O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, defendeu hoxe no transcurso da Deputación Permanente do Parlamento que “en plena crise económica, a Xunta foi quen de priorizar a saúde dos galegos e construír en Vigo un dos mellores hospitais de Europa, cun mínimo impacto nas contas públicas”.
Deste xeito, incidiu en que o informe do Consello de Contas sobre o Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo sinala que a fórmula de licitación alternativa suporía a renuncia da Administración autonómica á execución do gasto corrente ou doutros investimentos.
“A elección da fórmula actual permitiunos impulsar unha modernización sen precedentes na rede sanitaria galega que, en só os catro anos da construción do Hospital, sumaron un total de 145,2M€ distribuídos en obras e equipamentos nos principais hospitais galegos e en actuacións relevantes en 17 centros de saúde”.
Para Alberto Pazos resulta “escandaloso o exercicio de hipocrisía política” practicado polo BNG e PSdeG nas últimas semanas, “os mesmos que durante a bonanza económica foron incapaces de poñer un só ladrillo do Hospital e agora critican a colaboración público-privada, que eles mesmos xa contemplaban, segundo tiñan anunciado publicamente, e ademais é unha fórmula que eles empregan de forma recorrente cando gobernan”.
O portavoz popular lamentou a “utilización espuria” do BNG do Regulamento do Parlamento, empregando a Deputación Permanente “como ferramenta de propaganda coa que xerar alarma social en beneficio propio e prexuízo do conxunto da sociedade”. Unha clara mostra de “ese interese exclusivamente mediático é que ao comezar a actividade ordinaria na Cámara o que era urxentísimo deixa de ter interese e se non se acepta unha comparecencia non volven a solicitala, como adoitaron facer noutras ocasións”.
O portavoz popular puxo na súa intervención a comparativa coa adquisición dunha vivenda, “todo o mundo sabe que é máis barato pagala con medios propios que acudir ao financiamento pero este acelera o proceso de compra e a prioridade de ter un teito sen esperar a dispoñer dos cartos”.
“ E nós, coma os galegos, temos claras as prioridades: Vigo hoxe dispón dun Hospital público de última xeración, que salvou centos de vidas durante a pandemia, perfectamente dimensionado e cunha gran elasticidade, para atender a demanda de camas en función das necesidades reais de cada momento” indicou Alberto Pazos.
O portavoz popular dirixiuse aos grupos da oposición indicando que “xa sabemos que non podemos contar con vostedes para continuar mellorando o noso sistema público sanitario pero, polo menos, non estorben e, sobre todo, non mintan nin manipulen”.
E, dirixíndose aos representantes do BNG indicou que “teñen vostedes a mesma credibilidade nestas acusacións como cando afirman sentirse orgullosos do sistema electoral do señor Maduro, pero afortunadamente os galegos coñecen cal é a súa fórmula de xestión e non xestión e de democracia e non democracia”.