O PPdeG amosa o seu rexeitamento ao plan do Goberno central para limitar o consumo de pescado nos centros educativos

Faise eco do malestar do sector pesqueiro ante a norma na que traballa o Ministerio de Consumo e que establecería unha pauta de unha a tres racións por semana e só unha ao mes de rebozado

“Non logramos entender por que o Goberno de Sánchez se empecina en non buscar solucións ao descenso do consumo de pescado e en tomar o camiño erróneo”, sosteñen os populares

 

O Partido Popular de Galicia amosa o seu rexeitamento á proposta do Ministerio de Consumo de limitar a presenza de pescado nos menús escolares e insta ao Goberno central a tomar medidas para incentivar o consumo de produtos do mar en xeral e entre a poboación infantil e xuvenil en particular.

A través dos seus senadores na Cámara Alta, que prometen “dar a batalla” contra este plan, os populares galegos fanse eco do malestar do sector pesqueiro ante a noticia de que o Executivo está traballando nunha norma que aconsella aos centros educativos establecer unha pauta de alimentación de unha a tres racións de pescado por semana e só unha ao mes de rebozado.

Unha proposta que, tal e como sosteñen os populares, choca cos estándares establecidos pola OMS e vai no sentido “completamente oposto” aos informes emitidos polo do Comité Científico da Axencia Española Alimentaria e Nutrición, que recomendan o consumo de tres ou máis racións semanais.

“Non logramos entender por que o Goberno de Sánchez se empecina en non buscar solucións ao descenso do consumo de pescado e en tomar o camiño erróneo, en contra de calquera razón e do beneficio que para a poboación significaría aumentar a inxestión destes produtos”, sosteñen desde o PPdeG.

Lamentan que o Executivo “non se tome en serio” esta problemática e “as súas consecuencias no presente e no futuro do sector pesqueiro e da nosa economía”, polo que lle demandan que “cambie de rumbo” e comece por cumprir o mandato do Senado reducindo o IVE que se aplica aos produtos do mar.