O Parlamento galego solicita á Xunta a actualización do Plan especial de protección civil fronte a riscos sísmicos

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a actualizar o Plan especial de protección civil fronte a riscos sísmicos na Comunidade galega (SISMIGAL). “Esta actualización, que inclúe unha análise exhaustiva do risco e a consulta con organismos chave, asegurará que o novo plan sexa máis eficaz, coordinado e adaptado ás realidades actuais, cumprindo cos máis altos estándares de seguridade e protección civil”, indicou o deputado popular Ángel Rodríguez Conde.

A Xunta, a través desta actualización do Plan especial de protección fronte ao risco sísmico en Galicia, pretende dar unha resposta rápida e eficaz que minimice os posibles danos ás persoas, bens e medio ambiente, co obxectivo de restablecer os servizos básicos para a poboación no menor tempo posible ante estes movementos sísmicos.

COÑECER O PERIGO EXISTENTE

En concreto, Ángel Rodríguez dixo que “ten como finalidade coñecer o perigo existente en Galicia fronte ao risco sísmico e tratar de calibrar a vulnerabilidade das construcións cuxa destrución poda ocasionar vítimas, danar servicios básicos ou efectos catastróficos asociados”. Así, no seu deseño realizouse un estudo pormenorizado de cada parroquia galega e unha base de datos que recolle todos os edificios de Galicia, con especial atención a infraestruturas como hospitais e centros educativos; poboacións, estradas, tendidos eléctricos e demais elementos sensibles.

O SISMIGAL prevé a realización dunha revisión ordinaria completa do plan segundo o estableza a normativa vixente, así como revisións extraordinarias cando se estime necesario para adaptar o plan á realidade científica, técnica, social ou administrativa do momento na comunidade autónoma ou no conxunto do Estado.

“Consideramos necesaria a revisión e actualización do Plan Especial vixente, na busca dunha mellora na estrutura organizativa e funcional para a intervención en emerxencias causadas por terremotos, na coordinación co Plan Estatal para a protección civil ante o risco sísmico e a actualización das áreas de maior risco que implicará a definición das necesidades de intervención e localización de recursos e infraestruturas utilizables nas actuacións de emerxencia”, indicou Ángel Rodríguez.

Neste documento concretarase, entre outras cuestións, o perigo de terremotos, a estimación da vulnerabilidade e o risco sísmico en termo de danos, ademais de expoñer as fases e situacións de emerxencia que se poden producir, detallando a estrutura e organización de resposta, os procedementos de información á poboación, seguimento e notificación, a operatividade dos distintos grupos e os procedementos de coordinación co plan estatal.