O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá no Pleno da vindeira semana, a petición propia, para dar conta dos principais eixos e liñas de estratéxicas dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2025, así como os proxectos de lexislatura nos que traballa o Goberno galego.
Na mesma sesión, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que cumpra o compromiso de cofinanciar ao 50 por cento a atención á dependencia e abone á Xunta os máis de 2.500 millóns de euros que lle debe por este servizo; así como que intensifique a posta en marcha do tren de alta velocidade entre Galicia e a fronteira de Portugal.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, salientou que Galicia “volverá a cumprir cos seus compromisos e os galegos volverán a ter, un ano máis, orzamentos da Xunta en tempo e forma”. “Namentres, a nivel estatal temos un Goberno que é o máis claro exemplo de dependencia e sometemento á chantaxe dos seus aliados independentistas, obrigado a negociar o seu teito de gasto cun fugado da Xustiza e, ao mesmo tempo, mirar de non molestar aos seus aliados de Esquerra Republicada ou de Bildu para que non se enfaden e lle retiren o seu apoio”, indicou.
O BNG, SUMISO A PEDRO SÁNCHEZ
Neste escenario, Pazos explicou que “o único que pinta neste xogo o BNG é entregarlle sumisamente o seu voto a Pedro Sánchez, para que siga desprezando a Galicia e negándolle os investimentos que son necesarios para levar adiante proxectos estratéxicos”.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que cumpra co recollido no Real Decreto 675/2023, polo que se regulan as prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, cofinanciando o 50 por cento da prestación aos dependentes e saldando a débeda de máis de 2.500 millóns de euros que ten con Galicia pola falta de entrega dese cofinanciamento desde a aprobación da Lei de dependencia do ano 2006.
A modo de exemplo, o portavoz popular lembrou que o nivel mínimo que se paga por cada persoa atendida mensualmente debe financialo a Administración Xeral do Estado. “Porén, dos 100 euros que debera achegar para o grao I, só aporta 76 euros; e tan só 130 euros para o grao II cando debera aportar 150 euros, o que supón que, desde a entrada en vigor do citado Real Decreto, a débeda con Galicia polo impago das contías mínimas ascenda a 12,3 millóns de euros adicionais”. sinalou.
“Esta débeda sube cada mes na medida en que a Xunta de Galicia, cumprindo coas súas obrigas, incrementa mensualmente o número de persoas atendidas”, dixo Alberto Pazos, quen afirmou que “estamos fartos de que tanto BNG como PSdeG se presenten ante a cidadanía como os grandes defensores dos dereitos sociais, pero se poñan de parte do Goberno de Pedro Sánchez á hora de reclamar o que lle corresponde a Galicia, e que está a obrigar á Xunta a levar adiante un importante esforzo orzamentario que, en realidade, non lle correspondería”.
CONEXIÓN FERROVIARIA GALICIA-PORTUGAL
A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular leva ao vindeiro Pleno ten que ver coa mellora das comunicacións ferroviarias e pídese ao Goberno central que intensifique o compromiso coa posta en marcha do tren de alta velocidade entre Galicia e a fronteira de Portugal, para o que é imprescindible e urxente un calendario coas actuacións e investimentos precisos para facelo realidade no prazo máis breve posible. En particular, Pazos referiuse á necesidade de adecuar unha reserva orzamentaria suficiente para acometer a Saída Sur de Vigo; e avanzar no tramo que vai entre Porriño e a fronteira portuguesa
“Estamos a falar dun proxecto longamente demandado non só pola Xunta de Galicia, senón tamén pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, ademais doutros actores do tecido social e económico galegos, como a Confederación de Empresarios; as deputacións provinciais de Lugo, Pontevedra e Ourense; a Fegamp; ou as agrupacións europeas de cooperación territorial Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín”, afirmou.
Alberto Pazos considerou “lamentable que desde o Goberno de Pedro Sánchez estase a facer oídos xordos a esta demanda, unha postura totalmente contraria á defendida polo Goberno portugués, que si está a avanzar na planificación desta conexión ferroviaria”
No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno sobre o desenvolvemento da proposta de gratuidade da matricula universitaria, coa que Galicia se situou como a primeira comunidade que permite cursar un grao de xeito gratuíto desde o primeiro ata o último curso; sobre o proceso para conseguir a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial; e sobre o programa de experiencias curtas de aprendizaxe ou microformacións impulsado pola Xunta, unha iniciativa estratéxica para incrementar as oportunidades de emprego das persoas traballadoras e ofrecer solucións efectivas e inmediatas para cubrir as vacantes existentes no mercado de traballo.