O Grupo Popular pide ao Consello de Contas que realice unha auditoría operativa aos concellos que non cumpran coa obriga de render as súas contas

O Grupo Popular vén de solicitar ao Consello de Contas que incorpore no seu plan de traballo para 2025 a realización dunha auditoría operativa aos concellos que non cumpriron coa obriga de render as súas contas, segundo se prevé no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (LRFC). “A día de hoxe, os concellos de Redondela, A Rúa e Verín non presentaron en prazo ante o Tribunal de Contas a súa Conta Xeral do ano 2022, o que supón que se descoñeza a súa situación económica-financeira correspondente a ese ano e non poda ser obxecto de fiscalización por esta entidade”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos, nunhas declaracións realizadas en Redondela.

O artigo 223 da Lei reguladora das facendas locais recolle que a fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais, e de todos os organismos e sociedades delas dependentes, é función propia do Tribunal de Contas. Para iso, os concellos deben remitir a este organismo antes do 15 de outubro de cada ano a Conta Xeral sobre a súa situación económico-financeira e patrimonial, así como a execución e liquidación dos orzamentos, correspondente ao ano anterior.

ESPECIALMENTE ALARMANTE O CASO DE REDONDELA

Alberto Pazos concretou que neste momento existen tres concellos en Galicia que non presentaron en prazo a súa Conta Xeral correspondente a 2022: A Rúa, Verín e Redondela” e sobre este último municipio manifestou que “esta ausencia de transparencia nas súas contas é particularmente alarmante logo de que recentemente coñecéramos que este concello foi incluído, por primeira vez na súa historia, nun listado do Ministerio de Facenda polo impago aos seus provedores”.

En concreto, a débeda do Concello de Redondela cos seus provedores, segundo denunciou o Grupo Municipal do Partido Popular, segundo a información recollida nas actas da Comisión Delegada do Goberno de España para Asuntos Económicos supera os 3,3 millóns de euros desde finais do pasado ano 2022. “A principal consecuencia desta débeda é que o Goberno central vai tomar cartas directamente no asunto e comezar a ordenar o pago aos provedores”, apuntou o portavoz popular.

Para o abono destas débedas cos provedores, o Goberno central utilizará o diñeiro que lle correspondería ao Concello de Redondela do Fondo de Financiamento das Entidades Locais e, no caso de ser necesario, das partidas mensuais que o Concello ingresa con cargo á súa participación nos ingresos do Estado.

“Estamos diante dunha situación moi preocupante que vai afectar directamente aos servizos que presta o Concello de Redondela aos seus veciños, xa que esta situación acarrea a imposibilidade dos concellos de recibir subvencións procedentes doutras administracións que, no caso concreto de Redondela, xa supuxo a perda dun dos obradoiros de emprego solicitados”, sinalou Alberto Pazos.

Diante desta situación, e para que todos os concellos de Galicia sigan o exemplo de transparencia da Xunta á hora de render contas da execución do seu orzamento, o Grupo Popular solicitou ao Consello de Contas que realice unha auditoría operativa dos concellos galegos que non cumpran coa obriga de render as cúas contas en tempo e forma ante o Tribunal de Cuentas.

Pazos incidiu que “os veciños deben coñecer como están as contas dos seus respectivos concellos e como se xestionan os cartos que ingresas cos seus impostos municipais e con todas as aportacións que as entidades locais reciben doutras administracións”.

LIBERACIÓN DE PEAXES NA AP-9

Por outra banda, o portavoz do Grupo Popular referiuse ás ultimas afirmacións publicadas sobre a AP-9 e a eliminación das súas peaxes, porque “os galegos, e os redondeláns en particular, xa estamos cansos de innumerables promesas que o Goberno de Pedro Sánchez nos ten feito nestes anos sobre as peaxes e a transferencia desta autoestrada a Galicia”.

Alberto Pazos lembrou que, no caso de Redondela “seguimos á espera de que o Goberno de Pedro Sánchez leve adiante o compromiso, xa asumido polo Goberno de Mariano Rajoy, de liberar a peaxe entre Redondela e Vigo”. “Van xa seis anos desde que no verán de 2018 se nos prometera aos redondeláns que non iamos ter que pagar para viaxar pola AP-9 ata Vigo, pero as peaxes non pararon de subir neste tempo”, lembrou.

“A última mofa viu, como non podía ser doutro modo, do ministro de Transportes, Óscar Puente, quen alardeou levantar as peaxes da AP-7 en Alacante coa escusa de que “é pública”, facendo oídos xordos aos berros dos galegos e usuarios da AP-9 que levamos moitos anos pedindo a supresión das peaxes nesta autoestrada”, criticou o portavoz popular, quen avanzou que “desde o Partido Popular de Galicia seguiremos insistindo na demanda para que se supriman as peaxes na AP-9 e se transfira a Galicia, defendendo os intereses de todos os sectores económicos galegos e dos usuarios desta autoestrada”.

Ao mesmo tempo, engadiu que “esixiremos ao Partido Socialista que cumpra os seus compromisos anunciados durante a pasada campaña electoral para as eleccións galegas e elimine as peaxes da AP-9, algo que a bo seguro agradeceremos tanto os redondeláns como os galegos en xeral”.