O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, trasladou hoxe, logo da viaxe dunha delegación do Parlamento de Galicia ao campo de refuxiados saharauis de Tinduf en Alxeria, a preocupación existente entre a poboación saharaui polo “incomprensible bandazo que o Goberno de Pedro Sánchez deu as relacións de España con Sahara Occidental, que se senten traizoados e abandonados polo cambio da política exterior española ante as presións realizadas por Marrocos”.
Ademais, defendeu “o sentidiño e a plena disposición de Galicia a acoller menores migrantes non acompañados” e criticou a falta de rigor do Goberno central ao non asumir a ausencia dunha política migratoria.
Alberto Pazos salientou que Galicia, con 288 nenos que participan este ano no programa Vacacións en paz organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, é a segunda comunidade que maior número de nenos acollerá, só superada por Andalucía. Neste sentido, insistiu que “somos unha terra solidaria e mostra disto é a colaboración que desde hai moitos anos vén prestando a Xunta, na que xa leva investidos case 2,5 millóns de euros, para que todos estes nenos gocen dunhas merecidas vacacións nas que disfrutar de actividades de lecer e tempo libre, se lles facilita a asistencia médica que precisen e se familiarizan coa cultura e as linguas galega e castelá, coa que conviviron durante o período colonial español”.
FELICITACIÓN E AGRADECEMENTO
Neste punto, deu as gracias e felicitou polo traballo que vén desenvolvendo, ano tras ano, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, capitaneada pola recentemente galardoada coa Medalla Castelao Maite Isla, e a todas esas familias que dan testemuña da xenerosidade do pobo galego.
“Foi unha viaxe moi ilusionante e satisfactoria, pola alegría e esperanza coa que os nenos e nenas acoden a disfrutar da súa estadía en Galicia e noutras comunidades autónomas españolas, e polos vínculos de cariño que se van forxando a través da relación de convivencia entre as familias e os menores, pero tamén foi unha estancia en Tinduf na que puidemos comprobar, con preocupación, a actual situación do campamento de refuxiados, trasladada directamente tanto polo primeiro ministro de Rasd, Bucharaya Hamudi Beyun; como polo Presidente da República Árabe Saharaui Democrática, Brahim Gali nas entrevistas que mantiveron coa Delegación galega e nomeadamente coa representación deste Parlamento”, dixo Alberto Pazos.
Segundo explicou, esta situación deriva “do incomprensible bandazo que o Goberno de Pedro Sánchez deu as relacións de España co Sahara Occidental, abandonando a postura tradicional mantida ao longo do tempo polos distintos Gobernos de España, que sempre defenderon a aplicación da legalidade internacional, e a defensa das resolucións da ONU que establecen a necesidade da celebración dun Referendum para que o pobo Saharaui poida decidir libre e democraticamente o seu proio futuro”.
SENTIMENTO DE TRAIZÓN
“Existe un fondo sentimento de traizón cara ao Goberno de España entre a poboación saharaui, que se sente abandonada polo cambio na política exterior do Goberno español ante as presións realizadas desde Marrocos”, sinalou o portavoz popular.
En calquera caso, Pazos asegurou que “desde Galicia seguiremos trasladando a nosa solidariedade á inmensa maioría do pobo galego coa causa saharaui, e o noso compromiso de seguir traballando ata que se cumpran os compromisos establecidos nas resolucións da ONU, que permitirían a este pobo decidir o seu futuro a través dun referendo con plenas garantías”.
Ademais, respecto da política do Goberno español cara ao Sáhara Occidental, engadiu que “manteremos a nosa posición de levar adiante unha política baseada no equilibrio das relacións con dous socios como son Marrocos e Arxelia, ao tempo que avogamos por manter unha neutralidade activa no posicionamento respecto ao Sáhara Occidental, mantendo o noso apoio as decisións adoptadas polas Nacións Unidas”.
Alberto Pazos tamén se referiu á problemática existente coa acollida polas comunidades autónomas de menores migrantes non acompañados chegados a Canarias e Ceuta. Neste sentido, destacou que “fronte ao sentidiño de Galicia e a súa plena disposición a acoller os nenos e adolescentes que lle corresponde, atopámonos cun Goberno central mentireiro e desleal, co único obxectivo de botar as culpas ás comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular pero sen poñer enriba da mesa unha verdadeira política migratoria que dea solución a este grave problema”.
CATALUÑA, A ÚNICA QUE NON APOIOU O REPARTO
“O Goberno de Pedro Sánchez vive permanentemente na inacción e na improvisación, e neste caso concreto dos menores migrantes non acompañados volveuno a demostrar”, lamentou o portavoz popular, quen apuntou que volveu a mentir cando acusou ás comunidades autónomas de non ter acollido aos menores migrantes comprometidos en 2023. “Galicia aínda está á espera de recibir aos 28 menores que o Goberno central se comprometera a enviar o pasado ano, que non chegaron simplemente por dificultades a nivel burocrático e administrativo, como recoñeceu o propio Presidente de Canarias na reunión do mércores”, explicou.
Ademais, criticou que “a desvergoña do Goberno de Pedro Sánchez chegou ata o punto de acusar ás comunidades gobernadas polo Partido Popular de non aceptar os acordos da Conferencia Sectorial celebrada o mércores, cando todas elas votaron a favor do reparto acordado na reunión, a excepción de Cataluña, precisamente a comunidade autónoma gobernada polos seus socios independentistas e que manteñen a Pedro Sánchez na Moncloa”.
Por último, insistiu que “Galicia vai seguir amosando a súa solidariedade e tenderá as súas mans para acoller a outros 26 novos menores migrantes non acompañados procedentes de Canarias e Ceuta, actuando coa lealdade e a responsabilidade que nos caracteriza”, pero avisou que “non estamos dispostos a aguantar as insensateces do Goberno de Pedro Sánchez e a súa falta de rigor, porque o primeiro que ten que asumir é a súa falta total de política migratoria, que non é consecuencia das comunidades autónomas”.