O Grupo Popular pide a socialistas e nacionalistas galegos que abandonen a “procesión dos caladiños” e se apliquen para conseguir a xestión plena da nosa costa

A viceportavoz Cristina Sanz avanzou hoxe en rolda de prensa que o Grupo Popular ven de presentar unha iniciativa parlamentaria instando ao Goberno central a constituír, coa máxima celeridade, a Comisión Mixta de Transferencias para facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Administración autonómica poida xestionar a nosa costa e para pedir que a oposición galega se posicione “sobre se quere unirse e loitar polas nosas competencias ou prefiren continuar na procesión dos caladiños ante o desprezo que o Estado está a amosar con Galicia”.

A deputada popular instou aos nacionalistas galegos a “unirse a nós na defensa dos nosos obxectivos de país en vez de ocupar o seu tempo avalando eleccións moi dubidosas noutras latitudes” en clara referencia ao documento subscrito polo BNG no que lexitima o proceso electoral, “que cada día se amosa máis próximo á fraude que a un verdadeiro proceso democrático”, que proclamou a Nicolás Maduro presidente electo de Venezuela.

“Deixan o noso país e as nosas reivindicacións de lado non para contribuír a buscar solucións á grave crise que está a vivir Venezuela, senón para avalar as represións e violacións dos dereitos humanos que se están a producir no país, nun claro posicionamento radical a favor dun proceso ditatorial que está contribuíndo a afundir cada día máis ao país irmá” indicou Cristina Sanz.

Así mesmo, a viceportavoz popular instou aos socialistas galegos a “loitar contra os constantes ataques do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia e ao noso autogoberno” presionando para que se convoque canto antes a Comisión Mixta de Transferencias “ e que se tramite a xestión destas competencias, que ben poderían tratarse nunha xuntanza do presidente Alfonso Rueda co presidente do Goberno nunha reunión pola que seguimos agardando sen data e que está a supoñer un desprezo a todos os galegos”.

Os populares galegos consideran que, despois de 4 meses desde que o Tribunal Constitucional avalara por unanimidade a nosa lei do litoral, “afectada por un recurso sectario e incomprensible do Goberno central, é hora de que deixen de ser o Goberno máis sectario e máis prexudicial para os intereses de Galicia, coa conivencia dos grupos da oposición en Galicia, e comecen a mover ficha para que a nosa costa sexa xestionada desde Galicia”.

“É urxente evitar as ameazas que está sufrindo a nosa costa, coas preto de 4.000 edificacións en 82 concellos, que no pode ser xestionada desde un despacho en Madrid e moito menos ser obxecto de intereses electorais en detrimento do interese xeral dos galegos e galegas” indicou Cristina Sanz.

A viceportavoz popular sinalou que o obxectivo principal é garantir que Galicia teña a capacidade de tomar decisións e actuar de maneira efectiva na xestión da nosa costa, coas competencias recoñecidas para outorgar, prorrogar, modificar ou extinguir concesións para o uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

“Temos o dereito e agora é imprescindible que exerzamos as nosas competencias e completar un proceso de transferencia, iniciado hai máis de 40 anos, para consolidar o autogoberno pleno sobre a nosa costa” indicou Cristina Sanz e insistiu na necesidade de “celeridade ao Goberno central para evitar as ameazas que está a sufrir na costa, nas vivendas , nas empresas da cadea mar-industria, nos postos de traballo, nas depuradoras ou nos centos de edificacións de todo tipo”.

SEIS MESES DA GALICIA QUE FUNCIONA

A viceportavoz popular tamén fixo referencia na súa rolda de prensa á “Galicia que fai seis meses dixo con claridade que optaba maioritariamente pola moderación, a estabilidade e o sentidiño do proxecto que encarna o PPdeG co presidente Alfonso Rueda á cabeza”.

Un proxecto que continúa consolidando a senda do crecemento e abordando novos retos, tendo sempre como obxectivo en mente a mellora da calidade de vida dos galegos e as galegas, indicou Cristina Sanz e engadiu que “nese interese traballamos desde o primeiro momento desde o Grupo Popular, asumindo no noso proxecto a credibilidade e o compromiso como sinais de identidade”.

Compromiso no cumprimento da palabra dada, indicou Cristina Sanz, como puidemos valorar nos 100 primeiros días do Goberno de Alfonso Rueda, co cumprimento do 100% das medidas anunciadas para que Galicia continúe a ser referente en diferentes ámbitos.

Cristina Sanz sinalou medidas de relevancia como a gratuidade da matrícula universitaria, o impulso da nova vivenda pública e máis prazas para maiores e persoas con discapacidade nos 100 primeiros días do novo Goberno na Xunta.

Así como as referidas a solo industrial gratuíto os primeiros 8 anos, a redución da tributación das herdanzas entre parentes ou a ampliación da fecundación in vitro e da conxelación de óvulos.

Medidas sempre co obxectivo de acadar unha Galicia próspera e que non exclúa a ninguén na loita conxunta cara ao noso benestar como pobo, indicou a viceportavoz popular.