O Parlamento galego pide ao Goberno central que se incorpore ao Consorcio para a Promoción da Música da Coruña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a incorporación do Goberno central no Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, co obxectivo de consolidar a súa actividade no plano institucional e económico.

A portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, salientou que a Xunta leva investidos neste organismo 36 millóns de euros desde o ano 2009, “o que demostra o firme compromiso con esta institución dedicada á difusión da música en Galicia”.

Carmen Pomar subliñou que o Consorcio para a Promoción da Música da Coruña “é un dos grandes proxectos culturais de Galicia, no que non só desenvolve o seu labor a Orquestra Sinfónica de Galicia, senón tamén un coro senior, as orquestras e coros infantís e xuvenís e a adscrición da Escola Municipal de Música, conformando un verdadeiro ecosistema de formación e difusión cultural de alta calidade e de indubidable pegada, tanto na formación de músicos e profesionais como na formación dos públicos máis diversos”.

IMPLICACIÓN

Na súa intervención, lembrou que a Xunta asinou en 2004 un convenio de colaboración co Concello de A Coruña co fin de financiar con fondos autonómicos a Orquestra Sinfónica de Galicia, a través do que viu realizando unha achega económica mínima de tres millóns de euros anuais. “Este importe mantívose inalterado ata o 2011, cando descendeu a dous millóns de euros motivado polo impacto da caída dos recursos públicos no contexto da gravísima crise económica que se vivía naquel momento, pero posteriormente volveu incrementarse progresivamente ata chegar de novo aos tres millóns de euros no presente ano 2024”, sinalou.

“O feito de establecer no convenio entre a Xunta e o Concello de A Coruña unha cantidade mínima de investimento debe interpretarse como a mostra dunha implicación real por parte da Administración autonómica na pervivencia dun proxecto cultural de envergadura da Orquestra Sinfónica de Galicia”, salientou a portavoz popular, quen engadiu que “a Xunta nunca abandonou o proxecto da Orquestra Sinfónica de Galicia nin a súa colaboración no Consorcio”.

Carmen Pomar dixo que na última Comisión de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña aprobouse, a petición da Xunta e do Concello, a elaboración dun plan estratéxico desta institución, que valore a situación actual e propoña un horizonte de obxectivos e actuacións que permita asegurar os seus fins fundacionais.

Deste xeito, e no marco de elaboración deste plan estratéxico, Pomar considerou “necesario aumentar o apoio institucional e económico mediante a implicación decidida doutras entidades públicas e privadas, como é o caso do Goberno central, que a día de hoxe non ten consignado apoio algún ao Consorcio para a Música da Coruña a diferenza do que fai con outras entidades culturais de relevancia como o Liceu ou o Palau en Cataluña, a programación de clásica e lírica de Bilbao ou actividades culturais en Oviedo”.

O PPdeG reivindícase como a opción “maioritaria” nas cidades galegas e a única garantía de “gobernos centrados en gobernar para a maioría”

O Partido Popular de Galicia reivindícase como a opción que os galegos “votaron maioritariamente en cinco das sete cidades” da nosa Comunidade nas pasadas eleccións municipais e como “a única garantía de ter gobernos centrados en gobernar e non pactos de perdedores nin alianzas centradas en permanecer a toda costa no poder”.

Así o reiteraron esta semana os populares galegos na reunión do seu Comité de Cidades, que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, e o coordinador deste órgano e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e na que tamén participaron representantes do partido en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

Unha convocatoria que estivo centrada en analizar a situación nas sete cidades galegas e revisar a folla de ruta para os vindeiros meses logo de transcorrer xa máis dun ano despois das últimas eleccións municipais, nas que, tal e como recordou Paula Prado, “a maioría dos galegos dixeron que querían un goberno do Partido Popular, aínda que os pactos de perdedores entre PSOE e BNG evitaron esa opción en máis dunha urbe”.

A secretaria xeral do PPdeG constata que, 16 meses despois destes comicios, certifícase que “esas cidades están demandando un cambio”. É o caso de Lugo, que “nin sequera ten a mesma alcaldesa e segue a sufrir un enfrontamento continuo no seo do bipartito”; da Coruña, cun PSOE “arrinconado polas tramas de urbanismo e a inseguridade cidadá”; ou de Santiago, que o BNG “segue convertendo no seu reduto de sectarismo a pesar de contar só con seis dos 25 concelleiros”.

Pola contra, Ferrol, cunha maioría do Partido Popular, “vai vento en popa, gañando poboación e atendendo día a día o que demandan a maioría dos veciños”. De feito, é a cidade que Prado sitúa como exemplo da diferenza entre “ter gobernos centrados en gobernar e aqueles centrados en permanecer a toda costa no poder”.

“Somos maioría os que non cremos a Sánchez e aos seus, que só miran para Cataluña mentres agravian a Galicia con cuestións tan importantes como as nosas infraestruturas, e os que rexeitamos os gobernos que só se poñen de acordo o primeiro día e logo botan catro anos enfrontados”, concluíu extrapolando a situación das cidades de Galicia co que acontece a nivel nacional.

REY VARELA: “SOMOS A ÚNICA ALTERNATIVA SERIA E DE MAIORÍA”

Nesta mesma liña se manifestou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reiterando a diferenza “entre ter un proxecto maioritariamente ou unirse para ostentar o poder a calquera prezo, incluso cando isto acaba prexudicando ás cidades e aos seus veciños”.

De aí que considere importante traballar de xeito coordinado entre as sete cidades galegas “para ofrecerlle a todos os veciños de Galicia unha opción de maioría e non caer en mans das minorías que, como co Goberno central, provocan unha falta de investimento na Comunidade no seu conxunto e nas nosas cidades en concreto”.

“O traballo que temos por diante é constituírnos como a única alternativa seria que siga conectando cos galegos e contando co seu apoio maioritario”, concluíu.