O Grupo Popular asegura que SOGAMA manterá a media do canon de 2023 aos concellos adscritos

O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que SOGAMA manterá de media o mesmo canon do ano 2023, fixado en 66 euros por tonelada, aos concellos adscritos a esta empresa pública, de xeito que lles repercutirá unha contía moito menor que o custo real que ten o servizo, que rolda os 120 euros.

Roberto Rodríguez explicou que a empresa pública SOGAMA asumiu no último ano e medio un sobrecusto de 39 euros por tonelada pola xestión dos residuos urbanos que recibe procedentes de 295 concellos galegos provocado por decisións unilaterais adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez: a aplicación, desde o mes de xaneiro de 2023, do imposto estatal sobre vertido e incineración, que supuxo 9 millóns de euros de sobrecusto; a orde ministerial, de xullo de 2023, que elimina a retribución que Galicia recibía pola planta termoeléctrica de Cerceda, pese a que tiña dereito a percibila ata 2026 e que tivo un sobrecusto para as arcas galegas de 9,8 millóns de euros; e o imposto estatal de produción de enerxía, que conlevou unha suba dun 7 por cento.

SEN ALEGACIÓNS DOS CONCELLOS

“Nin a Fegamp nin a FEMP alegaron no seu momento contra esta suba provocada polas decisións do Goberno central, pero agora esixen o mantemento das bonificacións e anuncian alegacións á decisión de SOGAMA”, indicou o deputado popular, quen lamentou que “alegarán excluíndo deliberadamente do debate aos 150 concellos gobernados polo Partido Popular, máis que BNG e PSdeG xuntos pese aos seus pactos de perdedores”.

O resultado destas decisións aleatorias do Goberno de Pedro Sánchez foi un encarecemento do custo do servizo que presta SOGAMA en 21,9 millóns de euros no ano 2023, “a pesar de que a tendencia a nivel europeo está a ser a de aprobar unha moratoria á aplicación do imposto sobre incineración porque está a producir efectos contrarios aos pretendidos, xerando maior cantidade de refugallo e obstaculizando a produción de electricidade barata, autóctona, fiable e neutra”, apuntou.

Diante desta situación, Roberto Rodríguez salientou que a Xunta “fará un esforzo supletorio para causar o menor impacto posible das medidas do Goberno de Pedro Sánchez no peto dos galegos: realizará unha aportación extra de 12 euros por tonelada a través do fondo de cooperación local”. Deste xeito, subliñou que, aínda coa actualización proposta por SOGAMA, o canon medio para 2024 seguirá sendo o máis barato de España.

“SOGAMA viuse penalizada polo Goberno socialista fronte a plantas menos eficientes nas que, sobre o papel, se valoriza todo o material recibido, como Nostián ou Serra do Barbanza, que apostan polo modelo húmido-seco, en extinción xa que é contrario ás directrices europeas e que, ademais, resulta notablemente máis custoso para os concellos”, rematou.

O Grupo Popular esixe ao Goberno central que abone a Galicia os 2.500 millóns de euros que debe polo cofinanciamento dos servizos de dependencia

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, reclamou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Goberno central “que abone á Comunidade galega os 2.500 millóns de euros que lle debe pola cofinanciación da prestación dos servizos de dependencia, xa que só está a pagar o 30 por cento cando por lei está obrigado a aportar o 50 por cento”, unha solicitude que foi rexeitada por BNG e PSdeG.

Raquel Arias asegurou que “cos cartos que o Goberno de Pedro Sánchez debe a Galicia en materia de dependencia poderíanse construír 138 residencias como a que se vai abrir en Lugo, duplicar o número de prazas de residencia que hai en Galicia ou pagar máis de 100 millóns de horas de axuda no fogar”.

“Pero, a pesar desta falta de orzamento por parte do Goberno central, o esforzo que está a facer o Goberno galego permitiu situarnos como unha das comunidades co mellor sistema de atención á dependencia, con mellor cobertura en centros de día para persoas maiores de 70 anos ou liderar o acollemento familiar de menores”, subliñou.

MELLORA DOS TEMPOS DE ATENCIÓN

A portavoz popular lembrou que “a Xunta é consciente das necesidades de seguir mellorando os tempos de atención á dependencia” e citou expresamente o compromiso de seguir acurtando os tempos de espera “coa recente aprobación dun decreto para axilizar os procedementos, reforzar os equipos de valoración e facer a valoración da dependencia e de recurso asignado no mesmo acto”

Respecto do servizo de axuda no fogar, Raquel Arias salientou, partindo da base de que se trata dun servizo de competencia municipal a raíz da Lei aprobada polo Goberno bipartito de PSOE e BNG, que a aportación da Xunta aos concellos incrementouse nun 24 por cento nos últimos anos, pasando de 9,7 a 12 euros por hora. “E aínda así somos conscientes de que non é suficiente, polo que o Goberno de Alfonso Rueda xa iniciou unha nova rolda de negociación coa Fegamp para revisar este importe”, apuntou.

“A Xunta fai as valoracións dos usuarios e asigna os recursos segundo o que establece a Lei estatal, pero o responsable de facer efectiva a prestación é o Concello”, explicou a portavoz popular. Ademais, indicou que o pago da prestación repártese entre os usuarios, os concellos, a Xunta e o Estado, “pero dáse a paradoxa de que o Goberno galego está a aportar o 70 por cento fronte ao 30 por cento do Goberno central”.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España a construción de infraestruturas viarias vitais para Galicia e a reparación inmediata das autovías e estradas de titularidade estatal

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a realización de infraestruturas viarias vitais para Galicia e a execución inmediata das obras de reparación necesarias para garantir a seguridade nas autovías e estradas de titularidade estatal na Comunidade galega.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lamentou que “o Goberno central leva anos deixando de lado o mantemento e o desenvolvemento das infraestruturas de comunicación viaria en Galicia, acumulando atrasos e incumprimentos de prazos e de investimentos que se traducen nun agravio comparativo co resto das comunidades españolas”.

SITUACIÓN PREOCUPANTE

Neste sentido, considerou “preocupante” a situación na que se atopan as autoestradas e estradas de competencia estatal. En concreto, referiuse ás autovías       A-6 e A-52, para as que urxiu “un reacondicionamento integral do seu firme, que día a día continúa co seu deterioro e prexudica aos usuarios da conexión de Galicia coa Meseta”; e á autovía A-8 de conexión coa cornixa cantábrica, “que segue cos mesmos problemas de néboa cos que naceu e seguen sen ter solución”.

“Non é razoable que o único anuncio do Goberno central en materia de conservación de estradas foi un investimento de apenas 23 millóns de euros para actuar en menos do 10 por cento das estradas da súa titularidade en Galicia: 10,5 millóns de euros a repartir entre as provincias de A Coruña e Lugo, e outros 12,6 millóns para as provincias de Ourense e Pontevedra”, manifestou.

A maiores desta necesidades de intervención no mantemento e conservación das autovías e estradas de titularidade estatal, Roberto Rodríguez tamén criticou que o Goberno central leva anos acumulando incumprimentos en relación á execución das novas infraestruturas viarias comprometidas por Galicia, especialmente aquelas que resultan vitais para a comunicación coa Meseta e para a vertebración interna do territorio galego: A-56; A-52, no acceso a Vigo; A-74 ou A-76.

EXEMPLO DA XUNTA

Para rematar, o portavoz popular animou ao Goberno central “a tomar nota da liña de acción da Xunta, que cada ano destina máis de 50 millóns de euros para blindar a seguridade e eficiencia das estradas da súa competencia, convertendo a rede de estradas autónomica nun referente de conservación”.

Ademais, apuntou que a Xunta destina cada ano outros 40 millóns de euros “para seguir incrementando os quilómetros de viarios de alta capacidade, cando o Estado levaba catro anos sen abrir un so quilómetro novo de autovía en Galicia, ata que a pasada semana inaugurou o Orbital de Santiago”.

O Grupo Popular reclama ao Goberno de España maior axilidade na devolución ao persoal gandeiro do IVE pendente da compra de pensos ou enerxía

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, reclamou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Goberno de España maior axilidade na devolución ao persoal gandeiro do imposto sobre o valor engadido (IVE) pendente derivado especificamente da compra de pensos ou enerxía, aspectos que teñen unha importante incidencia na conta de resultados das explotacións leiteiras.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, afirmou que “se trata dunha reclamación xusta e xustificada, máis aínda tendo en conta que o leite que o produtor pon no mercado non leva IVE, pero ese mesmo produtor si que ten que facer fronte a este imposto á hora de adquirir alimento para os seus animais, combustible ou enerxía”.

Deste xeito, considerou que este trámite de devolución, que nalgún caso está pendente desde 2022, “é de vital importancia para garantir a viabilidade económica de moitas explotacións, sobre todo daquelas que realizaron un importante esforzo ao acollerse a plans de mellora e outras iniciativas de desenvolvemento”.

SECTOR ESTRATÉXICO

Miguel Viso asegurou que “a Xunta sempre considerou ao sector lácteo galego como un sector estratéxico” e para iso existe o Observatorio do sector lácteo de Galicia, co fin de elaborar informes para a toma de decisións internas e analizar as problemáticas do sector.

Así mesmo, referiuse á ferramenta Enerlácteo, unha aplicación para a optimización dos custos enerxéticos nas explotacións que avalía o consumo enerxético, compárao con outras explotacións semellantes e emite un informe de recomendacións sobre as medidas de aforro enerxético que poden ser implementadas.

TRANSFORMAR O SECTOR LÁCTEO

O portavoz popular lembrou a presentación no día de onte do proxecto Smartz4milk, deseñado para impulsar a transformación do sector lácteo, impulsado polo clúster alimentario de Galicia e cun total de 11 empresas. O principal obxectivo deste proxecto é transformar o sector lácteo, minimizando o seu impacto no medio ambiente, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos e afrontando o reto da descarbonización.

“Esiximos que o Goberno central controle, respecte e cumpra a lei de cadea alimentaria en todas as comunidades autónomas por igual”, sinalou Viso, quen sinalou que “temos as ferramentas pero o Goberno de Pedro Sánchez ten que facelas cumprir, co fin de minimizar as diferenzas de prezos pagados entre distintos territorios”.

Para rematar, Miguel Vigo manifestou que “en breve se porá en marcha o Banco de Explotacións, co fin de garantir a substitución xeracional e de facilitar o contacto entre as persoas titulares de explotacións agroforestais que vaian abandonar a actividade e persoas interesadas nas mesmas.

O Parlamento galego pide ao Goberno central que complete a dotación de 15 millóns de euros, con cargo ao PERTE Nova Economía da Lingua, para o financiamento do Proxecto NÓS

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través do que se solicita ao Goberno central que complete a dotación de 15 millóns de euros solicitados por Galicia no marco do PERTE Nova Economía da Lingua para o financiamento do Proxecto NÓS, unha iniciativa da Xunta e a Universidade de Santiago que situará ao galego ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo no ámbito tecnolóxico.

O portavoz popular de Lingua, José Luís Ferro, explicou que o PERTE Nova Economía da Lingua “presentouse polo Goberno central como unha oportunidade para aproveitar o potencial do español e das linguas cooficiais como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a intelixencia artificial, a tradución, a aprendizaxe, a divulgación cultural, a produción audiovisual, a investigación e a ciencia. A nivel económico, conta cun orzamento de 1.100 millóns de euros de investimento público, co obxectivo de mobilizar outros 1.000 millóns de investimento privado.

FERRAMENTAS GRATUÍTAS

Pola súa banda, o Proxecto NÓS, presentado hai pouco máis dun ano, “naceu para que o galego non perda o tren da dixitalización, pois a nosa lingua non pode ficar excluída dos novos recursos tecnolóxicos presentes e futuros”, sinalou José Luís Ferro. En concreto, dixo que esta iniciativa “traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais, para o que se desenvolveron tres aplicacións sen precedentes en Galicia, que permitirán a interacción da lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos: un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de fala e un sistetizador de voz.

“Estes avances están a disposición de calquera persoa, empresa ou proxecto para que os poida utilizar de xeito gratuíto, permitindo non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”, sinalou o portavoz popular.

O Proxecto NÓS foi introducido no PERTE Nova Economía da Lingua “e suporá o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia”, manifestou José Luís Ferro, quen engadiu que “a evolución deste proxecto respecto ás tecnoloxías favorecerá que a tradución e o uso das linguas cooficiais en todo tipo de institucións e foros poida ser posible en igualdade de condicións coas grandes linguas”.