O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana un compromiso real e efectivo do Goberno central para a realización de infraestruturas vitais para Galicia, ante a falta de avances en actuacións comprometidas e o agravio comparativo respecto a outras comunidades. Así mesmo, solicitará que o Goberno do Estado complete a dotación de 15 millóns de euros solicitada por Galicia, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua, para a execución do Proxecto Nós de impulso do galego nos ámbitos tecnolóxicos.
Ao remate da Xunta de Portavoces, a viceportavoz Paula Prado informou que a Mesa do Parlamento aceptou a solicitude do Grupo Popular para a creación dunha Comisión de Estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento autonómico, co obxectivo de elaborar o seu ditame logo das comparecencias de expertos que tiveron lugar na pasada lexislatura e a extensa documentación que se solicitou e que agora servirá de base para a elaboración das conclusións.
BNG PARAGÓXICO
Neste sentido, Paula Prado considerou “paragóxico que desde o BNG se nos pida ambición nesta Comisión de estudo e ao mesmo tempo insistan nas súas teimas defendendo un cupo para Galicia e unha negociación bilateral co Goberno central”. “Non hai máis cego que o que non quere ver, porque só hai que lembrar que a práctica totalidade dos expertos que compareceron na pasada lexislatura nesta Comisión, coa única excepción da persoa que propuxeron os nacionalistas galegos, incidiron no prexudicial que sería para Galicia a extensión do cupo foral ou a cesión de máis porcentaxe de imposto sobre a renda a todas as comunidades autónomas”, lembrou.
“Pero é que tamén nos insisten na solicitude dunha negociación bilateral para o financiamento autonómico de Galicia, co único obxectivo de seguir os pasos que lle marcan os seus aliados independentistas cataláns, máis preocupados de espremer a Pedro Sánchez no seu beneficio propio, sen preocuparse en absoluto de tratar en igualdade de condicións ás demais comunidades autónomas”, apuntou Paula Prado. Así, insistiu que “imos seguir defendendo unha negociación multilateral xusta e equitativa do financiamento autonómico, de xeito que se atendan as necesidades específicas de cada comunidade autónoma para que poidan atender a prestación dos servizos públicos en igualdade de condicións para todos os españois”.
Respecto da orde do día da sesión plenaria, a viceportavoz popular informou que está prevista a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e de Facenda e Administración Pública.
INFRAESTRUTURAS E PROXECTO NÓS
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará, en primeiro lugar, que o Goberno central complete a dotación de 15 millóns de euros que se lle solicitaron por Galicia, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua, para o desenvolvemento do Proxecto Nós. Esta iniciativa, que prevé unha mobilización de máis de 45 millóns de euros e a creación de 450 empregos, ten por obxectivo favorecer a creación de ferramentas que permitan que o galego estea presente en todos os ámbitos, especialmente no tecnolóxico con sintetizadores de voz, recoñecedores de fala ou xeradores de lingua natural.
Para levar adiante esta iniciativa, a Xunta solicitou ao Goberno central, con cargo ao PERTE Nova Economía da Lingua, que está dotado cun orzamento global de 1.100 millóns de euros, unha partida de 15 millóns de euros, pero a día de hoxe o Goberno de Pedro Sánchez so achegou 2 millóns de euros, unha cantidade absolutamente insuficiente para un proxecto que aspira a situar o galego na sociedade e na economía dixital.
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular incide nunha das demandas máis insistentes desde Galicia e menos atendidas por parte do Goberno central: a realización e mellora de infraestruturas viarias vitais na Comunidade galega, ante a falta de avances na planificación de traballos. “O Goberno central leva anos acumulando incumprimentos en relación á execución das novas infraestruturas viarias comprometidas en Galicia, especialmente aquelas que resultan vitais para a comunicación coa meseta e para a vertebración interna do territorio, como son as autovías de competencia estatal A-56, A-52 no acceso a Vigo, A-74 ou a A-76, por poñer algún exemplos”, concretou a viceportavoz popular.
“Galicia non pode permitir o agravio comparativo que está a sufrir respecto das atencións que presta o Goberno central a outras comunidades autónomas, polo que consideramos necesario que o Parlamento galego se pronuncie nesta cuestión unha vez máis e insista na demanda dun compromiso real e efectivo do Goberno de Pedro Sánchez para a realización de infraestruturas vitais para a Comunidade galega”, dixo.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular solicitará unha valoración da xuntanza celebrada a semana pasada co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible e co comisionado do Goberno central para o Corredor Atlántico, “unha reunión sobre a que non entendemos o ocultismo a que a quixo someter o Goberno central, negando información algunha sobre os asuntos e o contido da mesma”.
A segunda pregunta do Grupo Popular ao Goberno galego ten que ver coa repercusión na cidadanía galega que está a ter o programa EBICI, que a Xunta puxo en marcha para favorecer modos de transporte máis sustentables e saudables, a través de vehículos non motorizados e diminuíndo o uso do vehículo particular, coa conseguinte redución de emisións e de contaminación acústica.
NOVA ABAU
E, en terceiro lugar, desde o Grupo Popular cuestionará sobre a situación das negociacións sobre os exames de avaliación para acceder á universidade. Neste sentido, Paula Prado asegurou “non entender como desde o Goberno central se deixa liberdade a cada comunidade para elaborar os seus exames de ABAU, con estándares metodolóxicos, de esixencia e de avaliación diferentes en cada autonomía, que deriva en 17 portas de acceso diferentes á universidade para unha mesma praza”.
Deste xeito, reiterou que “avogamos por desenvolver un modelo de avaliación homologable a todas as comunidades autónomas para acceder á universidade, como quedou de manifesto no día de onte no acordo asinado en Salamanca por responsables de todas as comunidades autónomas gobernadas polo PP, un acordo axustado á lei e que, ao mesmo tempo, blinda as singularidades de Galicia, especialmente en todo o que respecta á nosa lingua propia”.