O Grupo Popular lamenta que o radicalismo do BNG privara de consensuar no Parlamento galego un acordo sobre a discriminación nas aulas por razón de orientación sexual

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor lamentou que o radicalismo do BNG privara de consensuar hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia un acordo sobre o recoñecemento da diversidade e a política contra a discriminación nas aulas por razón de orientación sexual.

En concreto, Gonzalo Trenor criticou que o BNG “rachara co consenso acadado na aprobación hai dez anos da lei de igualdade de trato e non discriminación integral para o colectivo LGTBI”. “Volvemos atoparnos co nacionalismo galego máis radical, que fuxe de calquera acordo que supoña beneficios e atención para calquera galego, sexa cal sexa o seu pensamento político, crenza ou orientación sexual”, indicou.

DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS

“Máis aló do contido concretou daquela lei, a aprobación desa norma supuxo unha declaración de intencións, unha mensaxe de apoio a todo os galegos e galegas gais, lesbianas e transexuais e ás súas familias, e supuxo a mellor declaración a favor da igualdade e contra a discriminación que podía facer este Parlamento”, lembrou.

Á vista da negativa do BNG a negociar un acordo, Gonzalo Trenor anunciou que “rexistraremos unha nova iniciativa neste Parlamento co obxectivo de negociar cos demais grupos unha postura conxunta que recoñeza os dereitos do colectivo LGTBI, especialmente no ámbito da educación”.

Esta iniciativa do Grupo Popular, que partirá da emenda rexistrada para o seu debate no Pleno de hoxe, insta á Xunta a realizar un estudo sobre a situación das persoas LGTBI no eido educativo galego; mellorar a atención dos casos de acoso ou ciberacoso a persoas LGTBI; continuar coa formación do profesorado en cuestións como a mellora da convivencia e a coeducación; desenvolver un programa piloto de educación afectivo-sexual cun enfoque integral; favorecer a igualdade das persoas nos centros educativos; e remitir ao Parlamento un informe sobre a nova situación dos centros Quérote++, así como o informe de aplicación da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

O Grupo Popular afirma que a Xunta presentará proximamente o borrador do Plan Director do sector da automoción

O deputado do Grupo Popular Miguel Fidalgo afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta ten ultimado o borrador do Plan Director do sector de automoción, que será presentado proximamente tal e como o PPdeG se comprometera durante a campaña electoral. Ademais, Fidalgo demandou ao Goberno central a descentralización dos fondos europeos destinados á industria para a súa xestión directa por parte da Xunta, de xeito que se poidan garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos.

Miguel Fidalgo garantiu que “a Xunta estivo, está e estará sempre apoiando o futuro da automoción en Galicia, sobre todo nun momento como o actual no que este sector afronta un proceso de cuasi reconversión”.

Neste sentido, criticou que o BNG “trate de facer crer que o Goberno de Galicia non atende ao sector da automoción, ao que ten destinado nos últimos anos máis de 100 millóns de euros”. Ademais, avanzou que a Xunta, continuando coa súa folla de ruta, presentará proximamente o borrador do Plan Director do sector da automoción, “un proxecto con medidas a curto, medio e longo prazo para impulsar a competitividade, a innovación, a internacionalización e a formación neste sector industrial”.

COMPRA NO TERRITORIO

O deputado popular lembrou que “Pedro Sánchez anunciou no seu momento que os fondos europeos nos ían saír polas orellas, pero a realidade é que en Galicia caeu un reintegro mentres o gordo foi para Cataluña, País Vasco, Estremadura e Valencia”. “33.500 millóns de euros en pertes industriais, dos que o 50 por cento están sen convocar a día de hoxe e cunha baixísima execución por parte do Estado”, resumiu Fidalgo sobre a tramitación de fondos europeos por parte do Goberno central.

“Cando o Goberno socialista redacta o PERTE da automoción, en ningún momento se pon como requisito a compra no territorio, o que provoca que se acaben deslocalizando as compras”, manifestou Miguel Lorenzo, quen anotou que para paliar esta situación a Xunta vén de sacar unhas axudas de 18 millóns de euros para apoiar os investimentos que teñen que facer as empresas auxiliares, para poder rebaixar os seus custes e poder competir con empresas de economías emerxentes.

Para rematar, Fidalgo tendeulle a man aos nacionalistas galegos “para que Galicia siga sendo referencia no ámbito da industria automobilística e para que haxa diálogo e paz social; pero se veñen facer demagoxia, a meterlle o medo no corpo á xente e atacando a Stellantis aí non nos van atopar”.

O PPdeG denuncia a “deriva partidista” da Fegamp fronte ao sentir maioritario dos concellos galegos: “Prímase o partidismo e non o municipalismo”

O Partido Popular de Galicia denunciou hoxe a “deriva partidista” da Fegamp e acusa ao seu presidente, o socialista Alberto Varela, de “estar utilizando a federación en beneficio do PSOE e en detrimento do espírito municipalista e do sentir maioritario dos 313 concellos galegos”.

“O espírito da Fegamp debería ser a unanimidade e a concordia, pero estase distorsionando coa asunción de posturas totalmente partidistas en asuntos que deberían ser consensuados entre todas as forzas políticas”, afirmou hoxe o vicepresidente da federación e alcalde do Incio, Héctor Corujo, nunha rolda de prensa acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Puxo como exemplo a reunión do presidente da Fegamp co líder dos socialistas galegos, que se celebrou “de xeito unilateral, sen ter en conta a outras forzas e excluíndonos improcedentemente” e na que se abordou a situación do canon que os concellos abonan a Sogama.

Unha situación, engadiu o portavoz popular, derivada da aprobación da Lei estatal 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que “impón un imposto que grava a actividade de Sogama para a reciclaxe dos residuos” e que “supón un incremento artificial do custo de actividade desta planta”.

Neste sentido Corujo reprocha aos dirixentes do PSOE Alberto Varela e José Ramón Gómez Besteiro que “optaran por criticar o modelo Sogama para evitar explicar a orixe do problema e disimular a implicación do Goberno de Sánchez”.

O MODELO SOGAMA É O MÁIS EFICAZ, EFICIENTE E ECONÓMICO

Desde o PPdeG apuntan que, fronte aos outros dous sistemas de xestión de residuos en Galicia, o promovido por Sogama é o máis eficaz, eficiente, económico e respectuoso co medio ambiente. De feito, sosteñen que de non existir esta empresa pública, os concellos mandarían o 50% dos seus residuos a vertedoiro e, en lugar de pagar 9 millóns de euros en concepto de imposto estatal, pagarían 18”.

De aí que consideren desconcertante que a Fegamp se preocupe tanto do canon de Sogama, o máis barato de Galicia e de España, e non se alarme polo que pagan os concellos adheridos ao Consorcio das Mariñas ou á planta do Barbanza, nos que o canon supera os 100 euros/tonelada fronte aos 66 euros de Sogama.

Denuncian así mesmo que e lei aprobada polo Goberno central repercutiu nun incremento dos custos para a compañía e que a carga impositiva derivada da mesma non ten por obxectivo fomentar a redución, a reutilización e a reciclaxe, senón que ten un fin única e exclusivamente recadatorio.

Os populares galegos conclúen que, grazas á aportación da Xunta de Galicia, o canon de Sogama para 2024 quedará nos 66 euros/tonelada, o mesmo que en 2023. E que, polo tanto, a mellor bonificación que se pode aportar a todos os concellos é que continúen a pagar o canon máis barato de Galicia e de España.

O PPdeG critica a incongruencia do BNG ao pedir unha comisión de investigación sobre a prórroga da concesión da AP-9

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego a “incongruencia” do BNG ao pedir unha comisión de investigación sobre a ampliación da concesión da AP-9: “unha infraestrutura de titularidade estatal, cunha concesión outorgada polo Goberno central e que está sendo obxecto dun expediente de infracción reservado pola Comisión Europea”.

“O auténtico fin que perseguen con esta iniciativa é manipular, porque solicitan a constitución dunha comisión de investigación cuxas conclusións xa teñen perfectamente redactadas, incluíndo aos supostos responsables duns inventados delitos e irregularidades que ninguén está a investigar ou perseguir”, apuntou.

Alberto Pazos incidiu que “a proposta que hoxe nos traen os nacionalistas galegos é un cúmulo de incongruencias evidentes, omisións interesadas e de groseiras falsidades, que teñen como único obxectivo establecer un relato que permita salvar a cara á señora Pontón ante o seu enésimo ridículo electoral”.

PRÓRROGAS DE GOBERNOS DE PSOE E DE PP

“Non existe responsabilidade xudicial ou política no ámbito galego, non obra documentación nas institucións galegas, os posibles comparecentes non terían obriga legal de atender os requirimentos deste Parlamento e, como colofón, non podemos acceder ao expediente reservado da Comisión Europea”, sinalou respecto da proposta de comisión de investigación.

Na súa intervención, o portavoz popular explicou que “o BNG omite que o que está a investigar a Comisión Europea é se as dúas prórrogas da concesión da AP-9, tanto a concedida polo Goberno socialista de Felipe González por 10 anos ou a do Goberno de PP de José María Aznar por 25 anos, que contaron co visto bo dos servizos técnicos do Estado que fiscalizaron o procedemento, se adecúan ou non á normativa europea de competencia”. En concreto, ambas prórrogas, aprobadas por Real Decreto, foron informadas favorablemente polo Consello de Estado e a Avogacía do Estado.

Respecto das peaxes da AP-9, Alberto Pazos sinalou que “o incremento que sufrimos nos últimos anos ten unha orixe moi clara: a inflación e un convenio para a ampliación da ponte de Rande que incrementou as peaxes en todo o trazado da autoestrada, a razón do 1 por cento de suba anual durante 20 anos”. “O Goberno socialista de Zapatero, a través do ministro galego José Blanco, asinou o convenio de ampliación 48 horas antes dunhas eleccións xerais, ocultando ata despois da cita electoral o custo que supoñía para todos os galegos e, despois de perder as eleccións, esixiron revertelo para que a obra se fixera con cargo aos orzamentos do Estado”, lembrou.

“Nós non imos participar nesta cerimonia da confusión que pretende o BNG e imos seguir centrados nas dúas cuestións que centran os intereses dos galegos en relación á AP-9: a súa cesión á Galicia e a gratuidade das súas peaxes, que BNG e PSdeG prometeron antes das eleccións”, rematou o portavoz popular.