O PPdeG aposta por seguir modernizando o sistema educativo galego para consolidalo como “referente nacional e internacional en calidade e equidade”

O Partido Popular de Galicia reafirma a súa aposta por seguir facendo do sistema educativo galego “un servizo público que educa en calidade e en equidade, que garante a igualdade de oportunidades e que destaca en moitas variables a nivel nacional e internacional”.

Así o manifestou esta semana o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nunha reunión da Comisión de Educación dos populares galegos que estivo encabezada pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, e o coordinador deste órgano, Ovidio Rodeiro, e na que se analizou o inicio do novo curso na nosa Comunidade.

Un novo curso marcado, tal e como remarcan os populares, pola “maior modernización do ensino galego nos últimos 30 anos” grazas ás melloras que o Goberno galego asinou o pasado mes de outubro cos sindicatos educativos e das que destaca a incorporación de máis profesorado a pesar da perda de alumnado.

“Neste curso perdemos aproximadamente 3.200 alumnos, pero sen embargo ganamos profesorado. No noso obxectivo de mellorar a atención ao alumnado, este curso haberá menos alumnos pero máis profesores”, explicou Román Rodríguez ao tempo que destacaba a “normalidade” na que están transcorrendo estes primeiros días de curso na inmensa maioría dos máis de 1.100 centros educativos que se reparten por todo o territorio galego.

Unha normalidade que contrapuxo ás críticas de aqueles que “dicían que ese acordo era papel mollado ou que ía haber menos profesores” e que, en definitiva, o único que fan é “pura propaganda intentando maquillar os datos equitativos”.

“Ao final o tempo é o mellor xuíz fronte ao alarmismo e, fronte ao alarmismo interesado, está o traballo ben feito dos técnicos do Goberno galego, dos equipos directivos dos centros e de todas aquelas persoas que teñen a responsabilidade de garantir que o sistema educativo galego funcione con total normalidade tanto no inicio como ao longo do curso”, concluíu.