O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, sinalou hoxe en rolda de prensa que o desprezo do Goberno central a Galicia “non ten límites e, lamentablemente, tampouco parece ter data de caducidade” en referencia ao acordo cos independentistas catalás “ que suporía 444 millóns de euros menos para Galicia anuais polo impacto que tería que Cataluña non participe no actual modelo de financiamento autonómico”.
Esta perda de recursos para Galicia “é un dato obxectivo e contrastable, por moito que lles pese aos socialistas galegos, cómplices desta nova aldraxe á nosa Comunidade” indicou o portavoz parlamentario.
Así, sinalou que Galicia perdería 270M€ anuais do Fondo de Garantía, ,83M€ do Fondo de Cooperación e “a nova situación comprometería tamén as transferencias de financiamento finalistas que reciben as comunidades, como son o financiamento das políticas de emprego e a de dependencia, cuxo impacto sería dunha perda de 91M€ anuais adicionais”.
Segundo afirmou Alberto Pazos “o xeito de gobernar do Goberno central, ademais de vulnerar a nosa Constitución, supón un novo atraco as carteiras dos galegos, do que son cómplices os socialistas e os nacionalistas galegos”.
DEPUTADOS A PÉ DE RÚA
Alberto Pazos sinalou que “fronte a un Goberno central que nin xestiona nin dirixe e incumpre os valores e normas básicas de convivencia, a estabilidade en Galicia permite ter a rutina saudable de aprobar en tempo e forma, e de forma consecutiva, os decimo sextos orzamentos, que permitirán xerar certezas e apoiar as familias galegas, medrando e distribuíndo a riqueza de maneira mais equitativa”.
Neste sentido, incidiu que “a nós tan só nos ocupa e preocupa o benestar dos galegos e continuamos neste tempo de verán coas nosas deputadas e deputados a pé de rúa, cos ollos e oídos ben abertos para detectar as inquedanzas reais da cidadanía galega”.
Deste xeito, sinalou que veñen de presentar iniciativas no Parlamento relativas, entre outros asuntos, a demandar a mellora dos servizos ferroviarios en Galicia, ante o caos experimentado este verán, e que se recuperen todos os servizos suprimidos por mor da covid, e que estean adaptados ás necesidades de mobilidade dos galegos.
Tamén destacou as iniciativas dirixidas á promoción dos produtos de proximidade, de horta, carnes, peixes e conservas, nos mercados locais dos concellos galegos e a renuncia do Goberno central a calquera iniciativa dirixida a restrinxir o consumo de produtos do mar, especialmente a pretendida limitación nas racións dos comedores escolares, entre outras iniciativas.
MANIPULACIÓNS E MENTIRAS SOBRE OS PÉLLETS
O portavoz popular tamén pediu na rolda de prensa “responsabilidades políticas a quen actuou con electoralismo danando a imaxe de Galicia e da nosa prestixiosa cadea mar-industria, manipulando desde o minuto un e de todas as formas posibles a chegada de pellets a Galicia o pasado mes de xaneiro”, despois das declaracións do fiscal xefe de Medio Ambiente do Estado referidas ao peche das dilixencias e nas que coincidiu plenamente coas manifestacións feitas pola Xunta sobre a pouca entidade e a non perigosidade dos mesmos para o consumo humano.
Alberto Pazos indicou que “parece de xustiza que quen se tomou tantas molestias en atacar a un sector esencial para Galicia faga un mínimo esforzo por solicitar as desculpas que lles deben a ese mesmo sector e ao conxunto dos galegos, así que agardamos con impaciencia ese momento por parte da señora Pontón e o señor Besteiro pola súa campaña de desinformación, mentiras e manipulacións neses días”.