O PPdeG comprométese a “seguir defendendo Galicia ante quen nos considera menos”, como o Goberno central

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reafirmou hoxe o compromiso do seu partido coa defensa de Galicia “ante quen nos considera menos” contrapoñendo a un Goberno autonómico que “atende cada día as demandas reais dos galegos e galegas” fronte a un Pedro Sánchez e un Goberno central que “van a escándalo por día”.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos acusou ao Goberno de España de “maltratar” e “desprezar” a Galicia e a un bo número de comunidades autónomas poñendo como exemplo disto o “decepcionante” Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado esta semana ou a noticia do levantamento das peaxes na AP-7.

“No Consello de Política Fiscal ocorreu o que esperabamos: invitaron ás comunidades autónomas a ser convidadas de pedra mentres se facían negociacións bilaterais entre o Estado e Cataluña”, asegurou ao tempo que tachaba este encontro de “paripé” e criticaba a falta de vontade do Goberno central por chegar a acordos.

Ao respecto da supresión das peaxes na AP-7, Paula Prado considera unha “broma de mal gusto” esta decisión coa que “o Goberno central está ríndose dos acordos aos que chegaron o propio PSOE e o BNG respecto da AP-9 e das peaxes máis caras do Estado”. Recordou ademais a promesa electoral realizada na campaña das autonómicas polo candidato socialista, Gómez Besteiro, de facer gratuíta a autopista.

“O Goberno de Sánchez segue a ser unha peaxe para Galicia”, concluíu a secretaria xeral poñendo sobre a mesa os prexuízos que está a xerar para a competitividade da nosa Comunidade e para a economía das familias a negativa do Estado a transferir a titularidade da principal autopista de Galicia.

De aí que os populares galegos vaian “seguir loitando por que tamén aquí se levanten as barreiras e a AP-9 sexa galega” e facendo fronte a un Goberno que “reparte o de todos entre os seus socios e despois pretende que os demais nos quedemos coas migallas, que cede a todas as chantaxes e cuxo presidente é incapaz de recibir ao presidente da Xunta meses despois de gañar as eleccións”.

100 DÍAS DE GOBERNO DE ALFONSO RUEDA

Paula Prado aproveitou o aniversario dos 100 de goberno de Alfonso Rueda para reafirmar que o Goberno central “ten aquí un modelo de estabilidade e sentidiño, de cumprimento da palabra dada e de políticas que non dependen dos caprichos de terceiras forzas”.

Puxo en valor que o Goberno galego se puxo a traballar “desde o minuto un e sen perder o tempo en leas que non conducen a nada” e que, grazas a iso, o presidente Rueda e o seu equipo “poden presumir de cumprir un bo número de medidas prometidas para estes primeiros 100 días”.

Tamén quixo destacar que Galicia vai camiño de contar cos seus décimo sextos Orzamentos aprobados de xeito consecutivo en tempo e forma “para atender as necesidades dos galegos e das galegas”.

CONGRESO DO PP DE OURENSE

A secretaria xeral do PPdeG aproveitou a súa comparecencia para felicitar publicamente a Luis Menor polo seu nomeamento como novo presidente provincial do Partido Popular, amosándose convencida de que con el, “sairá gañando o partido e, sobre todo, sairá gañando todo Ourense”.

“Xunto a Diego Calvo, Elena Candia e Luis López, temos un póker de presidentes dos que nos sentimos realmente orgullosos, e que lideran con ilusión e faena o partido máis votado en cada unha das súas provincias. Todos eles encabezados polo mellor líder posible: o presidente Alfonso Rueda, concluíu.