O PPdeG lamenta que o BNG volva aliñarse “cos que insultan a España” apoiando á presidenta de México cos seus aliados Esquerra e Bildu

O secretario executivo do Partido Popular no Exterior, o galego Antonio Rodríguez Miranda, lamentou hoxe que o BNG “sempre se aliña cos que insultan a España, faltan o respecto a todos españois e sempre están tentando quebrar as súas institucións”, en relación ao seu apoio ao seu apoio á president electa de México, Claudia Sheinbaum, ante a súa inxustificada decisión de non invitar ao rei Felipe VI a súa cerimonia de investidura.

Nunhas declaracións remitidas aos medios, Rodríguez Miranda manifestou que a líder do independentismo galego, Ana Pontón, “xa se quitou hai tempo a careta da moderación das pasadas eleccións autonómicas” e agora volve ir da man dos seu socios e amigos de Esquerra e Bildu en contra, coma sempre, dos intereses de España, e apoiando a decisión “inexplicable, inxusta e non procedente” da presidenta do país mexicano.

“O Partido Popular de Galicia sempre está do lado da defensa e respecto das institucións do Estado, e neste caso ao carón do Xefe do Estado. Nós sempre estamos coa Galicia real”, subliñou o representante popular.

Por último, Rodríguez Miranda sinalou que “o PSOE terá que pedir explicacións aos seus socios, no Goberno central e nun bo número de concellos, sobre esta provocación do independentismo galego ao Estado español” que “non se pode permitir” e ante a que o PPdeG “non pode calar”.

Paula Prado: “Cando se trata de Galicia, Pedro Sánchez prefire non declarar”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, logo da reunión celebrada o pasado venres entre Alfonso Rueda e Pedro Sánchez considera que “é unha pena que un presidente autonómico digno tivese enfronte a un presidente do Goberno de España que é indigno para todos os galegos e galegas”, xa que “cando se trata de Galicia, Sánchez prefire non declarar”.

Nunha rolda de prensa ofrecida hoxe na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos tildou de “frustrante” que o presidente Rueda acudise a esta  reunión “cun documento de 50 folios con peticións de Galicia, ben argumentadas e acreditadas” e a outra parte “fixese oídos xordos”.

Prado ironizou neste sentido asegurando que “Sánchez está collendo gusto a dicir o que lle respondeu ao xuíz Peinado” e que a súa resposta a todo o que ten que ver con Galicia é sempre a mesma: “Me acojo a mi derecho a no declarar”. Citou así o silencio do presidente do Goberno ante cuestións tan importantes como a transferencia e a gratuidade da AP-9, a mellora das conexións ferroviarias, o AVE Vigo-Porto, a chegada dos fondos europeos comprometidos ou o apoio a proxectos industriais estratéxicos.

Unha actitude que tamén se manifesta na “máis que probable” ausencia de Presupostos Xerais do Estado en 2025. “Unha consecuencia lóxica dun Goberno que cada vez ten máis pinta de Frankenstein, unha mostra máis da súa inestabilidade permanente, unha submisión absoluta ao independentismo e unha tomadura de pelo que o PSdeG e o BNG aplauden cada día desde Galicia”, apunta a secretaria xeral recordando ademais que todo isto se da “mentres se negocia un pacto fiscal con Cataluña co que cada galego e cada galega perderían 495 euros”.

“Moito ten que aprender Sánchez da Xunta de Galicia, que o próximo mes vai presentar os seus Orzamentos e que serán xa os décimo quintos que se aprobarán de forma consecutiva en tempo e forma para arrancar con eles o 1 de xaneiro”, concluíu ao respecto.

PROTESTA POLA LIBERDADE DE VENEZUELA EN GALICIA

Paula Prado tamén lamentou que tanto o PSOE como o BNG sigan negándose a recoñecer a Edmundo González como presidente de Venezuela e sigan incapaces de dicir que “o que hai nestes momentos en Venezuela, baixo o mando de Nicolás Maduro, é unha ditadura”.

Mostrouse especialmente crítica coas “declaracións vergoñentas” do expresidente Zapatero, ao que definiu como “embaixador de Maduro en España” e lle afeou que tivese o atrevemento de dicir que garda “lealdade” a Venezuela na presentación dun libro que leva por título La democracia y sus derechos.

Por todo isto e moito máis, anunciou que o PPdeG estará presente este sábado, a partir das 8 da tarde, na gran protesta mundial pola liberdade de Venezuela que terá citas en todas as cidades e vilas galegas.

153 ALCALDÍAS CO SELO DA ESTABILIDADE E O SENTIDIÑO

A secretaria xeral do PPdeG aproveitou ademais a súa comparecencia para felicitar a Pablo Barcia logo da súa elección esta mañá como novo alcalde do concello de Mondariz: “Pablo sabe moi ben o que hai que facer e como facelo para conseguir que o seu concello volva á senda do éxito”.

Deste xeito, o partido suma xa 153 alcaldías en toda Galicia e continúa sendo o partido con máis representantes. Todos eles, tal e como subliñou con orgullo Paula Prado, co “selo da estabilidade e o sentidiño do PPdeG”.

O Parlamento galego urxe ao Goberno central a aprobar unha serie de medidas para afrontar a escaseza de profesionais sanitarios

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se urxe ao Goberno central a adopción dunha serie de medidas de cara a afrontar a escaseza de profesionais médicos no sistema sanitario. En concreto, demándase que axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; modifique o sistema de elección de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades de medicina de familia e evitar prazas vacantes; acelere a incorporación das novas prazas acreditadas á oferta formativa; reforme o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos da idade máxima para o exercicio da profesión médica; e elimine a taxa de reposición, cando menos nos casos nos das especialidades consideradas como deficitarias polos distintos informes do Ministerio de Sanidade.

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lembrou que “a falta de médicos é o principal problema que sofre neste momento a sanidade, non só en Galicia, senón en España e boa parte do mundo”. “A consecuencia da inacción e das medidas erróneas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez é un déficit de médicos de familia que afecta a toda España”, para o que considerou “preciso mudar varios aspectos que afectan distintas etapas dos profesionais de atención primaria, desde a súa formación ata a idade de xubilación, pasando pola homologación de títulos e a taxa de reposición”.

AVANCES ESTE VERÁN

Encarna Amigo sinalou que, gracias á presión realizada polas comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, o Goberno central avanzou este verán na aprobación do Real Decreto polo que se crea a especialidade de médico de urxencias, aínda que non se poderán formar os primeiros especialistas ata o 2026, co que non estarán dispoñibles para a súa contratación ata 2030; e na flexibilización dos criterios de acreditación de centros e unidades para a formación de médicos residentes.

Así mesmo, a portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “mantén a súa negativa á solicitude das comunidades autónomas de que autorice a elevación aos 72 anos da idade máxima de xubilación, cando menos nas especialidades máis deficitarias”, ao tempo que considerou “imprescindible a homologación de títulos de médicos estranxeiros, que continúa bloqueada e con prazos de resolución que superan, en gran parte dos casos, os dous anos”.

Na súa intervención, Amigo destacou que “a Xunta leva tomado todas aquelas medidas que as súas competencias lle permitiron para intentar paliar o déficit de médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, medidas que cada vez que viñeron a este Parlamento non contaron nin unha soa vez co voto favorable nin do PSOE nin do BNG”. En concreto, salientou que estas medidas axudarán a que 0 84 por cento dos profesionais de medicina familiar e comunitaria que remataron a súa formación este verán en Galicia se queden traballando no Servizo Galego de Saúde.

O Parlamento de Galicia esixe ao Goberno central o cofinanciamento do 50% da dependencia e que abone os 2.500 millóns de euros que debe a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se esixe ao Goberno de España o cumprimento do cofinanciamento do 50 por cento da Lei de dependencia; que faga efectiva a débeda acumulada a favor da Comunidade galega pola prestación da dependencia, achegando unha cantidade que ascende aos 2.500 millóns de euros; e que renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñen o incremento de custos nas prestacións de servizos públicos de carácter social, sempre que non veñan aparelladas das transferencias de recursos económicos estatais suficientes.

A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, lembrou que a Lei de dependencia “establece claramente que na financiación da mesma as comunidades autónomas e o Goberno do Estado han de aportar a mesma cantidade: 0 50 por cento cada un”. “Pero isto nunca se cumpriu”, lamentou, para concretar que, “se o Goberno de Pedro Sánchez cumprise, en vez dos 655 millóns de euros que Galicia dedica á dependencia esta cifra ascendería a 900 millóns de euros”.

SOBRECUSTO DE 80 MILLÓNS

“Pero, lonxe de mellorar esta situación, o Goberno de Pedro Sánchez está a agravala coa aprobación no mes de xullo de 2023 dun Real Decreto que introduciu moitos cambios no acceso á dependencia, un Real Decreto que o propio Goberno central está a incumprir, que redactou sen consensualo coas comunidades autónomas e sen achegar financiamento algún, cando esta norma supón para Galicia un sobrecusto de 80 millóns de euros anuais, que asume a Xunta para que non recaia nos propios dependentes”, sinalou.

Raquel Arias salientou que a Xunta incrementa cada ano o orzamento destinado á dependencia, chegando este ano aos 655 millóns de euros. Neste sentido, afirmou que “mellorar a atención aos dependentes e as políticas sociais en xeral é un dos obxectivos dos orzamentos que neste momento está elaborando a Xunta para o ano 2025”.

Ademais, lembrou que Galicia puxo en marcha en 2023 un conxunto de medidas para reducir os tempos de espera para as valoracións. Así, a persoa que solicita a valoración agora so ten que presentar dous documentos e fai unha única petición para que se lle resolva o grao de dependencia e o programa de atención. “Como consecuencia destas melloras, e pese a que as solicitudes nos últimos anos aumentaron un 60 por cento, estase conseguindo rebaixar os tempos de espera nas valoracións”, apuntou.