Alberto Pazos amosa o rotundo rexeitamento á quita da débeda ás comunidades autónomas porque sería ruinosa e tremendamente prexudicial para Galicia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, amosou hoxe o “rotundo rexeitamento” á quita da débeda que está a barallar o Goberno de Pedro Sánchez para beneficiar ao independentismo catalán porque “sería ruinosa e tremendamente prexudicial para Galicia”. En concreto, dixo que con esta proposta a débeda de cada galego se incrementaría en 495 euros, ao tempo que non daría solución aos máis de 600 millóns de euros de déficit que cada ano ten que afrontar a Comunidade galega co actual sistema de financiamento a consecuencia dos custos que supón o envellecemento e a dispersión da poboación.

“Non á quita de débeda ás comunidades autónomas e si a un novo modelo de financiamento xusto, acordado multilateralmente e que permita pagar o custo dos servizos que Galicia necesita” sinalou Alberto Pazos, quen afirmou que “non imos permitir que Galicia sufra unha discriminación financeira despois de ser un exemplo á hora de afrontar a crise con medidas que permitiron conter a débeda ao tempo que prestar os mellores servizos a todos os galegos”.

O PEOR NEGOCIO DA HISTORIA

“Aceptar unha quita da débeda suporía o peor negocio da historia de Galicia, ao incrementar a débeda de cada galego en 495 euros”, sinalou o portavoz popular, quen explicou que, por unha parte, a débeda de Galicia se reduciría a pouco máis de 920 euros por habitante, pero, ao mesmo tempo, a débeda de cada galego, como participante da débeda de España, se incrementaría ata superar os 1.400 euros. “Pagamos entre todos o que dilapidaron uns poucos”, indicou.

Alberto Pazos criticou que o BNG utilizara no Pleno desta semana unha resolución aprobada por unanimidade no pasado Debate sobre o Estado da Autonomía para xustificar un suposto apoio do Grupo Popular a unha condonación da débeda. Neste sentido, explicou que o que realmente di esa resolución é que “no caso de condonación ás comunidades que se adherisen ao Fondo de Liquidez Autonómico, se compense equitativamente ás comunidades que non o fixeron”.

“O que temos moi claro é que rexeitamos totalmente a quita de débeda que o Goberno de Pedro Sánchez pon enriba da mesa para beneficiar ao independentismo catalán, porque sería ruinosa e tremendamente prexudicial para os intereses de Galicia”, incidiu Pazos. Ademais, anotou que, “se finalmente se leva adiante esta quita da débeda, Galicia debe ser compensada, como ben dicía a nosa proposta de resolución inicial que presentamos ao Debate sobre o Estado da Autonomía, e que serviu de base para a aprobación posterior por unanimidade da resolución que agora quere manipular a lideresa do BNG: que o novo modelo de financiamento autonómico ‘evite calquera privilexio unilateral, como pode ser a condonación de débeda, que non sexa froito do acordo entre todas as comunidades autónomas e que implique asignar menos recursos e competencias para Galicia que para outras comunidades autónomas’”.

FALTA DE RESPECTO AO ESTADO ESPAÑOL

Por outra parte, Alberto Pazos referiuse ao retiro que o Goberno galego celebrará esta fin de semana no concello lucense de Sober, onde teñen previsto avanzar nos proxectos a realizar e as prioridades de actuación nos vindeiros meses. “Mentres o Goberno galego se centra en traballar e deseñar actuacións a curto e medio prazo polo ben de Galicia e de todos os galegos, a lideresa do BNG non se lle ocorre mellor forma de exportar a súa imaxe que asistir en México á toma de posesión da súa Presidenta electa, respaldando a falta de respecto cara ao Estado español amosada polo Goberno mexicano coa inxustificada decisión de non aceptar a presenza do Rei Felipe VI a este acto e tentando abrir unha fenda innecesaria entre dous pobos irmáns”, indicou.

Neste sentido, manifestou que “pouco tardou o BNG en sacarse a máscara que se puxeron nas pasadas eleccións autonómicas, para pasar a amosar a súa verdadeira faciana e volver ao seu espazo natural: estar do lado de quen intenta bloquear e quebrar as institucións de España, faltando ao respecto a todos os españois unha e outra vez, como son os seus correlixionarios de BILDU e de Esquerra Republicana de Cataluña”.

“Desde o Grupo Popular non podemos permanecer calados, como si nada pasara, ante esta nova falcatruada do BNG, que se suma ao seu apoio confeso ao réxime de Maduro e a súa defensa dunhas eleccións en Venezuela que, segundo están a denunciar todas as institucións españolas e europeas, contradicindo o que opinan os dous representantes do BNG que asistiron como testemuñas a estes comicios, foron un auténtico fraude para manter ao réxime bolivariano no poder e expulsar ou perseguir a todo aquel que estea na súa contra”, rematou.

O Parlamento galego insta ao Goberno central a protexer os intereses do sector porcino de Galicia para minimizar as posibles consecuencias do peche da fronteiras de China a este produto

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados socialistas, a través da que se insta ao Goberno de España a protexer os intereses do sector porcino de Galicia de cara a minimizar os potenciais danos que poidan resultar da investigación antidumping iniciada pola República Popular China, aplicando para elo as medidas recollidas no Regulamento sobre a organización común de mercados agrícolas para minimizar o impacto nun sector estratéxico en Galicia.

O deputado popular Enrique Barreiro explicou que “España mantense, desde hai anos, como o primeiro exportador mundial de produtos de porcino a China, por diante de Estados Unidos e Brasil”. No caso concreto de Galicia, existen 2.500 explotacións con arredor de un millón de animais, nas que están empregadas máis de 4.000 persoas.

Recentemente, China anunciou o inicio dunha investigación antidumping sobre as exportacións de carne de porco da Unión Europea, que continúa a liña de investigación xa aberta a un produto como o brandy. “Estas actuacións foron desencadeadas polo anuncio, a mediados do mes de xuño, de que a Unión Europea imporía aranceis ás importacións de vehículos eléctricos de batería de China, á que se acusa de beneficiarse de subvencións inxustas”, indicou o deputado popular.

“Esta situación desencadeou decisións por ambas partes, onde os sectores agroalimentarios afectados, sen ter culpa da situación, vense abocados a unha crise ao pechárselle a porta das exportacións a China”, lamentou.

Enrique Barreiro engadiu que “a demanda chinesa de carne porcina supón unha parte moi importante da nosa produción a pesar de que se reduciu de forma considerable nos últimos dous anos a medida que o xigante asiático foi recuperando a produción perdida tras a entrada da peste porcina africana no seu territorio”.