os primeiros segundos deste vídeo como para o acto celebrado onte para conmemorar precisamente o Día de Galicia non é casual. De feito, no PPdeG escolleron este lugar emblemático e aspirante a ser declarado Patrimonio Mundial da Unesco porque “exemplifica á perfección todo o que somos”.

“Queremos reivindicar e poñer en valor o infinito patrimonio da nosa terra. Toda esa riqueza cultural, artística, natural, histórica e humana que nos fai sentir orgullosos de ser galegos e de vivir en Galicia”, explican neste sentido.

Alfonso Rueda avoga por unha Galicia traballadora, aberta, solidaria e que progrese sen perder nunca as súas raíces

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe, na véspera do Día de Galicia, o modelo que defende o seu partido para a nosa Comunidade, consistente en seguir facendo de Galicia “unha terra traballadora, aberta ao mundo, solidaria, que progresa e que nunca perde as súas raíces”.

Nun acto celebrado no miradoiro do Cabo do Mundo, no concello lucense do Saviñao, o líder dos populares galegos afirmou que poucos lugares poderían ser tan simbólicos como a Ribeira Sacra –candidata a ser declarada como Patrimonio da Humanidade– para escenificar  “o que é Galicia e o que queremos que siga sendo”.

“Somos o partido que máis se parece a Galicia e queremos seguir demostrándoo non só na véspera do noso día grande, senón os 365 días do ano. E queremos facelo con traballo e unión, movéndonos polos intereses dos galegos e das galegas moito máis que polos intereses partidistas”, reivindicou avogando por construír entre todos un proxecto común “no que non sobra ninguén”.

GALICIA, UNHA TERRA ÚNICA

Ao acto, no que o alcalde Juan Carlos Armesto exerceu de anfitrión, tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, deputados, senadores e outros representantes do partido. Todos eles desfrutaron do talento da cantante e compositora Carolina Rubirosa, que interpretou O teu camiñar e o himno galego.

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos, enxalzou Galicia como “un territorio e un pobo únicos con paisaxes, cultura e lingua propias que activa todos os seus recursos para progresar día a día constituíndose como unha das comunidades autónomas referentes en España, pioneira e vangardista en moitos ámbitos da nosa realidade social”.

Unha Comunidade que, ademais, “a forza de tesón, traballo, cordura e valentía”, soubo situarse entre os pobos máis prósperos dunha Europa que se construíu “camiñando a Santiago de Compostela para honrar a un Santiago Apóstolo que é o patrón de toda España”.

Sinalou tamén que, coa apertura do “novo ciclo” que supuxo a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, os populares galegos asumen “a responsabilidade de non perder nunca a esencia do que somos, do que representamos e dun ideario que nunca será outro que o servizo incondicional e honesto ao pobo galego coa finalidade de dotalo de benestar, convivencia, modernidade e confianza no futuro”.

“Desde un posicionamento centrado, tolerante e con amplas dotes de sentidiño, celebramos este 25 de xullo desde unha terra que está demostrando ser máis acolledora que nunca, tanto para os fillos e netos dos nosos como para os que desde latitudes distantes buscan entre nós ese mesmo fogar que os nosos devanceiros atoparon sempre alén do mar. Por todos eles, por todos os galegos e galegas, e desde esta terra única, proclamamos un feliz Día de Galicia”, concluíu.

O Grupo Popular pide ao Consello de Contas que realice unha auditoría operativa aos concellos que non cumpran coa obriga de render as súas contas

O Grupo Popular vén de solicitar ao Consello de Contas que incorpore no seu plan de traballo para 2025 a realización dunha auditoría operativa aos concellos que non cumpriron coa obriga de render as súas contas, segundo se prevé no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (LRFC). “A día de hoxe, os concellos de Redondela, A Rúa e Verín non presentaron en prazo ante o Tribunal de Contas a súa Conta Xeral do ano 2022, o que supón que se descoñeza a súa situación económica-financeira correspondente a ese ano e non poda ser obxecto de fiscalización por esta entidade”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos, nunhas declaracións realizadas en Redondela.

O artigo 223 da Lei reguladora das facendas locais recolle que a fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais, e de todos os organismos e sociedades delas dependentes, é función propia do Tribunal de Contas. Para iso, os concellos deben remitir a este organismo antes do 15 de outubro de cada ano a Conta Xeral sobre a súa situación económico-financeira e patrimonial, así como a execución e liquidación dos orzamentos, correspondente ao ano anterior.

ESPECIALMENTE ALARMANTE O CASO DE REDONDELA

Alberto Pazos concretou que neste momento existen tres concellos en Galicia que non presentaron en prazo a súa Conta Xeral correspondente a 2022: A Rúa, Verín e Redondela” e sobre este último municipio manifestou que “esta ausencia de transparencia nas súas contas é particularmente alarmante logo de que recentemente coñecéramos que este concello foi incluído, por primeira vez na súa historia, nun listado do Ministerio de Facenda polo impago aos seus provedores”.

En concreto, a débeda do Concello de Redondela cos seus provedores, segundo denunciou o Grupo Municipal do Partido Popular, segundo a información recollida nas actas da Comisión Delegada do Goberno de España para Asuntos Económicos supera os 3,3 millóns de euros desde finais do pasado ano 2022. “A principal consecuencia desta débeda é que o Goberno central vai tomar cartas directamente no asunto e comezar a ordenar o pago aos provedores”, apuntou o portavoz popular.

Para o abono destas débedas cos provedores, o Goberno central utilizará o diñeiro que lle correspondería ao Concello de Redondela do Fondo de Financiamento das Entidades Locais e, no caso de ser necesario, das partidas mensuais que o Concello ingresa con cargo á súa participación nos ingresos do Estado.

“Estamos diante dunha situación moi preocupante que vai afectar directamente aos servizos que presta o Concello de Redondela aos seus veciños, xa que esta situación acarrea a imposibilidade dos concellos de recibir subvencións procedentes doutras administracións que, no caso concreto de Redondela, xa supuxo a perda dun dos obradoiros de emprego solicitados”, sinalou Alberto Pazos.

Diante desta situación, e para que todos os concellos de Galicia sigan o exemplo de transparencia da Xunta á hora de render contas da execución do seu orzamento, o Grupo Popular solicitou ao Consello de Contas que realice unha auditoría operativa dos concellos galegos que non cumpran coa obriga de render as cúas contas en tempo e forma ante o Tribunal de Cuentas.

Pazos incidiu que “os veciños deben coñecer como están as contas dos seus respectivos concellos e como se xestionan os cartos que ingresas cos seus impostos municipais e con todas as aportacións que as entidades locais reciben doutras administracións”.

LIBERACIÓN DE PEAXES NA AP-9

Por outra banda, o portavoz do Grupo Popular referiuse ás ultimas afirmacións publicadas sobre a AP-9 e a eliminación das súas peaxes, porque “os galegos, e os redondeláns en particular, xa estamos cansos de innumerables promesas que o Goberno de Pedro Sánchez nos ten feito nestes anos sobre as peaxes e a transferencia desta autoestrada a Galicia”.

Alberto Pazos lembrou que, no caso de Redondela “seguimos á espera de que o Goberno de Pedro Sánchez leve adiante o compromiso, xa asumido polo Goberno de Mariano Rajoy, de liberar a peaxe entre Redondela e Vigo”. “Van xa seis anos desde que no verán de 2018 se nos prometera aos redondeláns que non iamos ter que pagar para viaxar pola AP-9 ata Vigo, pero as peaxes non pararon de subir neste tempo”, lembrou.

“A última mofa viu, como non podía ser doutro modo, do ministro de Transportes, Óscar Puente, quen alardeou levantar as peaxes da AP-7 en Alacante coa escusa de que “é pública”, facendo oídos xordos aos berros dos galegos e usuarios da AP-9 que levamos moitos anos pedindo a supresión das peaxes nesta autoestrada”, criticou o portavoz popular, quen avanzou que “desde o Partido Popular de Galicia seguiremos insistindo na demanda para que se supriman as peaxes na AP-9 e se transfira a Galicia, defendendo os intereses de todos os sectores económicos galegos e dos usuarios desta autoestrada”.

Ao mesmo tempo, engadiu que “esixiremos ao Partido Socialista que cumpra os seus compromisos anunciados durante a pasada campaña electoral para as eleccións galegas e elimine as peaxes da AP-9, algo que a bo seguro agradeceremos tanto os redondeláns como os galegos en xeral”.

O PPdeG comprométese a “seguir defendendo Galicia ante quen nos considera menos”, como o Goberno central

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reafirmou hoxe o compromiso do seu partido coa defensa de Galicia “ante quen nos considera menos” contrapoñendo a un Goberno autonómico que “atende cada día as demandas reais dos galegos e galegas” fronte a un Pedro Sánchez e un Goberno central que “van a escándalo por día”.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos acusou ao Goberno de España de “maltratar” e “desprezar” a Galicia e a un bo número de comunidades autónomas poñendo como exemplo disto o “decepcionante” Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado esta semana ou a noticia do levantamento das peaxes na AP-7.

“No Consello de Política Fiscal ocorreu o que esperabamos: invitaron ás comunidades autónomas a ser convidadas de pedra mentres se facían negociacións bilaterais entre o Estado e Cataluña”, asegurou ao tempo que tachaba este encontro de “paripé” e criticaba a falta de vontade do Goberno central por chegar a acordos.

Ao respecto da supresión das peaxes na AP-7, Paula Prado considera unha “broma de mal gusto” esta decisión coa que “o Goberno central está ríndose dos acordos aos que chegaron o propio PSOE e o BNG respecto da AP-9 e das peaxes máis caras do Estado”. Recordou ademais a promesa electoral realizada na campaña das autonómicas polo candidato socialista, Gómez Besteiro, de facer gratuíta a autopista.

“O Goberno de Sánchez segue a ser unha peaxe para Galicia”, concluíu a secretaria xeral poñendo sobre a mesa os prexuízos que está a xerar para a competitividade da nosa Comunidade e para a economía das familias a negativa do Estado a transferir a titularidade da principal autopista de Galicia.

De aí que os populares galegos vaian “seguir loitando por que tamén aquí se levanten as barreiras e a AP-9 sexa galega” e facendo fronte a un Goberno que “reparte o de todos entre os seus socios e despois pretende que os demais nos quedemos coas migallas, que cede a todas as chantaxes e cuxo presidente é incapaz de recibir ao presidente da Xunta meses despois de gañar as eleccións”.

100 DÍAS DE GOBERNO DE ALFONSO RUEDA

Paula Prado aproveitou o aniversario dos 100 de goberno de Alfonso Rueda para reafirmar que o Goberno central “ten aquí un modelo de estabilidade e sentidiño, de cumprimento da palabra dada e de políticas que non dependen dos caprichos de terceiras forzas”.

Puxo en valor que o Goberno galego se puxo a traballar “desde o minuto un e sen perder o tempo en leas que non conducen a nada” e que, grazas a iso, o presidente Rueda e o seu equipo “poden presumir de cumprir un bo número de medidas prometidas para estes primeiros 100 días”.

Tamén quixo destacar que Galicia vai camiño de contar cos seus décimo sextos Orzamentos aprobados de xeito consecutivo en tempo e forma “para atender as necesidades dos galegos e das galegas”.

CONGRESO DO PP DE OURENSE

A secretaria xeral do PPdeG aproveitou a súa comparecencia para felicitar publicamente a Luis Menor polo seu nomeamento como novo presidente provincial do Partido Popular, amosándose convencida de que con el, “sairá gañando o partido e, sobre todo, sairá gañando todo Ourense”.

“Xunto a Diego Calvo, Elena Candia e Luis López, temos un póker de presidentes dos que nos sentimos realmente orgullosos, e que lideran con ilusión e faena o partido máis votado en cada unha das súas provincias. Todos eles encabezados polo mellor líder posible: o presidente Alfonso Rueda, concluíu.

Millán Mon e Adrián Vázquez aspiran a “converter as prioridades galegas en prioridades europeas” e “impoñer o sentidiño” no novo Parlamento Europeo

Os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez aspiran a que nesta nova lexislatura que se iniciou hoxe no Parlamento Europeo “as prioridades galegas se convertan en prioridades europeas” e “impere un pouco o sentidiño que tanto caracteriza a Galicia” tamén en Bruxelas.

Ambos coinciden na importancia de que a nosa Comunidade conte con representación en Europa e por iso celebran poder contar co apoio dos 188 parlamentarios que integran o grupo do Partido Popular Europeo na tarefa de “defender a singularidade de Galicia nas cuestión que lle afectan”.

Entre estas cuestións, segundo explica o pontevedrés Francisco Millán Mon, destacan especialmente aquelas vinculadas ao sector primario “tan importante para a nosa terra”. Tamén os fondos europeos, a política demográfica, unha industria que “debe estar enfocada á creación de emprego de calidade” e uns acordos comerciais que sexan “equilibrados tanto para exportar como para importar”.

Deste xeito e logo duns anos nos que o Parlamento Europeo “deu máis malas que boas noticias a Galicia”, esta nova lexislatura será, en opinión de Adrián Vázquez, a oportunidade para reivindicar as prioridades galegas e ocuparse delas nun contexto global marcado pola inestabilidade e os conflitos que asolan as nosas fronteiras.

O parlamentario lalinense comprométese ademais a visitar “todos e cada un dos 313 concellos de Galicia” ao longo destes próximos anos co fin de “trasladar as demandas dos nosos alcaldes e concelleiros ás institucións europeas”.

Tanto el como Millán Mon coinciden en contrapoñer a unidade do Partido Popular Europeo á hora de “votar sempre a favor de Galicia”. Algo que os diferenciaría dos eurodeputados do PSOE e especialmente do BNG, sobre todo en cuestións como a condena á invasión rusa de Ucraína.

Vázquez invita por último a Ana Pontón a que, cando vaia a Bruxelas, “inclúa na foto ao condenado por pertenza a banda armada e á condenada por subverter a orde constitucional española cun referendo ilegal en Cataluña cos que foi na lista o BNG, así como o candidato de ERC co que comparte escano nesta lexislatura”.

A Asociación Nacional de Pacientes con EPOC salienta o liderado de Galicia na loita contra esta enfermidade pulmonar

Os deputados do Grupo Popular Encarna Amigo, Julio García Comesaña e Noelia Pérez veñen de manter un encontro no Parlamento de Galicia con representantes da Asociación Nacional de Pacientes con EPOC (APEPOC), onde se puxo de manifesto o liderado de Galicia na loita contra a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica nos últimos anos. Porén, recoñeceuse a necesidade de incrementar a detección desta doenza, para o que se considerou necesario un cribado específico da mesma e facilitar a realización de espirometrías entre a cidadanía.

O obxectivo da reunión celebrada entre os deputados do Grupo Popular e representantes de APEPOC era facer un seguimento e balance das diferentes iniciativas impulsadas en Galicia para a detección e tratamento da enfermidade pulmonar obstrutiva.

Por unha banda, recoñeceuse que o infradiagnóstico de la EPOC sigue sendo elevado, polo que se puxo en valor a necesidade de realizar un cribado específico da enfermidade mediante espirometrías, valorando a posibilidade de achegar os espirómetros á cidadanía de maneira proactiva por parte da Xunta.

COMPRIMISO DOS CIDADÁNS E PROFESIONAIS

Así mesmo, incidiuse na necesidade dun compromiso tanto por parte da cidadanía como dos propios profesionais da atención primaria para visibilizar e sensibilizar sobre unha enfermidade cunha prevalencia del 16,8 por cento.

Pola súa banda, APEPOC puxo en valor el liderado de Galicia en materia de loita contra a EPOC nos últimos años, partindo dunha colaboración e participación dos pacientes e profesionais sanitarios na toma de decisións, como é o caso da introdución da recomendación de prescrición de inhaladores de polvo seco ou néboa fina, sempre e cando sexa clinicamente posible nos acordos de xestión do SERGAS.

A asociación nacional valorou positivamente que Galicia fora a primeira comunidade autónoma que tomou partido na loita contra a falta de adherencia dos pacientes con EPOC, a redución da exposición a propelentes nocivos e a descarbonización do sistema de saúde.

Deste xeito, o pasado 30 de maio aprobouse unha iniciativa parlamentaria no Congreso que insta a todas as comunidades autónomas a incluír esta recomendación que xa está en vigor en Galicia, sendo el SERGAS un exemplo a nivel nacional. Por este motivo, APEPOC e os deputados populares acordaron instar á Consellería de Sanidade a liderar no seno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a extensión desta recomendación ao resto de comunidades españolas.