O Grupo Popular solicita a Ana Pontón que cese de inmediato ao deputado Luís Bará polas súas noxentas declaracións machistas menosprezando á nova directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta

Grupo Popular esixe á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, o cese inmediato do seu deputado Luis Bará polas noxentas declaracións machistas que realizou esta mañá ao menosprezar a competencia e o currículo profesional da nova directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia, así como a súa independencia á hora de adoptar as decisións oportunas e necesarias desde o seu novo cargo en beneficio de todos os galegos.

Resulta inconcibible que quen se vangloria de feminista e defensora dos dereitos das mulleres teña ao seu carón no seu partido e no Parlamento de Galicia ao señor Luís Bará, quen parece que aínda segue pensando no sometemento e na obediencia debida das mulleres aos homes en todos os aspectos da vida.

Desde o Grupo Popular consideramos que este tipo de declaracións non axudan en absoluto ao traballo que se desenvolve pola igualdade entre as mulleres e os homes desde todos os organismos públicos e privados, algo no que o Parlamento de Galicia, e principalmente os seus grupos parlamentarios, deben ser un exemplo.

Declaracións como as feitas esta mañá polo deputado do BNG Luís Bará non axudan en absoluto ao recoñecemento do valor profesional e a experiencia das mulleres, polo que consideramos que estas palabras carecen de sentido algún na sociedade actual e pedimos a Ana Pontón que o cese de inmediato. De non facelo, estaría demostrando que todo o que os nacionalistas galegos venden de feministas e defensores das mulleres son so palabras baleiras de contido e co único fin de vender unha imaxe totalmente irreal do que realmente representan.

O Parlamento de Galicia solicita a creación dun programa específico que apoie o emprendemento das persoas con discapacidade

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se solicita a creación dun programa específico que apoie o emprendemento das persoas con discapacidade, co obxectivo de mellorar a súa inserción socio-laboral.

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, manifestou que “a inserción laboral das persoas con discapacidade non so debe ser contemplada desde a óptica do emprego por conta allea, porque hai moitísimas persoas con discapacidade cun enorme potencial para emprender”. “O emprendemento non é so unha vía para a autosuficiencia económica, senón tamén un camiño para a autorrealización e a plena participación na vida económica e social de Galicia”, apuntou.

TRANSFORMAR A CONTORNA, CREAR EMPREGO E APORTAR TALENTO

Noelia Pérez asegurou que a través do emprendemento “as persoas con discapacidade poden transformar a súa contorna, xerar emprego para outras persoas e aportar o seu talento e visión ao tecido empresarial galego”.

Na súa intervención, a portavoz popular lembrou que a Xunta dedica este ano máis de 33 millóns de euros a promover o emprego inclusivo e apoiar ás persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. “Debemos asegurarnos que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, teñan as ferramentas necesarias para alcanzar as súas metas”, incidiu.

O PPdeG pregúntase cando vai recibir Pedro Sánchez a Alfonso Rueda e considera que se trata dun “desprezo a todos os galegos e galegas”

No Partido Popular de Galicia pregúntanse cando vai recibir Pedro Sánchez ao presidente Alfonso Rueda logo de que xa pasaran seis meses e medio desde as eleccións autonómicas e que neste tempo só houbese negativas que supoñen “unha falta total e absoluta de respecto institucional” e “un desprezo non só ao presidente autonómico de Galicia, senón a todos os galegos e galegas”.

“Estamos ante a constatación de que, unha vez pasado o 18 de febreiro, a Sánchez deixoulle de interesar Galicia”, afirmou a este respecto a secretaria xeral Paula Prado esta mañá nunha rolda de prensa na que se amosou escéptica ante o feito de que o presidente do Goberno anunciara unha rolda con todos os presidentes autonómicos: “¿Será certo que se celebrará esa xuntanza ou será unha mentira máis do señor Sánchez? No caso de producirse, a reunión co presidente Rueda chegará tarde, mal e arrastro”.

En contraposición a Sánchez e aos seus socios, que “elixen castigar a Galicia”, reivindicou ao Partido Popular como “o partido líder en toda España fronte aqueles que queren acabar co modelo e a igualdade actuais e aqueles que ven normalidade onde a gran maioría vemos feitos insólitos”.

Ironizou así co feito de que o PSOE e o BNG “vexan normal conceder un cuponazo a Cataluña, amnistiar a aqueles que só buscan a independencia e o fin da unidade territorial ou consolidar réximes ditatoriais como o de Venezuela”. Nada disto, remarcou, é normal. Como tampouco o é que “as infraestruturas de Galicia sexan agraviadas só porque aquí goberna o PP”.

A OPORTUNIDADE DE BESTEIRO

Paula Prado afirmou categórica que “o ­cuponazo catalán é unha irresponsabilidade que o Goberno de Sánchez segue xustificando cando non ten xustificación posible” e que “por iso hai cada vez máis líderes socialistas autonómicos que se sublevan e se posicionan en contra do seu líder”.

Uns líderes socialistas entre os que, explicou, non se atopa o galego Xosé Ramón Gómez Besteiro, que “lle debe todo a Sánchez” e ao que aconsella que “empece a pensar máis en Galicia e se poña do lado dos galegos e galegas”.

“O sábado ten unha gran oportunidade de seguir o camiño dos seus compañeiros máis sensatos. Eu propóñolle ao señor Besteiro que diga ‘non’ a máis privilexios para Cataluña e nos dea unha alegría a todos os galegos e galegas”, ironizou facendo referencia ao Congreso Federal do PSdeG que se celebrará nuns días.

O DO PSOE E O BNG NON É NORMAL

En contraste con toda esta situación, a número dous dos populares galegos amosouse orgullosa de que os líderes autonómicos do seu partido – tamén o presidente Alfonso Rueda – se vaian reunir mañá “para falar entre todos todo o relacionado coa financiación autonómica”. Algo que considera exemplificativo da “unidade” do PP “máis alá das particularidades de cada comunidade autónoma”.

“Do mesmo xeito, alégrame que Galicia sexa coherente co que opina a gran maioría dos galegos e galegas e que por iso a Xunta vaia interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de amnistía”, dixo antes de concluír que “hai que actuar con toda a contundencia cando existen normas que atentan contra os nosos intereses”.